Continúa a campaña electoral en toda a provincia e en todas as frontes

A campaña para as xerais chegou hoxe ao segundo día e xa, coas maquinarias dos partidos a velocidade de cruceiro, as promesas electorais pódense escoitarpor todas partes. Non hai curruncho do país a onde non cheguen as mensaxes das diferentes opcións políticas.

Na capital da provincia a alcaldesa socialista, facía unhas declaracións sobre as promesas da chegada da alta velocidade a Lugo feitas onte pola ministra Ana Pastor e o Presidente da Xunta Alberto Rodríguez Feijóo nun mitin en Lugo “o anuncio do Partido Popular de que se goberna o PP Lugo terá AVE a Madrid,amosa unha vez máis o engano do PP aos lucenses. E continuou“novamente, e como en cada campaña electoral, o Partido Popular xoga a enganar á xente, pero o que é peor, é que son conscientes de que nos están mentindo, posto que non teñen intención ningunha de cumprir con esa promesa”.

“Non é soamente o feito de que o PP fale cando hai campaña e que o teña que facer na súa sede por medo a atoparse coas recriminación dos cidadáns. E que ademais non ten memoria, porque isto mesmo que se prometeu onte xa o prometeu Feijóo en 2009, dicindo incluso que supliría ao Ministro Blanco, ao Ministro que máis investiu en Lugo, para facer el mesmo o AVE a Madrid”, asegurou Méndez ao tempo que lamentaba que despois de 6 anos, Feijóo non soamente non fixo aquilo que prometera, senón que ademais non fixo tampouco o que debe facer un bo presidente, esixir en Madrid un tren de alta velocidade, que é o que demanda a cidadanía de Lugo.

“A partir do 20 de decembro non será o PP o que decida se o AVE chega a Lugo ou non”, aseverou a rexedora ao tempo que subliñaba que “os lucenses xa estamos fartos das promesas de Feijóo e do PP, pois non soamente é o AVE, tamén é o barrio da Residencia e mesmo o HULA. Como sempre dixen, as promesas que veñan do Partido Popular que vaian reflectidas no BOE ou no DOG para comezar a crer”.

Pola súa banda o portavoz do GPP no Senado e Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou hoxe que o PP “é o único que ten un proxecto crible e realizable, o resto dos partidos só ofrecen incerteza”. Barreiro fixo estas declaracións nun almorzo con representantes do sector pesqueiro da Mariña.

O portavoz popular no Senado insistiu en que só Mariano Rajoy ten “un proxecto de país e un programa de Goberno e fronte a el están  o PSOE e os experimentos”. “O único proxecto de Pedro Sánchez é chegar como sexa ao goberno e despois buscar un programa con calquera que lle apoie, aínda que isto implique derrogar o seu propio”, subliñou o líder dos populares en Lugo en referencia ás declaracións de Sánchez asegurando que non lle importaría pactar con Podemos e Cidadáns”.

José Manuel Barreiro dixo que un voto a Cidadáns é un voto ao PSOE porque Albert Ribeira “xa deixou claro que a súa opción preferida de goberno é unha coalición cos socialistas e Podemos. “Rivera quere que o voto de centro dereita para mandar á  sombra dun Goberno socialista”, matizou.

Barreiro asegurou que Mariano Rajoy é o único que representa “a estabilidade, a seguridade e a experiencia, o resto de candidatos nunca xestionaron nada, é necesario concentrar o voto no PP para evitar pactos de perdedores que o único que farían sería trasladar a España o modelo do caos que hoxe en día temos no Concello e a Deputación de Lugo”.

Para finalizar, José Manuel Barreiro destacou que o sector pesqueiro español volve vivir un período de estabilidade grazas ao aumento das cotas e aos novos acordos de pesca asinados polo Goberno. Neste sentido destacou que “o modelo de xestión implantado de respecto ás cotas asignadas ha permitido desterrar que somos un país incumpridor”.

Neste contexto, o número uno ao Congreso por Lugo, Joaquín García Díez, destacou a importancia da aprobación durante esta lexislatura da reforma da lei de Pesca Marítima do Estado, que permitiu “mellorar a situación socioeconómica do sector e, en particular, a situación da muller e fixo fincapé na aprobación, case por unanimidade, da Lei reguladora da protección social, que amplía os beneficios dos traballadores do mar”.

Pola súa banda a candidata de Nós-Candidatura Galega, hoxe polo sur da provincia, defendeu a necesidade de implementar, dende o estado español, políticas públicas da memoria sobre o esquecemento das vítimas da represión da guerra civil, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe, 79 anos despois do golpe militar fascista. Rodil visitou a tumba de Xosé Castro Veiga, coñecido como O Piloto, que foi o último guerrilleiro da loita antifranquista e que morreu asasinado pola garda civil, preto da presa de Belesar, o 10 de marzo de 1965.

Olalla Rodil afirmou que “a historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode construír sobre o silencio” e sinalou que, dende Nós, Candidatura Galega, apostaremos pola aplicación e aprobación dunha lexislación da memoria de carácter estatal. “Como punto de partida desta política, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff” engadiu Rodil. Olalla Rodil estivo acompañada do múmero dous ao congreso, Xosé A Ledo, e da cabeza de lista ao senado, Rosana Prieto.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com