Lugonovo propón a creación dun programa de apoio a estudantes estranxeiros

Lugonovo cre imprescindible recuperar un convenio asinado entre o Concello de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, subscrito polo, daquela, reitor Senén Barrio e Orozco, no que, entre outras cousas, busca facilitar o acceso de estudantes estranxeiros do Campus de Lugo a unha vivenda adecuada, así como favorecer a súa integración na nosa cultura. “Recolle ademais unha recepción institucional na Casa Consistorial para a benvida aos estudantes, ademais da entrega de información de interese para a súa estadía en Lugo. Por desgraza, malia estar asinado dende o ano 2009, non se está a cumprir en ningún dos ámbitos que se establecía”. Declararon responsables de Lugonovo.

A plataforma política opina que a “ relación entre Concello e Universidade é clave na potenciación de Lugo e no deseño de melloras orientadas á renovación da cidade. Ao mesmo tempo, a presenza de estudantes estranxeiros de programas Erasmus e Convenios Bilaterais é imprescindible para o sostemento de titulacións e o mantemento do alumnado do Campus de Lugo” Baixo esta premisa, “o grupo municipal Lugonovo estima necesario crear un Programa de Apoio aos alumnos estranxeiros”.

Asemade engaden, “este programa, no que se podería imbolucrar a Deputación Provincial, estaría encamiñado a facer da zona centro unha sorte de Distrito Erasmus, que permitise a integración dos e das estudantes, favorecendo ao mesmo tempo a promoción de Lugo como cidade de intercambio e acollida, mediante, por exemplo, a creación da figura de “Embaixador/a de Lugo en Europa” en cada unha das persoas que se acolleran a este programa. As vantaxes de que poderían desfrutar serían a gratuidade de museos, piscinas, actividades, etc. podéndose beneficiar tamén de prezos especiais en hoteis da cidade para as visitas que puidesen ter durante a súa estancia ou con posterioridade”

“A cidade de Lugo precisa dunha promoción seria tanto a nivel galego coma de cara ao exterior, e para iso é imprescindible valerse da poboación foránea residente no noso concello”. Rematan.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com