" />

Condenado a seis anos de cárcere por abusar sexualmente da filla duns amigos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de seis anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Lugo a un acusado de abusar sexualmente, de forma continuada, da filla duns amigos, a cal tiña 14 anos. O alto tribunal galego rexeita que o investigado descoñecese a idade da vítima. Así, salienta na sentenza que “o feito de que a nena non lla dixese verbalmente, non exclúe que o procesado a coñecera, nin que o tribunal formase a súa convicción, sen dúbidas, sobre tal extremo”.

O TSXG subliña na resolución que os maxistrados de primeira instancia chegaron a esa conclusión porque a proba é “certamente contundente”, pois ambas as familias, a da vítima e a do condenado, mantiñan unha “intensa e frecuente relación” e, ademais, o acusado participou no 14 aniversario da nena, “existindo fotografías onde pode verse o número 14, con velas, nunha torta de celebración”. Ademais, a Sala do Civil e Penal do TSXG recalca que tamén se acreditou que o procesado tiña coñecemento dos preparativos do 15 aniversario da menor. “Por todo iso, non podemos compartir que se estea efectuando unha presunción en contra do reo, antes ao contrario, pódese afirmar, compartindo o criterio da Sala de instancia, que ese coñecemento é unha certeza”, destacan os maxistrados no fallo, no que tamén indican que, por outra banda, o acusado era “consciente da ilicitude da súa actuación ao indicarlle que borrarse os WhatsApp que usaba para concertar as citas”. O TSXG, por tanto, rexeitou o recurso de apelación interposto polo condenado.

A Audiencia Provincial de Lugo considerou probado que o acusado, que tiña 30 anos cando sucederon os feitos, se aproveitou da confianza que tanto el como a súa esposa tiñan cos pais da vítima para, “con pleno coñecemento da súa idade”, comezar a enviarlle mensaxes a través de WhatsApp ata convencela para que fose ao seu domicilio e manter relacións sexuais con ela. Estes feitos sucederon en, polo menos, catro ocasións, segundo a sentenza.

O testemuño da vítima, ademais, está corroborado, segundo o fallo da Audiencia, polas declaracións da súa nai e polo contido do informe psicolóxico emitido polo Imelga. Os xuíces tamén destacan a concorrencia da denominada persistencia na incriminación, pois ao longo do tempo a menor mantivo a mesma versión, tanto ante os axentes como perante o xulgado instrutor e ante o tribunal da Audiencia Provincial, durante o xuízo. A existencia das relacións sexuais foi admitida polo procesado, quen negou saber a idade da vítima, un extremo que tamén rexeitou o TSXG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo