Mondoñedo inicia as obras do Museo da Imprenta

O Concello de Mondoñedo, a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, vén de iniciar as obras de rehabilitación da planta baixa da Casa dos Coengos e a súa adecuación como Museo da Imprenta. A actuación contará cun orzamento de 47.795 euros e terá un prazo de execución de 4 meses, aínda que se prevé que poida estar rematada no verán.

A alcaldesa en funcións, a popular Elena Candia, explica que con esta actuación se pretende recuperar e poñer en valor a historia da imprenta na cidade tan ligada ao movemento cultural.

Candia destaca que se cumpre unha débeda cos sucesores de Mancebo, que tivo a xenerosidade de ceder parte do material. O Goberno local agradece ademais a cesión da Casa dos Coengos por 25 anos e subliña a posta en marcha dun novo proxecto que naceu por unanimidade e a proposta dos veciños e veciñas.

A edificación elixida para o uso museístico é a planta baixa da coñecida como Casa dos Coengos na Rúa da Imprenta, situada na parte traseira da Catedral e que fai esquina á súa vez coa Praza do Seminario. O obxectivo é achegar a historia da imprenta en Mondoñedo de modo didáctico e comprensible para o público en xeral.

Para iso empregaranse medios gráficos e construtivos que sirvan de apoio ás pezas e que se completen coas explicacións precisas. Imaxes, gráficos, liñas cronolóxicas e textos formarán parte dos recursos a empregar. Haberá soportes gráficos e explicativos e audiovisuais nun espazo de 100 metros cadrados que se amosarán a través dunha lectura expositiva clara e amena.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com