Novas

A tramitación de licenzas de obras terá prazos de resposta para administración e interesados

O coordinador da área de Urbanismo vén de emitir esta mañá unha Instrución coa que, dende hoxe mesmo, o Concello de Lugo regulará a tramitación dos títulos habilitantes de natureza urbanística para a realización de obras de edificación -é dicir, as licenzas- que non se corresponden con comunicacións previas ou declaracións responsables, co fin de acadar, así, unha homoxeneidade de criterios que permita axilizar a abordaxe e resolución dos expedientes.

Nas indicacións realizadas se determina que, unha vez que a solicitude se reciba en Licenzas, este Servizo pedirá a Arquitectura e á Adxuntía da Xefatura de Enxeñería a emisión dos seus informes que, a partir de agora, poderán redactarse de maneira independente, sen estar supeditados un ao outro, para permitir que a súa elaboración sexa simultánea e, por tanto, máis dilixente.

Unha pauta que tamén se manterá no caso de que estes dous Departamentos precisen das consideracións doutras seccións, (topografía, etc) e polas que agardarán un máximo de 10 días, logo dos cales, poderán proseguir coas actuacións, entendendo que contan cun criterio favorable; a excepción dos ditames que eles mesmos (Arquitectura e Enxeñería) deban realizar e da proposta de resolución que faga o Servizo de Licenzas que, nestes tres casos, son preceptivos.

A Coordinación de Urbanismo estableceu, igualmente, que cando a actuación continúe pendente dun informe non preceptivo, o servizo que o tivera solicitado deberá deixar constancia deste extremo, tendo a capacidade de incorporar no seu propio informe cláusulas que eviten a denegación da resolución.

“Cláusulas nas que se poden introducir condicións que garantan que a execución da obra non incorre nalgunha causa da que, posteriormente, poidan derivar medidas de disciplina urbanística ou unha posible revogación da licenza e sempre e cando estas condicións non garden relación coas esixencias que impón a lexislación, consideradas como esenciais e/ou que afecten a parámetros urbanísticos básicos, o dominio público, o solo non urbanizable así como a edificios ou inmobles protexidos”, explicou a edil responsable da área.

Encamiñado precisamente á redución de tempos e á simplificación da burocracia para Administración e Administrados, a Instrución recolle, alén, que, cando sexa necesaria a subsanación de deficiencias, só se realizará un único requirimento por escrito ás ou aos promotores, toda vez que se dispoña dos informes de Arquitectura e Enxeñería, abríndose, a continuación, un prazo de 1 mes para que poidan presentar a documentación ou xustificacións oportunas e advertíndolles que, de non ser así, o procedemento caducará e se arquivará no prazo de 3 meses, tal e como recolle o art. 95 da Lei 39/2015 de 1 de outubro.

“Se a subsanación se realizase parcialmente ou de maneira insuficiente a licenza será denegada, poñendo límite así a demoras prolongadas, que impiden concluír os expedientes dunha forma definitiva e que, como se vén detectando, están a lastrar non só os tempos medios de resposta do Servizo senón tamén a carga de traballo que este soporta”, afirmou a concelleira.

En caso de resultar necesaria a achega de autorizacións sectoriais, estas serán entregadas polos interesados, ben coa propia solicitude, ben no trámite de subsanación de deficiencias.

O TSXG autoriza a prórroga da esixencia do certificado COVID19 para acceder a todos os locais de lecer nocturno

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza á Xunta prorrogar a esixencia da presentación do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder a todos os locais de lecer nocturno da comunidade autónoma, que contan cunha capacidade do 100 %.

Os maxistrados teñen en conta un informe técnico do 9 de novembro que reflicte a melloría da situación epidemiolóxica actual con respecto a datas anteriores, pero salientan que iso “non evita a persistencia da circulación do virus e, por conseguinte, o risco da súa transmisión, especialmente nos establecementos de lecer nocturno”. Ademais, segundo consta no auto, nese documento “signifícanse os beneficios indirectos que a esixencia do pasaporte COVID-19 producirá na poboación que ten maior reticencia a vacinarse, circunstancia que se pretende neutralizar mediante a súa esixencia en todo tipo de establecementos de lecer nocturno, o que poderá axudar a alcanzar a inmunidade da poboación”.

O TSXG salienta que a medida “non é de aplicación xeral ou indiscriminada”, senón que só se dirixe ao lecer nocturno, unha actividade “que se desenvolve en espazos nos que resulta dificultoso renovar o aire de forma natural, coa consecuente facilidade de que se transmita o virus por vía aérea, segundo se acredita nos rigorosos estudos científicos aos que se refire o informe do 9 de novembro”.

Por iso, os maxistrados aseguran que é “evidente a utilidade da medida de prevención” consistente na esixencia dos documentos, á vez que destacan que non ten como finalidade “o mero control aos clientes, senón a de impedir que accedan a tales establecementos os cales non acrediten o cumprimento dos requisitos que perseguen os certificados de vacinación, recuperación e de probas diagnósticas da COVID-19”. Así, inciden en que a medida cumpre os requisitos de ser “idónea, necesaria e proporcionada”.

O alcade de Ribadeo pide unha xuntanza técnica para solucionar os problemas co Centro de Saúde

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, remitiulle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García, referente ao centro de saúde de Ribadeo. O rexedor asegura que o Concello na actualidade non posúe unha parcela en solo urbano de cando menos 2.565 metros cadrados para levantar unha nova instalación.

E subliña que “iso non significa que non asumamos ese compromiso recíproco de estar á vosa disposición para  cumprir coa vosa petición, sempre que sexa economicamente viable e tecnicamente posible”.

Suárez Barcia demanda reforzos de persoal para o centro de saúde de Ribadeo, que ten menos profesionais agora que hai dez anos, e tamén que se valore redeseñar o edificio actual, xa que conta con amplos espazos baleiros e mal aproveitados.

O alcalde dixo que “nesta sincera e honesta resposta que lle demos ao conselleiro indicámoslle que levamos tempo demandándolles formalmente a reversión dos recortes que desde esa Consellería viñeron facendo nestes últimos anos en materia de persoal sanitario porque, de feito, no Centro de Saúde ribadense sorprendentemente hai menos profesionais agora dos que había hai dez anos, quedando reducido nun 50 por cento o cadro do persoal médico, que pasou de 6 a 3 facultativos actualmente, os cales de xeito puntual son reforzados con outra profesional do PAC. Ademais destas carencias na estrutura do persoal, vemos tamén como non se dá a necesaria cobertura das baixas, permisos, licencias, vacacións, etcétera, dos traballadores e  traballadoras do Centro de Saúde, o cal xera un estrés moi grande tanto nos profesionais como no conxunto da cidadanía, que se queixan, día si e día tamén, deste funcionamento en precario”.

Suárez Barcia sinalou que “no tocante á propia infraestrutura do edificio actual evidentemente, como todo nesta vida, ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. En canto ás primeiras, desde logo hai que destacar a inmellorable situación, no corazón da vila, que é facilmente accesible a pé e máis en coche, xa que a 40 metros escasos temos desde hai varios anos un estacionamento regulado con zona ORA, polo que é difícil que non haxa sitio
cerca para que os usuarios deixen os seus vehículos para iren ás consultas. Pola contra, tamén ten deficiencias e están á vista, pois é un edificio que necesita un novo deseño xa que ten amplos espazos baleiros e mal aproveitados, ademais de adoecer de algo fundamental nestes tempos: accesos independentes ás consultas e ao Punto de Atención Continuada (PAC). Estamos seguros de que si se lle fixera a este inmoble actual unha inversión económica ben planificada podería ser unha óptima solución, aínda que parece que polo seu escrito a intención é a de facer un novo centro, para o cal pídennos unha parcela cunha edificabilidade de máis de 2.500 metros cadrados”.

Na carta dirixida ao conselleiro de Sanidade Fernando Suárez indicou que “o Concello de Ribadeo actualmente non posúe unha parcela en solo urbano con estas características. Pero, con todo, iso non significa que non asumamos o compromiso recíproco de intentar cumprir coa petición que eles nos fan, sempre que sexa economicamente viable e tecnicamente posible. E digo isto porque é moi importante que sexa tecnicamente posible pois quizais poidamos ter parcelas que aínda non son nosas pero estean en polígonos urbanísticos, xa que temos afortunadamente un Plan Xeral moderno aprobado, pero iso require unha xestión urbanística que se demora anos. E ao mesmo tempo quizais a situación non vai ser tan céntrica como a do actual edificio”.

E engadiu: “pero en todo caso o que plantexamos é ter unha xuntanza cos técnicos da Consellería de Sanidade xunto cos técnicos municipais para avanzar no diálogo e no compromiso noso, desde logo, de buscar unha solución satisfactoria para a mellora do Centro de Saúde de Ribadeo”.

A Corporación Provincial acorda unha Declaración Institucional contra as violencias machistas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou hoxe unha Xunta de Voceiros co fin de propoñer o consenso entre os grupos políticos provinciais dunha Declaración Institucional con motivo da conmemoración do 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Do encontro, celebrado esta mañá na Sala de Xuntas, saíu un documento acordado por PSdeG, BNG e PP, que será aprobado de maneira unánime no Pleno. Na Declaración Institucional, a Deputación expresa o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas, e a vontade de seguir desenvolvendo políticas educativas de fomento da igualdade que contribúan a erradicar os elementos estruturais que os perpetúan no tempo.

Castiñeira acusa a Tomé de marxinar aos concellos do PP

O voceiro do PP na Deputación, Javier Castiñeira, vén de denunciar nos medios un “caso claro de sectarismo” por parte do presidente do Executivo Provincial, José Tomé, que, na opinión dos populares, “a medida que transcorre o mandato está máis claro que goberna en función das cores políticas, apoiando aos seus e castigando inxusta e inmerecidamente aos outros”.

Así o reflexionou o popular logo da negativa a executar a construción do polígono industrial de Riotorto, unha obra para a que, no seu día, o Concello asinou un acordo con Suplusa. Castiñeira reuniuse hoxe co alcalde da localidade, Clemente Iglesias, para acusar a Tomé de marxinar aos concellos gobernados polo PP.

Castiñeira di que a “elaboración dos orzamentos da Deputación para o 2022 sería unha oportunidade fabulosa para que a Deputación programase ese investimento; así o esperan os veciños de Riotorto, pero, segundo as comunicacións que está a facer a Deputación, esa non é a súa vontade”.

Por elo, dende Riotorto os populares denuncian “esa actitude do goberno provincial, que unicamente obedece a criterios políticos e non a criterios de necesidade”.

Usar os cartos do Plan Único

Pola súa parte, o alcalde, Clemente Iglesias, denuncia a carta recibida do presidente da Deputación con respecto ao polígono industrial proxectado, porque nela “di que para o polígono debemos utilizar os cartos do Plan Único”. Engade: “Teño que dicir que o Plan Único está destinado a outros fins e que nos sentimos totalmente discriminados, pola cor política coa que gobernamos, neste caso o PP, que está na alcaldía; por iso o sectarismo da Deputación Provincial de Lugo cos veciños de Riotorto”.

O alcalde tamén dixo: “Tanto os veciños como as empresas locais serán as grandes prexudicadas pola decisión que nos transmite o presidente da Deputación na carta que recibimos. O goberno provincial non ten vontade política para executar o polígono industrial de Riotorto, a pesar de ter todos os permisos e autorizacións; só falta sacalo a licitación”. Insiste en que “é un proxecto moi importante para o futuro de Riotorto”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Emotiva homenaxe a Paco Pestana, na Fundación Rodríguez Iglesias

José María Paz Gago, catedrático de Literatura Comparada da Universidade da Coruña; a editora de Hércules de Edicións, Laura Rodríguez Herrera, e os artistas Miguel Anxo Macía e María Porta participaron onte na homenaxe a Paco Pestana que tivo lugar na sede da Fundación Rodríguez Iglesias, con motivo da presentación de A vida contemporánea: Emilia Pardo Bazán no seu tempo e no noso, un libro de coleccionista para o que o autor realizou a ilustración De traca, así son: tan lúcida e tan fraca. Equilicuatro!!!

A vida contemporánea: Emilia Pardo Bazán no seu tempo e no noso (Hércules de Edicións, 2021) recompila máis de medio centenar das crónicas que a autora coruñesa escribiu para a revista A Ilustración Artística entre os anos 1895 e 1916, seleccionadas por José María Paz Gago. Trátase dunha edición limitada a 100 exemplares que inclúe nove láminas numeradas creadas especificamente para este proxecto polos artistas Yolanda Dorda, Ana Lamuño, María Leal, Lucía López, Miguel Anxo Macía, Paco Pestana, Isabel Pintado, María Porta e Julio Sanjurjo Aler. A obra, de 400 páxinas e impreso en cuatricomía, está encadernada en tea de alta calidade cun estoxo de luxo, personalizado e deseñado especialmente para esta edición.


Imaxe: María Porta, Laura Rodríguez Herrera, José María Paz Gago e Francisco Rodríguez Iglesias. Autor: Gerardo G. Mourín. 

Écociña no Camiño xuntou en Portomarín os manxares galegos cos blogueiros máis especializados en gastronomía

 campaña Écociña no Camiño achegou hoxe unha mostra da cociña galega a un grupo de blogueiros especializados en temas de gastronomía e turismo que se deron cita na Finca Recelle de Portomarín.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, asistiu á degustación de receitas propias preparadas con produtos autóctonos ofrecidas polos cociñeiros Héctor López, drestaurante España (Lugo)que preparou boi; e Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa (Boiro)que presentou carpaccio de tenreira curada en auga de mar.

A iniciativa inclúe unha serie de presentacións en diferentes puntos das rutas xacobeas nas que tamén se trata de concienciar ao público asistente sobre as vantaxes da cesta da compra de proximidade e o compromiso coa sostibilidadeTrátase dunha acción impulsada por Turismo de Galicia en colaboración con Aceites Abril, Estrella Galicia e Bodegas Galegas.

Máis dun cento de restaurantes espallados polas diferentes rutas do Camiño participan na campaña, á que tamén se sumaron algunhas Prazas de Abastos, onde se ofreceron petiscos de balde a peregrinos e visitantes.

Arias destacou que “a gastronomía é un dos grandes atractivos de Galicia e non hai mellor contexto que o Camiño e o Xacobeo para promocionar a extraordinaria calidade da nosa cociña e dos produtos galegos”.

Por último, o delegado salientou que “despois de ver como está a remontar o turismo na Comunidade, cunhas cifras de peregrinos no mes de outubro similares ás de xullo, pensamos que hai grandes perspectivas para o Ano Santo en 2022 e confiamos en estar no bo camiño para a reactivación económica trala pandemia”.

Novo repunte de casos Covid que xa superan os 70

Continúa a avanzar, de novo, o coronavirus pola provincia. E é que á suba das últimas xornadas consolídase hoxe superando os 70 casos activos, en concreto hai 72 persoas con infección activa de Covid, nestes intres.

E é que nas últimas horas as PCR positivas eleváronse ata as 11, unha cifra que facía tempo que non se vía na provincia. Malia que non son moitas, o certo é que se as comparamos coas de hai unha semana, a cousa semella preocupante.

Nesta xornada, en cambio, mantense a presión asistencial con 3 pacientes ingresados, todos no HULA e un deles na UCI.

Con todo, estas cifras continúan a chamar a atención dos expertos e, se onte era Ramón Ares, xerente da Área Sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, quen se amosaba “preocupado” pola situación, malia que non é das peores; hoxe era a Xunta quen comenzaba a traballar na análise dos datos. Así, o Goberno Galego analizará mañá a posibilidade de esixir o pasaporte covid no acceso a determinadas instalacións e eventos. Será unha das medidas que estea sobre a mesa da reunión do subcomité clínico que asesora á Xunta nesta materia. Un grupo que foi convocado ante o repunte de casos nas últimas semanas.

A Audiencia ordena reabrir o caso da Maruxaina

A Audiencia Provincial de Lugo ordena que se reabra a investigación sobre as gravacións de mulleres mexando durante a celebración da festa da Maruxaina celebrada en 2019 en San Cibrao (Cervo), as cales foron incorporadas a páxinas web de contido erótico. Os maxistrados conclúen nun auto notificado hoxe que se viu comprometida “a intimidade dun grupo de mulleres”, polo que decreta que se investigue “sobre quen e como realizou as gravacións”. A Sala revoga, polo tanto, a decisión de arquivar o caso adoptada polo maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro.

O alto tribunal provincial entende que se deben practicar dilixencias, como mínimo as solicitadas polo Ministerio Fiscal e dúas das denunciantes, “para determinar o lugar concreto e a forma na que foron colocados os elementos de gravación”, os cales, en principio, considera que foron situados en lugares “insidiosos” para evitar ser descubertos. Ademais, indica que se debe establecer “se o lugar era un lugar apartado ou reservado”, á vez que destaca que, “en aparencia, e a falta de maiores concrecións”, está “apartado da vista de persoas alleas”. Os xuíces tamén aseguran que, en principio, “quen actuou colocando os elementos de gravación era coñecedor de que se trataba dun lugar reservado e que xa viña sendo utilizado en anos anteriores para poder mexar as mulleres sen estar á vista de terceiros”.

No auto, a Sala salienta que o concepto de intimidade non se pode limitar ao ámbito doméstico ou privado. Así, explica que o Tribunal Constitucional “declara expresamente que o ámbito de cobertura deste dereito fundamental vén determinado pola existencia dunha expectativa razoable de privacidade”. Así, por exemplo, establece que cando unha persoa se atopa nunha paraxe inaccesible ou nun lugar solitario debido á hora do día “pode conducirse con plena espontaneidade, na confianza fundada da ausencia de observadores”.

A Audiencia de Lugo absolve a unha acusada de estafar á súa tía

A Audiencia de Lugo absolveu a unha acusada de estafar á súa tía, quen lle vendeu un predio e realizoulle unha transferencia de 68.383 euros.
O alto tribunal provincial subliña que “o único que consta é a existencia desa venda e dese traspaso de diñeiro”, pero en ningún lugar consta que “a vendedora e  transmisora do diñeiro tivese algunha afectación das súas facultades  psicovolitivas” naquel momento.
Por iso, os maxistrados non poden dar por xustificado que o engano, que reiteran que non está acreditado, puidese dar lugar a un desprazamento patrimonial que empobrecese en gran medida á suposta vítima. “Tampouco coñecemos cal sería o prezo, real e obxectivo, do predio nas condicións que tiña no momento de realizar a venda”, subliñan.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com