Lugonovo pide mellorar a xestión dos bens patrimoniais e culturais de Lugo

“Aproveitar tódolos recursos municipais e poñelos ao servizo dos lucenses. Un obxectivo para o que compre revisar a catalogación e o inventario de tódolos bens patrimonias e artísticos do Concello e darlles transparencia”.

A petición chega da man do Grupo Municipal Lugonovo, e consiste na elaboración dun listado actualizado que recolla unha relación das propiedades do Concello, como poden ser os terreos ou os solares que ten repartidos polo municipio, así como as obras artísticas (cadros, esculturas e o fondo bibliográfico).

“Unha escolma á que se lle debería dar publicidade a través da páxina web, nun exercicio de responsabilidade e transparencia, co fin de que os lucenses o coñezan, permita levar un control estrito e rigoroso sobre o mesmo así como cuidalo e protexelo e, o que é máis importante, poñelo ao alcance de tódolos veciños”.

“No caso das leiras – destaca o portavoz Santiago Fernández Rocha – implicaría tamén unha maior concienciación por parte do equipo de goberno para garantir a súa limpeza e mantemento pero tamén para darlles algún uso produtivo, destinándoas a servizos dotacionais, en función da zona na que se atopen, empregándoas como hortos públicos ou buscándolle calquera outra utilidade beneficiosa para Lugo, ata que teñan unha finalidade institucional clara”.

No que ten que ver cos bens artísticos, dende Lugonovo denúnciase tamén certa falta de consideración e de recoñecemento dalgunhas obras, como o reflicte que varios cadros estean sen pendurar, desaproveitados, tirados polo chan… “un feito moi cuestionable e que reflexa deixadez e despreocupación pola conservación dos mesmos”.

Para eles, Santiago Fernández Rocha apunta a posibilidade de retiralos dos despachos, “onde só os desfrutan uns poucos e sacalos a outros espazos públicos como poden ser os corredores e outras dependencias municipais ou os centros socioculturais, que permitan a súa exposición e unha maior divulgación. Son obras de valor extraordinario sobre as que o Concello ten a obriga de cuidalas, protexelas e difundilas entre a poboación e de publicitar o seu recoñecemento e respeto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com