Novas

Lugo coordinarase coas cidades do Eixo Atlántico para acoller refuxiados de Ucraína

A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico anunciou hoxe, conxuntamente co secretario xeral da entidade transfronteiriza, a acción coordinada que desenvolverán as cidades de Galicia e Portugal do Eixo para acoller refuxiados ucraínos que foxen do seu país en guerra. Xa son 21 os municipios que se sumaron, Lugo incluído, a esta resposta conxunta, aínda que se prevé que se sumen máis administracións locais.

A rexedora, que lamentou que fallasen as vías diplomáticas e pacíficas para dar unha resposta dialogada ao conflito Rusia-Ucraína, sostivo que “debemos defender sempre con firmeza a paz, a seguridade, a democracia e a liberdade”.

Segundo avanzou, a rapidez coa que se están sucedendo os acontecementos, que afectan principalmente a poboación civil, a intolerable acción de Rusia e o elevado número de persoas, máis de medio millón, que están intentado saír de Ucraína en menos dunha semana de conflito, fai necesario que as cidades europeas respondamos para evitar o colapso dos servizos nos países limítrofes que se están prestando a iso”.

Desde o Eixo Atlántico, segundo anunciou a súa Presidenta, contactarase hoxe mesmo coas embaixadas de Ucraína, en Portugal e en Galicia, así como co Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o Primeiro Ministro de Portugal, António Costa, para trasladarlles a disposición das cidades con capacidade para acoller refuxiados.

A alcaldesa indicou que os concellos actuarán cada un na medida das súas posibilidades, e que “será clave tamén a colaboración interadministrativa tanto co Goberno central como coa Xunta de Galicia para dar unha resposta integral ás necesidades dos refuxiados xa que a sanidade e o ensino non entra xa nas nosas competencias”. Así mesmo, destacou a necesidade de articular mecanismos de apoio coas entidades da sociedade civil.

Neste senso, explicou o Secretario Xeral, tamén “pedimos ás nosas cidades que en todos os foros nos que participen fagan unha chamada á solidariedade doutros municipios e da cidadanía co fin de concienciar na necesidade de actuar dunha maneira coordinada”. 

No tocante ao Concello, a rexedora anunciou que Lugo activou xa desde á area de Benestar Social a planificación de acollida, que incluirá os pisos de emerxencia social que ten o Concello, deixando a porta aberta á posibilidade de alugar máis, así como o contacto directo e permanente para traballar man a man con colectivos sociais como Accem ou Cruz Vermella na integración social e laboral dos refuxiados.

O Concello de Lugo nomeada Mellor Entidade Pública na xestión de proxectos deportivos

A Alcaldesa de Lugo e o edil de Deportes recollerán en Vigo o premio que a Sociedade Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) outorga ao Concello de Lugo na categoría de Mellor entidade pública galega. Este galardón entrégase a municipios de máis de 15.000 habitantes ou outras institucións públicas “pola xestión de plans ou proxectos de actividades, espazos ou infraestruturas e calquera outro recurso que contribúa á mellora e desenvolvemento da deporte no ámbito territorial da súa competencia”.

O galardón vén de recoñecer o traballo que ven desenvolvendo o Goberno local ao longo dos últimos anos, “no relativo á promoción, desenvolvemento e difusión do Deporte como eixo vertebral do modelo de cidade. Impulsando a práctica do deporte como recreación, divertimento e complemento fundamental da formación integral durante todo o ano, tanto en períodos lectivos, como en fins de semana e épocas vacacionais”, incidiu a rexedora.

Lugo, pode presumir, apuntou o edil titular da área, de ser “a cidade galega que dispón de máis e mellores instalacións públicas para todo tipo de prácticas deportivas, o que é realmente importante para potenciar o deporte base”.

Entre os méritos, o xurado valorou a ampliación da dotación de espazos deportivos ao longo do municipio, así como a promoción da práctica deportiva como un instrumento para a adquisición de valores tales como a solidariedade, a colaboración, o diálogo, a tolerancia, a non discriminación, a igualdade entre sexos, a deportividade e o xogo limpo, promovendo a implicación e a activa participación das familias para o desenvolvemento das diferentes actividades, a través das asociacións ou clubes.

Así mesmo, se tiveron en conta os programas deportivos con gran impronta na poboación, como o popular circuíto de carreiras populares ‘Corre con Nós’ que, desde hai máis de 20 anos, saca á rúa a grandes e pequenos levando o deporte popular polos barrios de Lugo; os proxectos de formación e sensibilización dunha vida saudable para a poboación e o apoio aos clubs deportivos da cidade, incrementando anualmente as axudas económicas que se achegan coas subvencións municipais, e o apoio aos talentos deportivos que xorden cada ano para que poidan compaxinar estudos e adestramento.

A Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), entre as súas actividades, convoca anualmente os Premios Galicia á Xestión Deportiva para distinguir a persoas e entidades que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento e excelencia da xestión deportiva do sector público e privado en Galicia.

Os galardóns serán entregados ás 20.00 horas do venres, 4 de marzo, na sede de AFUNDACION de Vigo, no transcurso dunha Gala organizada polo Concello de Vigo co apoio de AGAXEDE (Asociación Galega de Xestión Deportiva).

A Rede Museística ofrece material didáctico sobre igualdade a centros educativos e familias

A Rede Museística Provincial pon a disposición de profesorado e familias diferentes materiais didácticos sobre igualdade de xénero. Trátase cadernos dirixidos a diferentes idades e etapas educativas con actividades deseñadas a partir dos fondos e coleccións do Museo de Lugo, do Museo do Mar de San Cibrao, do Pazo de Tor e do Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

O obxectivo común é promover o coñecemento e recoñecemento de mulleres artistas, contribuír a eliminar os prexuízos sexistas a partir do debate sobre a representación das mulleres nas creacións artísticas e identificar e valorar o papel das mulleres no desenvolvemento das sociedades, en especial nas comunidades rurais.

O material presentouse esta tarde no Museo de Lugo nun acto no que participou a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e persoal dos distintos museos.

Encarna Lago subliñou que “este paquete educativo incorpora por primeira vez actividades penadas para as familias, que complementan as propostas para o ámbito escolar” e incidiu en que “con este material didáctico se proporcionan recursos para traballar e comprometerse coa igualdade durante os 365 días do ano”.

As actividades están deseñadas para seren realizadas tanto de forma presencial como en liña, coas visitas inmersivas  que se ofrecen a través da plataforma comunidadermpl.es. As unidades didácticas estarán dispoñibles para descarga na web da Rede Museística Provincial.

Román Rodríguez resalta o “salto cualitativo” arquitectónico do novo edificio de madeira do Politécnico

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cualificou hoxe dun “salto cualitativo dende a perspectiva arquitectónica” o novo edificio para os ciclos de carpinteiría da familia de madeira e moble que a Xunta construíu no Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo.

En concreto, esta nova construción, de concepción “innovadora e sostible” está realizada con estrutura e acabados en madeira de orixe local, convertíndose así no primeiro edificio educativo realizado integramente neste material.

Cunha superficie útil de máis de 700m², o novo módulo alberga tres talleres, dous porches, vestíbulo, departamento de profesores e aseos, así como e local para instalacións.

O titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou que o Politécnico vai formar parte da nova área educativa que a Xunta está a crear no centro da cidade de Lugo, “a urbe que máis investimento en obras educativas está a concentrar neste momento en toda Galicia, superior aos 8M€ no período 2020 -2021”, sinalou. Así mesmo, lembrou que o importe das obras acometidas na cidade da Muralla desde 2009 suma xa 21,2M€.

Neste sentido, o conselleiro salientou que neste curso se puxeron a disposición da comunidade educativa de Lugo o novo colexio Sagrado Corazón, cun investimento de 4,6M€, a ampliación do IES Muralla Romana (0,5M€) e os novos talleres do Politécnico, ademais de destacar as obras que se están a desenvolver no instituto Sanxillao (1,8M€).

De cara ao futuro, a Xunta continuará reforzando o seu compromiso coa renovación das infraestruturas educativas da cidade da Muralla, co fin de renovalas na súa maioría, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a nova folla de ruta coa que o Goberno galego vai adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe. Cun orzamento de 191 M€ nesta lexislatura, o plan prevé medio millar de actuacións en colexios e institutos, o que supón melloras en catro de cada dez centros escolares.

Arde Ucraína

Tódolos nosos desacougos quedaron relegados a un plano secundario cando despois de ameazas e esixencias contemplamos en directo o sacrificio de todo un pobo en desamparo diante da barbarie asasina do invasor. As imaxes métennos no drama e queiman os nosos ollos que non se poden pechar diante da brutal evidencia.

As grandes guerras do século XX, xurdiron porque megalómanos absolutistas coidaron crear un mundo novo sobre millóns de mortos inocentes. Velaquí o exemplo dun mandatario que desafía ao vello mundo poñendo mortos na mesa de negociacións, fronte a democracia, diálogo e dereitos humanos.

Occidente ten as de perder fronte ao peso das armas, fronte ao sangue, suor e bágoas cando só pode esgrimir leis, dereitos, vidas… e represalias económicas, civilizadas, elegantes. Só palabras fronte a cañóns, berros contra as bombas, bágoas fronte a artefactos nucleares.

Como civilizados habitantes de países democráticos, temos as de perder, pero gañamos como seres humanos. Triste consolo o de sufrir nesta vida para triunfar moralmente na seguinte. Aínda que falaramos ruso coa maior corrección, Putin non nos entendería. Pero enténdenos moi ben sen comprendernos. Coñécenos demasiado ben, e sabe que occidente nunca se poñerá á súa altura.

No tempo no que en occidente os animais están conseguindo case os mesmos dereitos ca os seres humanos, Putin sabe que tratando aos seres humanos peor ca se foran cas, non conseguirá respecto pero si medo, e ningún gobernante civilizado dun país democrático lle aplicará nunca a razón da forza, aínda sabendo que con el non vale para nada a forza da razón.

Detido en Riotorto por violencia doméstica logo de agredir ao seu fillastro cun machado

Axentes da Garda Civil en Riotorto a un veciño da localidade como presunto autor dun delito de violencia no ámbito familiar logo de ser o sospeitoso dunha agresión ao seu fillastro cunha machada. Así, segundo informan axencias de comunicación, a Garda Civil tivo constancia dun presunto caso de violencia doméstica na localidade logo de ser alertada por un particular.

Unha vez no lugar dos feiros, os axentes atoparon a un mozo que presentaba cortes en diversas partes do seu corpo. Segundo a propia testemuña do rapaz, as feridas fíxoas ao tentar defenderse do seu padrastro logo de que este atacarao cun machado.

No mesmo senso, a nai da vítima informou aos axentes da Benemérita que o sospeitoso tamén a empurrara a ela. Ambos manifestaron a súa intención de denunciar os feitos e foron trasladados en ambulancia ao PAC da localidade para recibir atención médica.

O presunto agresor xa foi detido.

Os Microefectos Dramatúrxicos voltan co microteatro ao Clube Clavicémbalo de Lugo

Logo de tres meses dende a sesión de decembro os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Clube Clavicémbalo este xoves, venres e sábado en pases de 20:30 e 22:30. Nesta sesión representaranse, coma sempre, catro pezas novas. Poderanse mercar entradas a través da plataforma dixital Woutick no seguinte enlace: https://www.woutick.es/evento/12148/entradas-microefectos-dramaturxicos.

En cada pase haberá setenta entradas disponibles a vender online e vinte na billeteira.

O grupo, que cumprirá nove anos durante este mes de maio, pon en escena pezas teatrais duns 15 minutos de  duración nas que contan historias da vida para rir ou chorar, cunha escrita directa e actual, que cada tres meses  practicamente completa o aforo do Clavi.

Pezas

Viaje al borde de la tierraParte 1 Escribe e dirixe: Pepe Saavedra. Interpretan: Raquel López Cendán, Anxo Manoel, Elvira Velasco e María Grandío.

Fiera de serieEl último afilador vivo Escribe e dirixe: Brian Rodríguez. Interpretan: Brais García, Brian Rodríguez, Anxo Manoel, Conchi Madrina e Elvira Velasco.

Helsinki Escribe e dirixe Raquel López Cendán. Interpretan: María Grandío, Anxo Manoel e Raquel López Cendán.

Viaje al borde de la tierra – Parte 2 Escribe e dirixe: Pepe Saavedra. Interpretan: Raquel López Cendán, Anxo Manoel, Conchi Madrina e Brais García.

Manu Chao tocará dous días na Sala Tebras logo de esgotar as entradas en poucos días

Diante da realidade, non se pode facer máis que buscar solucións. Así o fixeron Manu Chao e a Sala Tebras que, tras ver como as entradas para o acústico do artista francés esgotábanse en poucos días, tomaron a decisión de fixar unha nova data no calendario para todos aqueles seguidores que se quedaran sen poder mercar entradas.

Así, ‘El Chapulín Solo’, como se fai chamar o propio artista, tocará na Sala Tebras o día 13 de marzo, como estaba previsto; pero tamén o fará dous días despois, o 15 de marzo. 

Os horarios e os prezos das entradas manteñense iguais nos dous casos. Así, o concerto comezará ás 21 horas, sendo a apertura de portas unha hora antes.

No tocante ao prezo, será igual que ata o momento, de 20 euros máis gastos de xestión. Con todo, se quedaran algunha para o día do concerto, en billeteira poderánse adquirir por 25 euros.

Dende a Sala informan ademáis que o día 13 non haberá posibilidade de adquirir entradas en billeteira.

Lugo baixa dos 100 positivos diarios por primeira vez dende decembro

A sexta vaga da covid segue remitindo en Lugo e faino con boas novas tamén no relativo aos positivos diarios. E é que, por primeira vez dende o pasado 21 de decembro, a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, baixou do centenar de positivos detectados nun día.

Así, segundo os datos ofrecidos polo SERGAS, Lugo conta hoxe con 2.238 casos activos, 245 menos que un día antes. Unha rebaixa que vén dada tamén por un mantemento das altas médicas, que nas útlimas horas chegaban ata ás 49.364, dende o inicio da pandemia. A esto hai que sumar ese descenso importante de positivos que se cifraron onte en 93, a cifra máis baixa dende o decembro pasado.

Con todo, a presión asistencial continúa a amosar un importante número de ingresos. Nas últimas horas, no total dos hospitais da provincia rexistrábanse 52 pacientes covid ingresados, 5 máis que un día antes. A boa nova a este respecto é que todos se atopan en unidades convencionais de hospitalización e que a UCI continúa baleira.

Por hospitais, o Hula sumaba catro pacientes e chega ata os 35, o Hospital da Costa sumaba un e chegaba aos 10, un máis que na xornada anterior, e o de Monforte, conta con 7 pacientes, os mesmos que un día antes.

A outra boa nova e que Lugo non rexistrou ningún falecemento relativo á covid, e mantense con 310 falecidos dende o inicio da pandemia.

Cervo acollerá a XII Ruta de Enduro Medela MTB o vindeiro domingo

A XII edición da Ruta de Enduro Medela MTB celébrase o vindeiro domingo 6 de marzo. A cita deportiva foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil delegado de Deportes, David Rodríguez, e membros do Club Medela, Abel Ordas e David Riera.

A proba, de dificultade media-alta, será de 33 quilómetros, e 1.400 metros de desnivel acumulado e permitirá desfrutar de 4 tramos perfectamente acondicionados polos membros do Club “que levan meses traballando no trazado para que ese día os amantes das dúas rodas poidan gozar dunha competición de primeiro nivel no Concello de Cervo”.

Villares e Rodríguez quixeron agradecerlles unha vez máis aos integrantes da asociación o seu traballo “porque eles son os responsables do éxito desta competición á que dedican moitas horas do seu tempo logrando facer do noso municipio un marco excepcional para a práctica deste deporte”. Esta proba á que cada ano asisten máis de 200 corredores –engadiron- “é unha excelente oportunidade tamén para dar a coñecer a riqueza paisaxística e o patrimonio natural que temos en Cervo”.

A saída está prevista para as 9:30 horas na Piscina de Lieiro. Os dorsais pódense recoller o sábado, día 5 de marzo, no restaurante O Noso Lar, en horario de 19:30 a 21:00 horas; e o mesmo día da proba, entre as 8:00 e as 9:15 horas, na piscina municipal. Hai un total de 250 prazas e as persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores, 2 de marzo, a través da web www.fgalegaciclismo.es , e podedes atopar máis información na páxina de facebook Club Medela Mtb.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com