As empresas interesadas na desinsectación de San Paio de Narla e Tor visitan os museos para coñecer os traballos necesarios

As empresas interesadas na contratación da desinsectación nos museos de San Paio de NarlaPazo de Tor visitaron onte ditas instalacións para coñecer in situ os traballos que deben levarse a cabo neste patrimonio. Estes traballos enmárcanse nun plan integral, que inclúe actuacións nos propios edificios, salas de exposición e nas pezas, e que decidiu pór en marcha o Goberno da Deputación en xullo.

A Deputación tomou esta decisión tras constatar a necesidade de conservación deste patrimonio, tendo en conta que na última década non se tiñan executado de xeito integral estas actuacións, senón que se levaron a cabo intervencións parciais por coleccións. O Executivo deseñou e tramitou en tempo récord este contrato, publicado no BOP do 31 de xaneiro, dotándoo dun máximo de 72.625 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o 15 de febreiro.

Estes traballos garantirán a eliminación de xilófagos, que son habituais na madeira, en todos os obxectos expostos, nos soportes expositivos e nas estruturas das edificacións; así como a conservación do conxunto das pezas, que suman 5.000 en San Paio de Narla e Pazo de Tor. O plan contempla a fumigación xeral dos edificios co obxectivo de controlar a posible aparición doutros insectos en materiais de orixe orgánica, como coiro, papel, tecidos ou fibras animais e vexetais.

En definitiva, trátase dun plan integral que contempla traballos de conservación preventiva en ambos museos, a través da desinsectación, un dos métodos máis eficaces de conservación das coleccións. Cómpre sinalar que a última vez que se puxo en marcha un plan destas características, é dicir, completo ou integral, foi no ano 2002, no caso de San Paio de Narla; mentres que no Pazo de Tor fíxose en 2005. Entre tanto, leváronse a cabo intervencións parciais, por coleccións.

 

Aprobación e prazos

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou na sesión do 20 de xaneiro o prego de cláusulas administrativas e prescricións técnicas; este, rexe a contratación do servizo para a desinsectación integral de bens mobles e estrutura dos edificios dos museos Pazo de Tor e Torre-fortaleza de San Paio de Narla da Rede Museística Provincial, tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia do 31 de xaneiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com