Lugonovo propón instalar puntos limpos móbiles para mellorar a recollida de residuos

O grupo municipal de Lugonovo, por medio do seu concelleiro Iñaki García Gómez, rexistrou o día de onte un rogo á Comisión de Desenvolvemento Sostible e Persoal, onde solicita a implantación de puntos limpos móbiles para a recollida de residuos non voluminosos, como xa se está a facer noutros concellos galegos.

En concreto, solicítase a posta en marcha de dous puntos móbiles, un destinado á área urbana e o outro orientado ás parroquias , onde pode haber unha maior proliferación de vertedoiros non controlados e onde a medida pode ter unha incidencia máis notoria na mellora do servizo.

Os puntos limpos son un elemento clave na recollida e separación de residuos perigosos, de cara á súa posterior xestión e tratamento. Trátase de instalacións que ofrecen un servizo moi importante a nivel de limpeza e protección medioambiental. Sen embargo, malia a importancia que ostentan estes puntos de recollida, a súa situación máis afastada dos núcleos de poboación provoca que non sempre se faga un uso correcto dos mesmos, moitas veces provocando que os residuos se desboten en colectores de uso común ou mesmo en vertedoiros non controlados, co conseguinte dano medioambiental.

Por esta razón cada vez máis cidades optan pola decisión de facilitar puntos limpos móbiles, coa finalidade de achegar aos veciños a xestión dos residuos non voluminosos e concienciar da reciclaxe mediante a recollida selectiva. Entre outros concellos, os de A Coruña e Ourense xa implantaron este sistema con moi boa acollida por parte da veciñanza, e cremos que é unha forma de facilitar a implicación da xente na mellora da recollida que existe a día de hoxe.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com