Concello e Deputación acordan dotar de alumeado ao Rato e instalaran cinco puntos wifi na cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, mantiveron hoxe unha reunión que serviu para “abrir novas vías de colaboración entre as dúas institucións máis importantes da provincia, na mesma liña que nos últimos oito anos”, así como para desbloquear proxectos como a dotación de alumeado público no Paseo do Rato e a estrada provincial que discorre ao seu carón, actuación dotada con 1,4 millóns de euros, e a conexión wifi libre e gratuíta a internet en tres prazas da cidade, que estaban nestes intres sen executar por mor do cambio de goberno na Deputación.

O Presidente da Deputación explicou neste senso que o convenio para a creación das prazas wifi será aprobado na Xunta de Goberno Provincial deste venres para poder asinalo e iniciar as obras canto antes. Dotadas con 22.000 euros que achega a institución provincial, consisten na instalación de 5 puntos wifi: dous na fachada da casa consistorial, dous no templete da música para dar cobertura a toda a parte baixa da Praza Maior e unha antena na parte de atrás do consistorio para prestar servizo ás prazas Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo.

Polo que respecta á dotación de alumeado público ao Rato, Campos indicou que o convenio aprobarase en Xunta de Goberno de maneira inmediata, entre esta semana e a que vén. O proxecto afecta a un treito de 7 quilómetros  –entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón- e conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, achegados integramente pola institución provincial. Inclúe a colocación de 282 luminarias, unha instalación respectuosa co medio ambiente, eficiente e que minimiza o impacto ambiental. Ademais do propio paseo e a estrada, dotarase de alumeado aos accesos do Centro de Interpretación Terras do Miño e Centro de Cestaría.

Por outra banda, Méndez e Campos acordaron a urbanización, posta en valor e reorganización do tráfico da rúa Fermín Rivera, unha vía de titularidade provincial, pero que na práctica é de uso municipal, co fin de garantir a seguridade dos peóns e gañar aparcamento, unha actuación moi demandada polos cidadáns tras a peonalización da Ponte Romana, o que supuxo o bloqueo dunha das saídas naturais do barrio da Ponte. Esta necesidade que a Alcaldesa trasladou ao Presidente foi expresada polos veciños da Ponte e a directiva do Club Fluvial.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com