Dentro da programación do décimo aniversario da Casa da Xuventude que organizou a área de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, enmárcanse dúas andainas polo Lugo máis xuvenil e un Escape Room de misterio.
Estas dúas actividades requiren inscrición, que pode realizarse xa a través do formulario de Inscrición a actividades da páxina web xuventudelugo.gal.
O resto de actividades son abertas ata completar aforo. Como toda a programación organizada por esta área, está dirixida a mozas e mozos de 14 a 35 anos. O programa do aniversario é de balde.
A actividade de Escape Room de misterio arrinca hoxe e estenderase ata o 17 de abril, de luns a venres de 17.00 a 18.00 h. e de 19.00 a 20:00 h., así como os sábados, de 11.00 a 12:00 h. e de 13:00 a 14.00 h. en quenda de mañá, e de 17.00 a 18.00 horas e de 19.00 a 20.00 horas en quenda de tarde. Na inscrición é preciso indicar o día e a hora elixidas. Os grupos serán de máximo 4 persoas por hora.
Este sábado, 10 de abril ás 12:00 horas comezará unha ruta sobre a Arte Urbana e Lugo, da man do guía local Guido Álvarez, e o domingo, 11 de abril, tamén ás 12:00 horas, será a quenda da andaina O Lugo máis xuvenil. O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude e na inscrición tamén é preciso indicar o día elixido.
O número de participantes determinarase seguindo as indicacións sanitarias.