Dilili en París

Michel Ocelot chega a Codex Cinema

A partir deste venres, outro gran acontecemento chega a Codex Cinema. A nova película do mestre Michel Ocelot, Dilili en París terá a estrea nas nosas salas. Este cineasta converteuse nun ídolo infantil e xuvenil grazas á saga de Kirikú e a bruxa , unha serie de filmes tan divertidos como pedagóxicos, tan adaptados para todas as idades como minuciosos e elegantes, que xa forman parte da memoria colectiva de varias xeracións de nenos. Mais Ocelot é moito máis que esta serie de películas, o seu maxisterio é mundialmente recoñecido con cada novo traballo, como Azur e Asmar ou Os contos da noite.
Neste novo traballo, Ocelot viaxa ao París da Belle Epoque para contar a historia dunha pequena chegada de Nova Caledonia que ten que investigar un misterio entre as rúas de Montmartre, os paseos á beira do Sena, os bulevares ou os clásicos cafés da capital francesa. Ocelot plasma de forma maxistral todo ese mundo de luces e cores intensas, co seu estilo habitual e único, un mundo de capas de cores, dunha bidimensionalidade que recorda aos antigos espectáculos de marionetas.
Un filme que é unha explosión de sensacións e de culturas, un filme tan divertido e gozoso como altamente educativo e inclusivo, como sempre en Ocelot, un cineasta sempre curioso e atento a todo tipo de manifestacións artísticas, a falar das historias dos pobos desfavorecidos desde unha óptica aberta e sinxela.
Ocelot é un dos grandes narradores do cinema actual, á maneira de Hayao Miyazaki. Un artista de grande profundidade e complexidade, mais tamén atento a todas as idades e coa ambición de ensinar, de descubrir novos mundos. O filme ven recomendado polo Ministerio de Cultura como especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero.
Outro filme que aposta pola políticas inclusivas é a seguinte estrea Vivir rápido, amar lento (Plaire, aimer et courir vite), de Christophe Honoré. Estamos na Francia dos anos 90, nunha historia de amor tráxica entre dous homes que apostan con valentía por ser fieis aos seus sentimentos. A película é unha descrición sentida de toda unha época, a través da moda, das costumes e das músicas. Honoré é un director moi especial e diferente para o cinema francés, traballando en moitos xéneros e con moitas estrelas do cinema francés, como Isabelle Huppert, Chiara Mastroianni ou Louis Garrel.
Este novo filme de Honoré participou na sección oficial do Festival de Cannes de 2018 para despois concorrer no Festival de Cinema Europeo de Sevilla onde gañou o premio ao mellor actor. Honoré é un deses cineastas que sempre concorre nos grandes certames europeos e este último filme seu non foi unha excepción.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Lucia Barcelos
    Mai 31, 2019 - 11:04 PM

    Boa pelicul

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com