" />

Lugonovo propón a instalación dunha fonte no Camiño Primitivo

Lugonovo propón un cambio na configuración da praza sita entre o Carril das Frores e a Avenida das Fontiñas para mellorar o servizo público que presta á cidadanía e, especialmente, aos peregrinos que transitan polo Camiño Primitivo.

“Este enclave é un punto de paso obrigado para as persoas que escollen este itinerario a Santiago e podería ser tamén unha boa zona de descanso non só para eles senón tamén para os residentes no barrio se, no canto de dispoñer só dun pequeno xardín, se dotase dunha fonte e se reubicasen os bancos cos que conta”, sinala Cristina Pérez Herráiz.

A voceira do Grupo Municipal explica que na última etapa deste roteiro a Compostela apenas existen mananciais ata chegar á capital polo que considera, á par de convinte, moi necesario poder ofrecer abastecemento de auga e un espazo de repouso, debidamente acondicionado e atractivo para a poboación.

“Falamos dunha intervención pequena, de escaso custo económico, pero moi demandada pola veciñanza desta parte de Lugo coa que o Concello amosaría, de paso, a súa vontade de construír un urbanismo pensado para a xente, acorde coas súas necesidades, cos seus costumes e cos seus hábitos de ocio”, subliña Pérez Herráiz.

A portavoz solicita tamén o incremento da limpeza na contorna e, sinaladamente, nas escaleiras que conducen a esta praza dende a Rúa San Eufrasio xa que, ante a ausencia de aseos públicos, acaban sendo empregadas como un váter ao aire libre, “co conseguinte cheiro e falta de hixiene que ocasiona e que esixe de maior esforzo no seu aseo”.

Por outra banda, a formación organiza este sábado, 22 de setembro, un percorrido reivindicativo, dende a Igrexa de Santiago do Castelo ata o Hospital de San Lázaro, no barrio da Ponte. Unha actividade que estará guiada polo historiador Ricardo Polín e coa que a Plataforma pretende poñer en valor unha parte do patrimonio local pouco coñecida até o de agora e descubrir as eivas que padece e as intervencións que precisa. A xornada inclúe, asemade, unha visita guiada ao emblemático templo da Virxe do Camiño, no Carme .

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo