O Concello de Lugo celebrará este mércores, 24 de xuño, ás 20.00 horas no Círculo das Artes, o acto institucional de nomeamento de Xoán Montes Capón como Fillo Predilecto da cidade, culminando así o procedemento aprobado por unanimidade polo Pleno municipal o pasado mes de maio para recoñecer unha das figuras máis relevantes da historia cultural lucense.
Con esta máxima distinción honorífica, a cidade rende homenaxe a un músico que deixou unha pegada imborrable na vida cultural de Lugo e cuxo legado continúa vivo máis dun século despois do seu falecemento.
O recoñecemento coincide coa tradicional ofrenda a Xoán Montes que cada ano se celebra o 24 de xuño. A alcaldesa, Elena Candia, animou á cidadanía a participar nesta cita para arroupar unha das figuras fundamentais da cultura lucense.
Compositor, organista da Catedral de Lugo, fundador do primeiro coro da cidade, impulsor da Banda Municipal e pianista do Círculo das Artes, Xoán Montes está considerado unha das personalidades máis destacadas da música galega do século XIX e un dos grandes embaixadores culturais de Lugo.
A programación da xornada incluirá tamén as actuacións da agrupación de música tradicional Son de Lugh e da Banda Filarmónica de Lugo, que servirán de antesala a unha celebración que concluirá coa interpretación, a cargo do Orfeón Xoán Montes, de “Negra Sombra”, unha das composicións máis coñecidas e emblemáticas do músico lucense.
O nomeamento como Fillo Predilecto responde á iniciativa promovida pola Asociación Orfeón Xoán Montes e conta co respaldo unánime da Corporación municipal, que quixo recoñecer deste xeito a extraordinaria contribución do compositor á historia cultural da cidade.
Para a alcaldesa, esta distinción supón “recoñecer que a obra deste lucense forma parte do patrimonio cultural do municipio e de Galicia”.
Coa concesión desta máxima honra, Lugo salda unha débeda histórica cun creador que contribuíu de maneira decisiva á construción da identidade musical e cultural da cidade e cuxo legado continúa inspirando xeración tras xeración.






