Lugo acolle a presentación do primeiro Campionato Oficial de Pinchos e Tapas a nivel nacional

Hostalería de España presentou esta mañá en Lugo o primeiro Campionato Oficial de Pinchos e Tapas de España, que terá lugar o próximo 25 de marzo na Escola de Hostalería da Casa de Campo de Madrid.

Este certame, configurado como fase final dos diferentes concursos de tapas e petiscos adscritos e pertencentes ás Asociacións que integran Hostelería de España, ten ámbito nacional e poderán participar de forma gratuíta e voluntaria os representantes que ditas Asociacións seleccionen.

No acto de presentación, celebrado na cidade de Lugo, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo (Apehl), Cheché Real, destacou que “é todo un orgullo poder recibir na capital da nosa provincia a presentación do primeiro Campeonato Oficial de Pinchos y Tapas de España. Traballamos moito para conseguir que este acto se celebre finalmente na nosa cidade, representativa da cultura de tapas e da fantástica gastronomía lucense. Estou seguro de que esta será unha iniciativa que enriquecerá os concursos de tapas de toda España e enxalzará o valor que esta cultura ten en todo o noso territorio”. Ademais, Real adiantou que o representante de Lugo nesta ocasión será Álvaro Villasante, do restaurante Paprica.

Para José Luís Yzuel, presidente de Hostelería de España, este Campionato é “o resultado do esforzo de todas as asociacións rexionais por crear o mellor escaparate para que se luzan, ademais das mellores tapas e petiscos, os profesionais do sector e os magníficos produtos do noso país”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que “a gastronomía é o segundo motivo polo que os turistas elixen Galicia como destino, só por detrás da nosa natureza. Esta é unha gran oportunidade para promocionar as nosas tapas”. Neste mesmo senso, insistiu José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, quen presumiu “da boa gastronomía da provincia e dos bos produtos cos que contamos”.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, resaltou “a cultura das tapas como seña de identidade, parte do noso patrimonio cultural e da nosa oferta turística”, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosouse moi contenta de acoller esta presentación na cidade, pois “estou segura de que non hai outro sitio no que as tapas se ofrezan tan
ben elaboradas, tan saborosas e tan económicas. É un orgullo recibir esta presentación e estaremos encantados de acoller o propio Campionato na cidade en próximos anos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com