Lugo saca os seus comercios á rúa

O presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, e a presidenta a Asociación de Autónomas de Lugo,
Marta López, anunciaron esta mañá, acompañados de membros do Concello e a Deputación, unha nova edición do Street Market, concretamente a décimo terceira, que se celebrará este venres en 90 establecementos comerciais de todos os sectores, que sacarán as súas mercadorías á rúa, e que se poderán atopar nunhas 20 rúas e prazas da cidade.

“En Lugo, o pequeno comercio fixo esforzos importantes para dar satisfacción ás necesidades das e dos lucenses, ademais de fomentar a creación de emprego e autoemprego. E por estes motivos, dende o Goberno de Lugo volvemos, unha vez máis, a apoiar esta iniciativa do colectivo de autónomas para axudar ao pequeno comercio, porque merece a pena comprar en Lugo”, subliñou a edil de promoción económica, durante a presentación. Así mesmo tamén subliñou o papel das autónomas e da súa tarefa, non sempre doada, de poñerse ao fronte dun negocio e mantelo durante anos; e trasladoulle o agradecemento de Lugo, pois os seus comercios enchen as rúas de moda, de vida e de luz.

Nesta liña insistiu a deputada Sonsoles López, que puxo en valor o traballo do colectivo organizador e do comercio lugués. Seijas tamén se sumou a estas felicitacións, cos desexos de que se repitan os éxitos das edicións pasadas.

Marta López, quen agradeceu a colaboración da entidade local e provincial, así como do colectivo do comercio, deu a coñecer que nesta xornada comercial haberá roupa de muller e de home, nenas e nenos, de deporte; calzado infantil e de adulto, lencería, bisutería, xoiería, peletería e roupa do fogar son algúns dos artigos que se poderán este venres nas rúas, con descontos de ata o 80%, en horario ininterrompido, de 10:30 a 21:00 horas.

A cooperación e a estreita colaboración entre o Concello, a Deputación de Lugo, que colabora a través da Fundación TIC, a Federación de Comercio e a Asociación de Autónomas, fan posible este tipo de iniciativas que benefician ao comercio local de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo