" />

González Santín presenta oficialmente a súa candidatura para presidir a Deputación

Esta tarde tivo lugar a rolda de prensa dos socialistas lucenses, na que Juan Carlos González Santín presentou oficialmente a súa candidatura para presidir a Deputación Provincial de Lugo. Sumase deste xeito á candidatura presentada polo voceiro do PSOE no ente provincial, Manuel Martínez, que se postulaba hai varias semanas como candidato ao cargo.

“Estou en plenas condicións de facer pública a miña candidatura e fágoo dende a máxima lealdade ao partido, ao noso secretario Xeral, aos meus compañeiros e ao que decidiron os veciños e veciñas o pasado 24 de maio. Por iso, entendín que este era o momento”.

Asemade, González Santín falou de seguir consolidando “o traballo levado a cabo por un goberno progresista, e continuar e ampliar o legado que nos deixa Gómez Besteiro. Por iso, xa hai tempo que decidín dar un paso adiante; un paso que foi meditado pero totalmente convencido do que facía, pero que non quixen facer público antes para respectar aos compañeiros e os tempos do partido”, remarcou.

González Santín tamén quixo expresar o seu “profundo respecto” polo outro candidato a presidir o organismo provincial, recoñecendo que “é moi lexítimo” que tamén queira optar a este cargo. “Respecto escrupulosamente a súa decisión e quero recoñecer o seu traballo neste últimos anos na Deputación, así como a súa traxectoria política; un traballo que, sen dúbida, o avala. Por iso, quero deixar claro o meu absoluto respecto por este candidato e amigo”, subliñou.

O candidato tamén fixo referencia á posibilidade de que xurda unha terceira vía que opte á presidencia do organismo provincial. “Neste caso, tamén vou ser claro. Hai dous candidatos: Manolo Martínez e Juan Carlos González Santín. Somos un partido serio, de xente traballadora e honesta, que vai de fronte. Non hai ninguén agochado, agardando a pescar en río revolto. Proba delo é que, nas votacións que se levan feito noutros Partidos Xudiciais, todos os concelleiros sabían quen eran os candidatos a presidir a Deputación”, aclarou.

González Santín explicou cal vai a ser o proceso de votación que se desenvolverá mañá xoves, no Hotel Torre de Núñez, a partires das 20:00 horas, e á que están convocados os 97 concelleiros socialistas do Partido Xudicial de Lugo para elixir aos deputados provinciais que irán na lista do PSOE desta circunscrición.

Pola súa banda Manuel Martínez alcalde de Becerreá, declarou que no momento en que José Ramón Gómez Besteiro anunciaba que non ía ser de novo candidato, tomou a decisión de presentarse el como xa o fixera hai oito ano, mais  daquela declinou seguir adiante ca súa candidatura porque creu procedente parar.

Martínez declarou que os dous teñen a posibilidade de gañar e que pase o que pase el seguirá a traballar polo partido e polas institucións nas que estea.

Neste momento considera que como calquera outro militante do Psoe que sexa concelleiro ten a prerrogativa de presentarse, e por iso está exercendo o seu dereito ao presentar a súa candidatura para Presidente da Deputación.

Asemade continuou que mañá os 97 concelleiros do Psoe pertencentes ao partido xudicial de Lugo, escollerán libremente aos cinco deputados por esta demarcación.

Martínez subliñou que “deste xeito non se lle poderá votar a culpa a ninguén, pois ao ser secreto, cada concelleiro votará en conciencia e non poderá argumentar que foi presionado”.

As votacións poden dar un resultado de tres a dous ou catro a un, polo que calquera dos dous, aínda terá a oportunidade de ser Presidente da Deputación de Lugo se os seis deputados dos outros partidos xudiciais votan todos por un ou outro candidato na seguinte votación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo