Eduardo Iglesias, embaixador da marca turística Lugo Cambia no Rally Dakar 2020

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da tenente de alcalde de Monforte, Gloria Mª Prado, recibiu esta mañá no Pazo de San Marcos ao piloto de motos Eduardo Iglesias. O deportista portará a imaxe da marca turística Lugo Cambia, creada pola institución provincial, na competición do Rally Dakar na próxima edición, que se celebrará en xaneiro de 2020 en Arabia Saudita.

Durante a presentación desta colaboración da Deputación co piloto, por importe de 10.000€, Tomé Roca destacou a gran visibilidade que lle dá a provincia a participación de Iglesias nesta cita deportiva de proxección internacional, con mil millóns de espectadores potenciais a través da súa retransmisión nunhas 70 canles de televisión que se emiten en 190 países de todo o mundo.

“Eduardo Iglesias será embaixador de Lugo Cambia, o que significa que temos por diante unha oportunidade excepcional, pois a nosa imaxe estará no foco de todos os competidores, dos equipos, dos afeccionados e dos medios de comunicación chegados de todas as partes do mundo”, sinalou o Presidente. Engadiu, ademais, que “el é o primeiro galego que nos represente no Rally Dakar na modalidade de motos, un feito que é un  orgullo para toda a cidadanía”.

Nas palabras que lle dedicou, o Presidente da Deputación recalcou a importancia promocional e turística de apoiar ao piloto monfortino nun evento de proxección e recoñecido prestixio internacional coma este. “Debemos aproveitar este escenario idóneo para que se fixen en Lugo, porque temos un dos territorios máis ricos en patrimonio cultural, gastronómico e natural e temos que facerllo ver ao mundo” , explicou.

O piloto Eduardo Iglesias destacou a relevancia que ten para el que a Deputación de Lugo apoie a súa participación no campionato. “Sen apoios así non poderíamos estar en Arabia Saudita competindo, así que tentaremos volver cunha medalla desta competición que para min é un soño feito realidade”, asegurou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com