Novas

Lugo baixa dos 500 casos activos por covid-19

Os casos activos por coronavirus continúan en descenso e nas últimas 24 horas o número de casos é de 470,  cuarenta menos que onte, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na súa última actualización.

En Galicia os novos positivos tamén descenden e baixan do centenar por primeira vez dende esta quinta onda, e o número de casos activos de coronavirus  é de 2.387 deles 633 son da área da Coruña, 470 da de Lugo, 271 da de Ourense, 160 da de Pontevedra, 403 da área de Vigo, 375 da de Santiago e 75 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 28 están en UCI, 79 en unidades de hospitalización e 2.280 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 176.677 persoas curadas, rexistrándose 2.614 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.805.485.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.287.354.

A CIG convoca 20 concentracións en cidades e vilas, o 19 de setembro, para dicir NON á estafa da luz

A CIG ten convocadas para o vindeiro domingo, día 19 de setembro, un total de 20 concentracións en cidades e vilas de toda Galiza baixo o lema “NON Á ESTAFA DA LUZ, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega”.

A central sindical fai un chamamento a participar nestas mobilizacións diante do imparable medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, e tal e como denuncia o secretario xeral, Paulo Carril, diante do “nulo papel que tanto o goberno
galego como o español están a facer para  garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequibles”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asistirá á concentración convocada en Compostela e fará declaracións ás 11:20 horas,, para que a concentración comece, tal e como está prevista, ás 11:30 horas.

Na provincia de Lugo celebraránse 3 concentracións:

Na capital, ás 12 horas diante da Subdelegación do Goberno.

En Monforte de Lemos, terá lugar tamén a partires das 12 horas diante da Casa do Concello.

Os da zona norte, poderán acudir a Foz, ás 11.30 horas diante da Delegación de Facenda.

O PP ve unha incoherencia que a alcaldesa se vaia de festa ao Caudal Fest mentres permite ao BNG acabar co San Froilán

O viceportavoz popular Antonio Ameijide pregúntase os motivos polos que “Lara Méndez vaise de festa cos seus concelleiros e permite, ao mesmo tempo, que o seu socio o BNG peche a porta á instalación das barracas este San Froilán”. O viceportavoz popular manifestou que “esta é a incoherencia coa que se organizan as cousas no concello de Lugo froito da política de incongruencias do bipartito”.

Antonio Ameijide afirma que é “ unha falacia que o protocolo da Xunta impida as barracas senón, como se explica que noutras moitas vilas e
cidades galegas estean a montar atraccións?”. O popular teme que, unha vez máis, os nacionalistas utilicen o diñeiro das festas patronais para outros fins menos xustificables para os que teñan o carné do seu partido.

A Xunta lembra que os protocolos Covid permiten a instalación de barracas con fórmulas que garantan a seguridade

normativa da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 si contempla a posibilidade de instalar atraccións de feira en espazos públicos, se ben esixe fórmulas que garantan a seguridade.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, indicou que só se prohiben expresamente nos concellos que se sitúen no nivel máximo de restricións. Nos demais casos, é preciso adoptar medidas que aseguren, entre outros aspectos, o cumprimento dos aforos e a distancia interpersoal.

Así, os feirantes poden desenvolver a súa actividade cumprindo cunha serie de limitacións específicas, como reducir ao 50% os asentos de cada fila que se poden ocupar -salvo que se trate de conviventes-, ou limitar o acceso ao 30% da capacidade cando non haxa asentos. As atraccións inchables están permitidas ata un 50 % da súa capacidade.

Arias explicou que existen tamén previsións para as zonas nas que se instalen as atraccións, como sinalizar puntos diferenciados de entrada e saída ou respectar a ratio dunha persoa por cada tres metros cadrados nos espazos comúns de tránsito. “Neste sentido, o máis operativo sería distribuílas en distintos puntos para evitar as aglomeracións que poderían producirse nun feiral como o do San Froilán”, apuntou.

En todo caso, afirmou o delegado, o protocolo da Xunta “deixa marxe para a actividade dos feirantes, como se ten demostrado este mesmo verán noutras cidades galegas, que si traballaron para buscar solucións”.

Maruja Mallo, Rosalía e Fanny Garrido no concerto “Mulleres mirando ás mulleres” que chega mañá a Lugo

O ciclo ‘Mulleres mirando ás mulleres’, un proxecto que une música e literatura, chega a Lugo mañá, 18 de setembro, ás 20.00 h no Círculo das Artes. De entrada libre ata completar aforo, no concerto participan a compositora e pianista Julia Dopìco, a pianista internacional Isabel Pérez Dobarro e as violinistas Raquel e Sara Areal. O concerto fará unha homenaxe ás figuras de Rosalía de castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido ou Maruxa Mallo, entre outras.

Julia Dopico é unha das compositoras máis recoñecidas a nivel internacional. No concerto interpretaranse obras dela, precisamente inspiradas nestas artistas galegas, e que constituirán a parte máis nova dun programa que se complementa coa música da compositora romántica Eugenia de Osterberger, a de Margarita Viso ou a inspirada nos poemas de Fanny Garrido. Pola súa banda, Dobarro, nacida en Santiago de Compostela é profesora na prestixiosa London Performing Academy of Music e posúe unha ampla traxectoria concertística desde Carnegie Hall ata o Tchaikovsky de Moscova. Sara e Raquel Areal Martínez son dous grandes violinistas galegas que triunfan en Viena e Madrid respectivamente, que tamén quixeron unirse a un proxecto que xa cultivou un gran éxito en Estados Unidos e traen agora á súa terra nunha ocasión única.

A seguinte semana o espectáculo virará, o día 24 ás 20.30 no Liceo de Ourense, para finalizar o 25, tamén ás 20.30, no Salón Nobre do Casino de Pontevedra.

Esta homenaxe á muller galega a través das artes” busca redescubrir o legado artístico de grandes mulleres da nosa terra, como é o caso de Rosalía de Castro, Maruxa Mallo ou a soldadeira medieval María Balteira”, explica Dobarro. Neste sentido, as creacións de Julia Dopico con títulos como “ Meninha Balteira”, “ Miña Estrela” ou “Cores non ar” están inspiradas nestas mulleres. A xira de concertos está patrocinada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia contando co apoio das entidades que ceden os seus espazos para a realización destes concertos e o Concello de Ferrol. Unha proposta músico-cultural diferente, orixinal e única con entrada libre.

Na xornada inaugural da Semana de Cine, presentación do libro ‘Un camiño de Cine Xacobeo’, da lucense Pilar Falcón

O próximo luns, 20 de setembro, xornada inaugural da Semana de Cine de Lugo, vaise presentar o libro UN CAMIÑO DE CINE XACOBEO, da xornalista e escritora lucense Pilar Falcón, Presidenta da Asociación de Xornalistas Galegos en Madrid.

A presentación, do mesmo xeito que a maioría das actividades complementarias da semana, farase ao aire libre, neste caso diante da Casa do Concello de Lugo, ás 12,00h., para respectar a normativa en relación coa COVID, e tamén para achegar máis directamente aos lucenses estas actividades, das que a presentación deste libro é a única na que Fonmiñá non ten directa vinculación coa publicación.

Incluír esta presentación nas actividades da Semana de Cine débese ao vencello da xornalista e escritora Pilar Falcón coa provincia e coa capital lucense, onde desenvolveu importante actividade durante os seus primeiros anos como profesional da información. Por outra parte, para Fonmiñá resulta obrigado promover esta presentación pola temática deste libro de investigación en relación co cine xacobeo, tan directamente vencellado con Lugo, terra pola que pasan tres dos grandes Camiños a Santiago, e coa base esencial desta Semana de Cine, empeñada sempre en divulgar temas relacionados co cine entre os lucenses.

Polo indicado, o Grupo Fonmiñá comprácese en invitar (acompáñase invitación) aos cinéfilos lucenses a este acto de presentación deste libro, que o luns xa estará á venda nas librerías lucenses.

A área de Medio Ambiente desprazará o luns a Augas Férreas o dispositivo integral de limpeza dos barrios

O próximo luns o dispositivo integral de limpeza habilitado pola área de Medio Ambiente se desprazará a Augas Férreas.

Así, nas vindeiras xornadas os efectivos das empresas encargadas do aseo urbano, o mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – unificarán os seus esforzos nesta contorna para mellorar o seu acondicionamento, sen descoidar o labor ordinario que levan a cabo diariamente.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de área, Miguel Fernández, explicou que “o operativo encargarase – de forma simultánea e coordinada – da roza de vías e predios municipais, da limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, do baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, afirmou.

O edil de Medio Ambiente incidiu tamén en que o obxectivo desta iniciativa posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez “é centralizar nun mesmo emprazamento as tarefas de conservación de todos os espazos públicos dunha mesma zona, para incrementar a súa eficacia e mellorar a imaxe destas localizacións e a calidade de vida da veciñanza que reside nelas”.

O tenente de alcaldesa referiu, así mesmo, que dende o ano 2020 o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación. E fixo un chamamento á poboación en prol do civismo, “clave para a convivencia” – sinalou,  apelando á veciñanza a traballar da man para preservar e manter entre todas e todos os espazos públicos en boas condicións”, concluíu Miguel Fernández.

Logo de que os traballos conclúan neste punto da capital, o dispositivo continuará por Fingoi.

A CHMS investirá máis de 3,2M€ en mellorar o saneamento e a EDAR de Vilalba

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, rubricaron hoxe o Protocolo de colaboración a través do que se adquire o compromiso para o financiamento, execución e entrega das distintas actuacións que mellorarán o abastecemento e o saneamento do concello.

O investimento necesario para as actuacións do organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en Villaba estímase en 3.250.000 euros.

“Un compromiso moi importante do CHMS con Vilalba, que nos permitirá avanzar coa mirada posta en solucionar un problema recurrente que afecta, por un lado, ao noso medio natural, e por outro, a moitas familias de Vilalba, dotando tamén de mellores infraestruturas ao rural grazas aos compromisos que hoxe adquirimos xunto coa Confederación Hidrográfica”, explica Elba Veleiro.

Pola súa parte, José Antonio Quiroga apuntou que “con estas actuacións solucionaremos a problemática antiga e recurrente de verquidos que sufre o río Madalena”.

Vilalba conta cunha rede de saneamento que leva as súas augas residuais á estación de depuración de augas residuais (EDAR) de Os Pasos, a cal recibe un caudal en tempo de choivas, que supera a capacidade de tratamento da mesma e que provoca numerosas verteduras residuais sen tratar ao río Madalena.

Para solucionalo, procederase á construción dun tanque de tormentas e outras actuacións de mellora do pretratamiento na propia EDAR.

Por outra banda, o polígono industrial de Vilalba está conectado á EDAR municipal, na súa gran maioría, e o resto á EDAR do polígono, o que provoca verteduras puntuais sen tratar ao medio acuático; por iso, é necesario conectar exclusivamente as verteduras industriais a esta última, evitando que recolla vertidos de pluviais que puidesen xerar alivios en tempo de choiva.

En terceiro lugar, en O Campo de Cristo, xunto á estrada N-634, existe unha pequena poboación, situada en Camiño de Santiago, conectada a unha fosa séptica non operativa, cun colector en mal estado; a opción máis viable é a reposición do citado colector dotándoo, ademais, dunha pequena depuradora.

Por outra banda, as ETAP de San Simón e As Cañotas contan cun sistema de depuración con filtros de area que, cando son lavados, xeran efluentes de auga con certa carga contaminante que é vertida a leito público; para liquidalo, sería necesario dotar a estas instalacións de decantadores lamelares que depuren as verteduras antes da súa saída ao cauce.

Desafio Volta Lugo Desafio Volta Lugo

Muras, terceira e emocionante etapa da 19ª Volta Ciclista a Galicia

“Unha etapa de media montaña, unha etapa para min trampa, podería decir”, afirma Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. Mañá sábado 18 de setembro sae e remata no concello do Xistral lucense unha das catro desta edición da competición, que comezou onte en Ponteareas. Por diante da casa de Álvaro Pino, o ciclista galego que conquistou en 1986 a Volta a España.

“O primeiro día sae un líder que manterase seguramente na etapa de hoxe en Ponteareas, porque é unha etapa para ver como están as forzas e os equipos. Pero en Muras vai ser difícil que o líder manteña o maillot amarillo. Coido que vai cambiar”, continúa Muñiz. “A de Muras é unha etapa esixente onde pode pasar de todo. Ou o líder sae reforzado ou muda o maillot, que case seguro será o que pase mañá”.

Con inicio e saída ás 14:00 horas na Praza de Galeguidade a etapa pasa tamén por Ferreira do Valadouro, Mondoñedo e Vilaba para volver a rematar diante do concello murense. Os retos están nos altos da Xerra do Xistral como o da Gañidoira. “Falamos dunha porcentaxe importante de pendente e de varios portos de segunda categoría que poden marcar as diferencias, como As Lobeiras, San Vicente e O Viveró”.

Unha homenaxe a Guillermo Sande Covelo. O seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, ademais de Director das Voltas Ciclistas a Galicia, falecía o pasado xaneiro dun infarto. Aos 55 anos e cando estaba coa selección galega no Campionato de España de Ciclocrós. Un tremendo e inesperado mazazo que deixou en parte orfa a unha federación que levaba 25 anos traballando con él. “Dúas das etapas desta Volta, e esta de Muras é unha delas, están deseñadas por él”, lembra o actual seleccionador, “en colaboración co alcalde, Manuel Requeijo ,e o tenente de alcalde Mario Rouco. Queremos facerlle con esta Volta, que remata na Serra da Capelada de Cariño -etapa que tamén deseñou e que é espectacular-, unha merecida homenaxe”.

O ano pasado, por razóns sanitarias, non se puido pudo celebrar a Volta Ciclista galega. Así que as ganas eran moitas. “Ademais poñemos en valor un hábito tan saudable como a práctica deportiva e máis esta, que ensalza a riqueza da paisaxe, da cultura e da gastronomía. Este ano temos unha Volta cun percorrido precioso”.

Adxudicado por 155.400 euros o contrato que actualice o proxecto da Rolda Leste

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 155.400 euros o contrato para actualizar o proxecto que completará a Ronda Leste de Lugo.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen lembrou que se estima un prazo de execución de 20 meses para as distintas fases, incluído o período de información pública, presentación de alegacións, informes preceptivos doutras administracións e redacción final do proxecto construtivo.

O contrato inclúe a realización dun estudo inicial das necesidades de actualización, tanto normativas como de trazado. Dacordo coa programación prevista, a empresa adxudicataria -a Ute Temha S.L.-Noega Ingenieros S.L.- terá o documento inicial para sometelo a información pública en sete meses.

Deste xeito, o Goberno galego avanza para materializar esta actuación, que permitirá completar os 2,8 km entre a estrada autonómica LU-530 e a N-VI e poder pechar o cinto de circunvalación de Lugo. Estímase que o novo treito terá unha intensidade media diaria de máis de 16.000 vehículos ao día.

futura infraestrutura restará tráfico das rúas da cidade, mellorará a mobilidade e favorecerá especialmente a accesibilidade cara ao hospital Lucus Augusti. A Rolda Leste ten un treito en servizo de 2,41 quilómetros, entre a N-640 e a LU-530, cunha intensidade de tráfico entre 6.000 e 8.400 vehículos ao día.


Imaxe de Arquivo: Técnicos da Xunta presentan aos veciños o trazado da Rolda Leste


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com