Novas

O Concello presenta os orzamentos de 2022 como os da “recuperación social e económica”

O Goberno de Lugo vén de presentar un proxecto orzamentario para o vindeiro ano que describiron como “expansivo e solidario” no que prevén continuar coas medidas implementadas este ano para “saír reforzados da crise” xerada pola pandemia da Covid. Así o dixo a rexedora que presentou este documento acompañada do tenente de alcalde e o voceiro do Goberno.

Así, segundo avanzaron os mandatarios, estes orzamentos preséntanse como os da “recuperación económica e social”, unhas contas que ascenden a 106’8 millóns de euros (106.876.755 euros), case medio millón máis que o ano pasado (un 6’8% máis respecto ao exercicio do 2020).

Así, a falta de ser aprobado no pleno extraordinario  do vindeiro luns, 20 de decembro, a rexedora sinalou tamén que “co investimento, de 11 millóns de euros, ao que se sumarán 8 millóns máis dos fondos Next Generation, avanzarase na Segunda Transformación iniciada no 2015”. Ademáis, o emprego é unha das grandes prioridades do Goberno, segundo explicou polo que impulsa con 4’8 millóns o emprendemento, que se sumará a reindustralización do Lugo Transforma.

No lado social, o Goberno prevé destinar para políticas sociais preto de 30 millóns de euros, o 28% do orzamento, onde destaca o crecemento nun 12% para o Servizo de Axuda no Fogar e dun 39% para o Centro de Día.

Pola súa banda, o tenente de alcalde destacou que “estes orzamentos fan unha cidade amable para as persoas”, e anunciou obras en rúas e alumeado por valor de 2’8 millóns de euros”. Medio Ambiente destinará 1,8 millóns para o Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís en todos os barrios e no acondicionamento de espazos e prazas públicas.

Unha área que tamén xestionará os maiores contratos de servizos, a limpeza da cidade e recollida de lixo, con 13 millóns anuais, e o mantemento de zonas verdes, de 3’4 millóns.

A rexedora explicou que os orzamentos “están pensados para ser motor da reanimación da vida social e económica que comeza a ver a luz tras dous anos marcados pola dureza da pandemia e pola crise que conlevou, e na que debemos seguir envorcando todos os nosos esforzos , liderando as políticas públicas que acompañen a todos e a cada un dos veciños e veciñas da nosa cidade”.

Neste senso, lembrou que a efectividade das vacinas é “a que nos está aportando esa ilusión que, aínda con cautela, nos achega pouco a pouco á normalidade das nosas vidas, pero como Administración local, temos a obriga de non baixar a garda ante escenarios aínda incertos, e de seguir ofrecendo todas as solucións que estean ao noso alcance para minimizar o dano económico e social desta situación”.

A alcaldesa explicou neste contexto que as contas para o 2022, que ascenden a 106’8 millóns de euros (106.876.755 euros), case medio millón máis que o ano pasado, o que supón un crecemento do 6’8%respecto ao exercicio do 2020.

Esta folla de ruta está baseada nunha “seria e rigorosa” planificación de gastos e ingresos. En canto a estes últimos, a rexedora incidiu en que se espera manter a previsión dos procedentes dos impostos directos e indirectos, “e máis concretamente, esperamos un bo comportamento da recadación vinculada ao imposto de construcións acorde coa medidas que activamos e ás que activaremos co fin de axilizar os trámites para a obtención dos títulos habilitantes preceptivos”. Así mesmo, destacou o crecemento nun 31’1% das achegas procedentes do Estado pola vía participación nos seus tributos, que pasará de 17’5 millóns de euros a 23 millóns no 2022.

Ademais, o Concello recorrerá a endebedarse en 5’6 millóns de euros, “mecanismo que utilizamos por primeira vez nos orzamentos do 2021 desde que no meu mandato pasado acadamos a débeda cero”, sostivo a rexedora, que aclarou que “non descartamos que, como fixemos tamén neste ano, poidamos substituír esta fonte de financiamento polos aforros do remanente, unha vez que coñezamos as magnitudes de aforro estrutural derivadas da liquidación orzamentaria”.

A rexedora aseverou que “a previsión de recadación para 2022 remítenos a escenarios previos á pandemia e a implementación do fondo de capital emprendedor Lugo Transforma actuará como impulso de cambio económico da cidade, sen esquecer o indubidable efecto positivo que, como xa dixen, a chegada dos fondos europeos Next Generation vai ter sobre a actividade económica xeral”.

Así, a rexedora apuntou que os orzamentos do 2022 destinarán para políticas sociais preto de 30 millóns de euros, o 28% do orzamento, “políticas que son a marca dos mandatos progresistas de Lugo desde os seus inicios. O foron co meu predecesor Orozco, e o son tamén nos meus”, aclarou para indicar que se traballa “para acadar mellores niveis de calidade de vida, atender aos colectivos máis vulnerables e integrar aos sectores máis desfavorecidos, así como para fomentar a oferta educativa, deportiva, cultural e turística, e marcando, así mesmo, unha implicación decidida dos distintos sectores sociais e económicos como impulsores dos cambios”.

Deste orzamento, destacan os preto de 12 millóns dirixidos aos programas sociais de benestar, persoas maiores e infancia, e o incremento dun 12’18% (454.335 euros) ao servizo de Axuda no Fogar, chegando ata os 4’2 millóns de euros, co fin atender aos maiores na súa contorna comunitaria o maior tempo posible.

Así mesmo, crecerá un 39% a partida de atención para os centros de día, cun investimento de 681.391’25 euros, e consolidaranse as axudas de emerxencia social e ao aluger, cun investimento de 600.000 euros, así como os programas de inserción social, cunha partida de 216.247 euros.

En relación ao Servizo de Igualdade e a Casa da Muller, o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade e a prevención á violencia machista son os retos máis destacables, e contarán para iso con máis de 800 mil euros (808.070 euros).

A mocidade terá tamén un papel destacado, nunha área que contará cun orzamento de preto dun millón de euros para impulsar programas de lecer, formación e empregabilidade, e para a posta en marcha do Consello da Mocidade, mentres que para a promoción do deporte e da vida saudable destinaremos 3’3 millóns de euros.

O impulso económico é unha das máis importantes apostas do Executivo lucense, “estamos a destinar a maior inversión da historia con este fin, buscando a innovación e a vangarda, a través do fondo emprendedor municipal Lugo Transforma, de 12 millóns de euros, que se comezará a executar no 2022 servindo de impulso á economía verde, ao talento e á creación de emprego sostible”, comentou.

A rexedora anunciou tamén que se priorizarán iniciativas de creación e promoción de postos de traballo desde a área de Desenvolvemento Local a través do emprendemento cun investimento de 4’6 millóns de euros, do que destacan as partidas vinculadas aos obradoiros de formación por importe de 327.832 euros.

Tamén valorou a rexedora outras partidas como grandes dinamizadoras da vida social e do comercio local, como as do festival Caudal Fest, con 217.800 euros, o Arde Lucus, seña de identidade da cidade que mantén a súa dotación de 350.000 euros, ou as festas patronais de San Froilán, que incrementan o seu crédito en 200.000, ata un importe de 1.000.000 de euros.

A alcaldesa referiu que, sen dúbida, a partida de investimentos públicos será un enorme revulsivo para mobilizar a economía e o emprego. Este ano, a mesma ascende a 11’1 millóns de euros, que aínda que nun principio diminúa en 3 millóns respecto ao 2020, logo ascenderá a un mínimo de 20 millóns coa incorporación dos 8 millóns dos Fondos Next Generation solicitados para finalizar a peonalización do Casco Histórico e a actuación na Praza de Santo Domingo.

Entres estas obras, destacan: Un importe de 2.880.000 euros para pavimentar rúas da cidade e o alumeado. 190.000€ para renovación do Cemiterio Municipal e creación dunha zona expositiva. 100.000€ para realizar distintas melloras. Renovarase a climatización tanto da Praza como do Mercado. 1.200.000 euros para a posta en marcha do Plan de Intervención e Mellora de zonas de xogo infantil en todos os barrios. 660.000 euros para a remodelación de espazos urbanos, prazas e xardíns urbanos. 365.000 para mellorar nos espazos rurais. 2’5 millóns de euros para o avance das obras DUSI Muramiñae para humanizar o barrio do Carme e impulsar a accesibilidade na contorna do Miño, así como na mellora do patrimonio.

Así mesmo, a Alcaldesa lembrou que o Goberno municipal asumiu como prioridade aprobar na súa totalidade o ordenamento urbanístico, tramitar a revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana para demoler o Garañón e crear unha nova zona verde nas costas do parque Rosalía de Castro, pulmón da cidade; ou o desenvolvemento do Plan Biodinámico que se acometerá en 2022 e demais actuacións urbanísticas para as que existía crédito en 2021 e que se consumarán no vindeiro ano.

Méndez tamén destacou o proxecto para construír as novas instalacións para a Protectora de Animais, que se van realizar en 2022 co compromiso financeiro da Deputación.

 

CIG-Servizos denuncia atrasos no pago das nóminas do persoal de seguridade dos centros de Política Social

A CIG-Servizos quere denunciar o atraso no pago das nóminas aos traballadores e traballadoras do servizo de seguridade privada dos centros de menores e residencias da Xunta de Galicia. A preocupación entre o persoal de Mersant Seguridad, que ten adxudicado o contrato, vai en aumento polas informacións a respecto da falta de liquidez da empresa.

Cando saíu o concurso, a CIG-Servizos xa advertira á Xunta de Galiza da insuficiente dotación orzamentaria do contrato e que o prezo de saída da licitación raiaba a baixa temeraria. Por este motivo, a maioría das grandes empresas do sector non participaron e só presentaron ofertas as empresas de seguridade coñecidas como “de baixo custe”.

“As consecuencias destes concursos a baixo prezo, como sempre, acaban pagándoas os traballadores e as traballadoras, pois a compañía deixa de ter liquidez, os bancos non avalan e non conceden créditos e o persoal non cobra os salarios”, denuncia a CIG-Servizos.

Mersant Seguridad conta en Galiza con arredor de 70 traballadores/as que fan tarefas de seguridade para a Consellaría de Política Social (como o Centro de Menores Santo Anxo de Rábade, centros de reeducación de menores de Ferrol, Vigo e Ourense, residencias LUG, algunhas residencias de maiores e varias residencias xuvenís ou as casas do Mar de Celeiro e Burela). A maiores, en Lugo ten outro contrato co CETAL no que tamén hai cinco traballadores que teñen pendente de cobrar os seus salarios.

 Cómpre lembrar que hai uns anos os traballadores de seguridade dos centros de Política Social en Lugo tiveron que estar acampados preto de 90 días diante do edificio da Xunta de Galiza a causa dos impagos e a negativa doutra empresa do sector a subrogar o persoal.

Diante disto, a CIG-Servizos demanda a empresa que proceda ao pago inmediato das nóminas, que aclare cal é a súa situación financeira e presente un plan de viabilidade que dea tranquilidade o persoal. De igual xeito, a central sindical reclama á Xunta de Galiza que deixe de licitar contratos en baixa temeraria e adxudicarlle servizos a este tipo de empresas pirata que só buscan obter un beneficio inmediato a conta de explotar os traballadores e traballadoras.

Galicia adianta as vacinacións dos nenos e ampliará a esixencia de certificado covid

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou esta mañá, trala sesión de Control ao Goberno, que  Galicia adiantará as primeiras vacinacións dos nenos de entre 11 e 9 anos de idade para realizalas entre o 15 e o 18 de decembro diante do gran aumento de casos na área educativa.

Asemade, o presidente adiantou tamén que a finalización da vacinación do grupo de entre 60 e 69 anos se adiantará ata o 13 de decembro, cando nun primeiro momento contaban rematar as vacinacións de esta franxa de idade o 19 deste mes.

Malia que son medidas que o subcomité clínico que asesora á Xunta terá que confirmar esta tarde, o certo é que o presidente da Xunta asegurou que, de ter máis vacinas para os nenos, continuaría a inoculación polos nenos de entre 5 e 9 anos. Para eles, precisamente, está pensada unha nova medida que será establecida polo Goberno Galego. E é que os pais disporán nas farmacias de test de antíxenos gratuitos para poder facerlle ás probas aos nenos de entre 5 e 11 anos e corroborar se están contaxiados. No caso de que o test saia positivo, o SERGAS confirmará o contaxio realizando unha PCR.

Outra medida que o subcomité clínico terá que acotar será a posible redución no número de persoas non conviventes que se poden xuntar en espazos pechados. Neste senso, o presidente do Executivo Autonómico aclarou que a recomendación, nun principio, sería que as reunións non excedan de 8 ou 10 persoas e, de ser posible, que se reduzan ao ámbito familiar. Con todo, deberá concretalo o subcomité clínico.

Por último, o presidente galego avanzou que o subcomité clínico valorará ampliar a esixencia do certificado Covid a outros ámbitos como os eventos multitudinarios ou os cinemas. Lembramos que xa é obrigatorio nos restaurantes, lecer nocturno e bares a partires das 9 da noite, entre outros.

OLLO!!!!!! Copiar PE: Imaxe con licenza Creative Commons: CB Breogán

O Breo dedicará o seu próximo encontro a Down Lugo

O CB Breogán dedicará o encontro do vindeiro sábado ante Andorra a visibilizar a labor da asociación Down Lugo. A iniciativa presentouse esta mañá no Pazo de San Marcos nun acto no que participaron o deputado de Deportes a presidenta de Down Lugo, María José Blanco, e o director deportivo do CB Breogán, Tito Díaz.

Coincindo co encontro, persoas sociais da entidade lucense darán a coñecer a súa labor, centrada en actividades dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down e das súas familias a través da inclusión plena e efectiva na sociedade, ademais de vender participacións de lotería de Nadal.

Desde o CB Breogán, reforzarase a visibilización da asociación a través de distintos contidos nas redes sociais e, nos vindeiros días, concretarase unha visita de xogadores do club ás actividades que realizan. María José Blanco agradeceu a colaboración do CB Breogán e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo nesta iniciativa.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Benestar oferta 120 prazas para favorecer a conciliación familiar no Nadal

O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social, ofrecerá este próximo Nadal un total de 120 prazas para favorecer a conciliación durante o Nadal.

As familias interesadas en acollerse á programación das Aulas Abertas poderán presentar a súa solicitude entre o 13 e o 15 de decembro, ben de xeito presencial – entre as 09:00 e as 13:00 horas no centros de convivencia Uxío Novoneyra e Lamas de Prado, ben a través do enderezo electrónico aulasabertas@lugo.gal para o que poden descargar as instancias correspondentes, a partir do mesmo luns, na páxina web do Concello de Lugo: www.concellodelugo.gal, dentro do apartado Animación Sociocultura(http://concellodelugo.gal/gl/actuacions/programa-gl-animacion-sociocultural).

As actividades, dirixidas a crianzas de entre 3 e 12 anos de idade, terán lugar nos Centros Cívicos Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e Lamas de Prado en dúas quendas: unha primeira enmarcada no mes de decembro (do día 27 ao 30), e unha segunda para o 3, 4 e 5 de xaneiro.

As accións se desenvolverán en pequenos grupos, cun máximo de 20 prazas en cada un, co obxectivo de garantir a seguridade das nenas e nenos participantes e de acordo cos protocolos e recomendacións sanitarias en vigor, de aí tamén o aforo establecido”, explicou Olga López quen referiu, alén, que a vontade do programa “non é outra que a de facilitar que as familias poidan compatibilizar as súas obrigas laborais cos períodos non lectivos dos seus fillos e fillas, propoñendo unha alternativa lúdica e de ocio para a rapazada coa que poden non só ocupar o seu tempo libre, senón tamén desfrutar del, socializar e aprender en espazos seguros”, sinalou a concelleira.

As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e o listado de persoas admitidas publicarase o día 17 de decembro. A matrícula deberá formalizarse entre os días 20 e 21 de decembro, cubrindo o formulario modelo 603 de pago de taxas (http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=603) efectuando o abono da mesma e entregando o xustificante no centro de convivencia correspondente.

O PP di que Méndez se escuda tralo interventor para ocultar que tampouco este mandato tirará o Garañón

O Partido Popular ten “a sensación de sair igual que entramos” trala reunión que mantiveron co interventor para falar de temas relacionados co urbanismo. Antonio Ameijide agradece a predisposición e o bo tono do funcionario “que se limitou a respostar a cuestións técnicas” pero considera que foi “un tempo perdido no tocante a avanzar en prazos concretos de asuntos como a demolición do Garañón ou a conclusión do 5% do Plan Xeral xa que o que pediu o PP foi unha reunión cos responsables políticos que son quenes toman as decisións”.

Ameijide manifestou como “no caso das Torres das Costas do Parque vai a acabar mandato sen demoler esta mole de formingón xa que “segue na mesma situación de cando Lara Méndez chegou á alcaldía”. No tocante ao PXOM resulta “ofensivo” que lles digan aos veciños que, con probabilidade antes de rematar o ano, teñan lista a documentación para corrixir os erros detectados pola Xunta e que lles comunicaron hai anos. “O de vender como un logro unha cuestión que xa debería estar finiquitada é unha tomadura de pelo” razoaba o popular.

Por este motivo, o PP volveu pedir hoxe á alcaldesa que reciba a unha representación do Grupo Popular xa que resulta “unha cobardía que derive a súa responsabilidade política detrás dun funcionario”. Queremos que a xuntanza sexa coa alcaldesa porque este é o momento de apostar pola redacción dun novo Plan Xeral e actualizar o PEPRI.

Outra cuestión que o PP denuncia é “a negativa da alcaldesa de Lugo de recuperar a atención persoal no departamento de urbanismo” cando no resto das grandes cidades de Galicia se pode elixir entre consulta telemática ou presencial con cita. “É unha inxustiza que os veciños e veciñas de Lugo se lles castigue deste xeito porque o goberno local é incapaz de organizar este departamento”. Los populares se preguntan porque si se están atendendo con cita previa aos cidadáns noutros departamentos non se repite este mesmo patrón no de urbanismo?. Ameijide manifestaba que dende que marchou Miguel Couto agraváronse os problemas do urbanismo en Lugo. De feito o propio interventor recoñeceu que “hasta que arrancase el departamento” el sistema de atención presencial al ciudadano no se recuperaría.

O Concello realiza novas obras de calmado do tráfico na Ponte

O Concello realiza novas actuacións enmarcadas no plan de calmado do tráfico na cidade. Así, a área de Mobilidade céntrase nestes momentos no barrio da Ponte onde trata de “mellorar a seguridade viaria”.

O concelleiro titular da área de Mobilidade afirmou que “desde a concellería de Infraestruturas estamos a estudar realizar máis actuacións nesta zona para continuar a avanzar na mellora da seguridade viaria no conxunto da cidade”. Segundo o edil de Infraestruturas, “estamos a transformar a mobilidade en Lugo, planificando unha cidade cun cun tráfico calmado e menos vehículos a motor nas rúas na que as persoas sexan o centro”

Os edís visitaron a zona para ver, de primeira man, as obra a realizar e, segundo declarou o edil de Infraestruturas, “planificar mellor os traballos a realizar desde a concellería de Infraestruturas tendo en conta as reclamacións e as necesidades da veciñanza”.

3500 nenos de Lugo beneficiaranse da gratuidades das escolas infantís públicas o vindeiro ano

Máis de 3500 nenos e nenas de Lugo beneficiaranse da decisión da Consellería de Política Social de financiar todas as prazas das escolas infantís de Galicia de forma que resulten gratuítas para as familias. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que a proposta suporá un investimento de 3.129.000 euros na provincia.

Arias explicou que o Goberno galego asumirá a partir do vindeiro curso os gastos de matrícula e de atención educativa dos usuarios en todas as escolas infantís, sexan públicas (tanto autonómicas como municipais) como de iniciativa social ou privada. Esta medida aplicarase nos 97 centros existentes na provincia de Lugo, entre eles os que xestiona a propia Xunta, os concellos, os de iniciativa privada ou as casas niño.

“Máis do 65% dos nenos e nenas lucenses de 0 a 3 anos terán dende o próximo curso un servizo de atención gratuíto -apuntou o delegado- e traballamos para seguir estendendo a oferta, especialmente no rural grazas á ampliación da rede de Casas Niño”. Deste xeito, engadiu, “procuramos recursos de conciliación ás familias en todo o territorio”.

Trátase dunha medida pioneira en España, que sitúa a Galicia á vangarda na atención infantil, e “proba, unha vez máis, que unha das grandes prioridades da Xunta é ofrecer servizos sociais de calidade aos galegos e galegas, tanto nas cidades como nos núcleos rurais”, afirmou Arias.

Neste sentido, lembrou que a terceira parte dos beneficiarios, máis de 1100 nenos e nenas, xa reciben na actualidade atención sen custo, debido a que o pasado ano entrou en vigor a resolución que establece a gratuidade a partir do segundo fillo matriculado. Ademais, esta oferta educativa vese reforzada desde 2016 coa apertura das casas niño, centros gratuítos para todos os usuarios situados en concellos do rural. O Goberno galego prevé rematar este ano con preto de 90 centros destas características repartidos por toda a Comunidade, o que supón outras 450 prazas.

A Deputación ordena a avaliación da estrada afundida en Cervo para proceder ao seu arranxo

A Deputación de Lugo ordenou unha avaliación técnica e económica dos danos ocasionados polo afundimento de parte da calzada ocorrido onte na LU-P-1504 debido ás intensas choivas dos últimos días co fin de arranxar coa maior celeridade posible esta estrada, que une Río Cobo coas fábricas de Sargadelos, no concello de Cervo.

Tras unha primeira avaliación sobre o terreo, operarios do servizo de Xestión Territorial da Deputación decidiron reabrir esta estrada ao tráfico de turismos desde esta tarde. A vía quedaba cortada onte ao tráfico logo de producirse un desprendemento de terra e o afundimento de parte da calzada debido ás intensas e continuadas choivas producidas entre onte e hoxe polo paso da borrasca Barra.

A institución provincial iniciou tamén as xestións pertinentes para poder actuar nos terreos que sexan necesarios para acometer as obras de rehabilitación desta estrada, pola que ademais discorre unha canalización.

A Xunta insiste en que Vestas debe continuar coa actividade da fábrica máis aló do 31 de decembro

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe na mesa industrial de Vestas, celebrada en Santiago de Compostela, que a Xunta ten identificados, a día de hoxe, tres posibles compradores para a factoría de Viveiro.

Na reunión, a Xunta e os sindicatos solicitaron á empresa que os despedimentos non se fagan efectivos o 31 de decembro e que, polo tanto, non se peche a factoría para evitar que se dificulte un posible proceso de venda. “É fundamental para continuar coas conversas que se poida adquirir unha factoría que estea funcionando, unha unidade produtiva, e non un activo inmobiliario”, explicou Lorenzana. A titular de Emprego e Igualdade lamentou que a empresa se negara “en rotundo” a ampliar o prazo para levar a cabo os despedimentos e amosou a súa “preocupación” por que se poida frustrar unha posible venda “pola pouca marxe temporal que hai ata o próximo 31 de decembro”.

A conselleira sinalou que a empresa si aceptou a petición da Xunta de reunirse cos tres posibles investidores identificados polo Goberno galego, xa que, segundo engadiu, precisan de máis datos. Lorenzana informou tamén, tras a xuntanza, de que a xestora nomeada pola empresa para buscar compradores ten identificados a outros catro posibles investidores, mentres que o Estado, pola súa banda, polo momento, non atopou ningún, aínda que especificou que está a buscar empresas a nivel internacional.

Ademais dos representantes da Xunta, acudiron tamén á mesa industria convocada pola Xunta, representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, directivos de Vestas e representantes do comité de empresa e dos sindicatos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com