Novas

OLLO!!!!!! Copiar PE: Imaxe con licenza Creative Commons: CB Breogán

Feijóo enxalza a traxectoria do CB Breogán e as súas 25 tempadas no cumio do baloncesto

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a traxectoria do Club Baloncesto Breogán, o equipo galego que máis tempadas ten estado na máxima división nacional: 6 na Primeira División e 18 na ACB que, sumadas a esta nova que emprenden, farán un total de 25 tempadas no cumio do baloncesto nacional.

Así mesmo, recordou que o Breogán é o club máis laureado da Copa Galicia de baloncesto, con 13 trofeos, a primeira delas gañada no ano 86 e a última hai escasas semanas en Ferrol. “Estamos a falar dun club histórico cheo de triunfos e superacións, que segue a formar parte da historia do baloncesto galego e nacional”, abundou.

O titular da Xunta aproveitou o acto de recepción, ante o ascenso do equipo á ACB, para reiterar o compromiso da Administración autonómica co Plan de Patrocinio de Equipos de Alta Competición de Galicia, da Fundación Deporte Galego.


Imaxe con licenza Creative Commons: CB Breogán

Caldiae e Codex acollen a festa do cinema e da cultura freak co GFFF

O Galician Freaky Film Festival (GFFF) chega a Codex Cinema. Esta festa do cinema e da cultura freak celebrará a finais deste mesmo mes de setembro a súa nova edición convertido nunha referencia a nivel galego do cinema de terror, ciencia ficción, fantasía e serie B. Catro anos de certames de curtas, homenaxes, eventos especiais e moita festa que queremos celebrar con vós en Codex cun evento moi especial no que poderemos ver unha selección de curtas destacadas, introducidas pola equipa do festival.

Un pequeno festival dentro de Codex Cinema que contará con moitas sorpresas e un espírito festivo no que mostraremos o auxe deste certame que ten lugar cada outono en Vigo desde hai un lustro cunha programación atrevida e moi coidada amosando pezas curtas de festivais tan recoñecidos como Clermont- Ferrand, Sitges, Annecy, Sundance ou Toronto. E para acompañar este evento tan especial contaremos cun recital sonoro a cargo do músico Javier Miranda, que presentará o seu último disco Strange Imperfection nunha orixinal sesión audiovisual que mestura a electrónica minimalista con influencias do rock progresivo dos 70, o space-rock e a música ambient con elementos performativos e proxección de vídeo. Tanto as proxeccións como o espectáculo musical terán lugar o próximo sábado día 18 e será necesario reservar entrada debido ao aforo reducido.

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra superan xa os 26.000 viaxeiros

As viaxes en catamarán da Deputación de Lugo son un dos grandes atractivos da Ribeira Sacra para os visitantes deste territorio. No que vai tempada, que arrancou no pasado mes de marzo, máis de 26.000 persoas gozaron xa desta oferta turística, delas, 16.000 durante este verán, o que supón practicamente o 100% das prazas que estiveron dispoñibles. Nos meses de xullo e agosto, a alternativa polo Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, acolleu a 10.949 viaxeiros, supoñendo un 99% da ocupación. Pola súa banda, a ruta de Belesar acolleu a 5.043 persoas.

Tendo en conta que, a día de hoxe, xa están reservadas máis do 50% das prazas dispoñibles ata final de ano, a Deputación espera pechar esta tempada con 40.000 pasaxeiros.

A Deputada de Réxime Interior subliñou que estas cifras de ocupación “tan positivas” consolidan este servizo público da institución provincial “como unha oferta turística atractiva que contribúe a dinamizar a economía e recuperar os sectores do turismo, a hostalería e o comercio fronte ao impacto da pandemia”.

A Deputada explicou que no verán se deu un incremento do turismo nacional respecto aos meses anteriores, de comunidades como Cataluña ou Andalucía, e tamén percibimos a chegada de persoas estranxeiras”. Pola súa banda, a indicou que nas reservas dos vindeiros meses “vimos notando un cambio no perfil do viaxeiro e a demanda nas viaxes en grupo medra, sendo case a metade das reservas actuais”.

Rutas, reservas e horarios

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas. Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada. Dende o 12 de setembro e ata a ponte de decembro os catamaráns pasaron a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.

XLIII Semana de Cine de Lugo

Despois do acontecido na sociedade da que formamos parte, que -falando só de cine- nos obrigou a celebrar a Semana do pasado ano dun xeito especialmente constrinxido, fóra do calendario habitual, mesmo facéndonos comprobar e demostrar que o Cine é quen de superar todas as barreiras, enfrontamos a Semana de 2021 con igual entusiasmo e agardemos que mellores perspectivas.

Acomodándonos á normativa que as circunstancias propicien, volvemos ao tradicional setembro, con renovado entusiasmo, e o desexo de mergullar aos lucenses cinéfilos nun océano de cine, provocador e propiciador, para que a especial arte que conxuga imaxe e son, nos invada, nos inflúa, nos conforte…

E entre as homenaxes que co cine compartiremos teremos especiais mencións ao Camiño a Compostela que pasa pola capital, o Camiño Primitivo; honraremos a dona Emilia Pardo Bazán, na sua efeméride; terá Guitiriz un lugar especial con dúas producións que ao concello afectan; e exhibiremos un Ciclo Covid para homenaxear a todas e todos os protagonistas, por activa (profesionais da sanidade) e por pasiva (enfermos e falecidos), desta traxedia que se abateu sobre o xénero humano.

Honraremos a un actor lucense, de Riotorto, Luís Iglesia, que ten conseguido un principal lugar no cine galego, cun estudo sobre a súa vida e obra no que Manuel Curiel vén traballando desde hai tempo.

Na xa longa historia de organización da Semana fomos acusando o impacto de irreparables perdas na nosa xeografía humana, e este ano lembraremos de xeito especial a María José Vázquez Vizcaíno, esposa do noso compañeiro Carlos Rodríguez Arias, da que sempre valoraremos o seu apoio e entusiasmo.

E xa que este ano cumpriu cen o xenial creador da inmortal “Bienvenido Mr. Marshall”, o cartel anunciador da Semana, obra da artista lucense Sabela Arias, dá proba do noso agarimo polo xigante da sétima arte proclamando “Benvido a Lugo, Mr. Berlanga!”.

Que un tsunami de cine (135 películas) se abata sobre Lugo, e que nos deixe no posible limpos de malos recordos, e -como Berlanga “dixo”- despois de “El apagón”, de que “El verdugo” nos ameazase, saibamos torear “La vaquilla” e gozar dun tempo “Plácido”, no que poidamos vivir “Días de viejo color”, e xa que “La vida siempre es corta”, agardemos “Los jueves, milagro”, podendo sempre cantar “Las 4 verdades”, dentro da vida que sempre vén sendo “El extraño viaje”, e formando cada un de nós co cine “Esa pareja feliz”. Amén.

O PP bríndase a Méndez para consensuar unha normativa de convivencia que free os botellóns

O portavoz do Grupo Popular Ramón Carballo lamenta “a falta de implicación e a indiferenza do goberno local diante a problemática do botellón que deixou hai uns días unhas imaxes moi negativas para a nosa cidade”.

No PP consideran que “a alcaldesa non se pode escudar dicindo que estamos diante dunha problemática xeneralizada; somos coñecedores de que estamos ante un problema social e sabemos que non só ten responsabilidades o concello pero o que non admitimos é que da
batalla por perdida”.

Ante o que os populares tildan de “pasividade” da alcaldesa, o Grupo insiste en que hai que acordar un Plan antibotellón e suxiren que se poñan ferramentas para que a policía local actúe; tamén reclama un maior investimento en alternativas de lecer para os mozos así como programas de prevención. “Hai que tomar medidas para evitar que se desenfreo como pasou o pasado xoves” concluia Carballo quen advertiu que “non se debe demonizar á mocidade e responsabilizalos desta situación que xorde polo comportamento incívico duns poucos”.

Con respecto dotar dunha ferramenta legal o Grupo Popular pon de novo sobre a mesa a necesidade de acordar unha ordenanza de convivencia e explica que Lugo é a única gran cidade de Galicia xunto a Ourense que carece desta normativa. Nesta última cidade acaban de retomar este asunto que se inclúe dentro do pacto de goberno e que a oposición ao PP tombou no ano 2019.

O PP de Castroverde insta a Concello e Deputación a cortar as pólas dalgunhas árbores que invaden treitos de estradas municipais e provinciais

Os gobernos, de calquera ámbito, non poden atender ás necesidades dos administrados se as descoñecen. Seguramente, o alcalde de Castroverde e o presidente da Deputación, os dous do PSOE, están tan ocupados na atención dos problemas dentro do seu partido, que non teñen tempo nin ocasión de coñecer o que pasa no seu territorio. Só así se pode entender, di o portavoz popular en Castroverde, Rubén Otero, que descoñezan que os transportistas, as empresas que teñen camións, afrontan moitos problemas por culpa de que nin o alcalde, José María Arias, nin o presidente da Deputación, José Tomé, son conscientes de que hai moitos tramos nas estradas municipais e provincias nos que as pólas que voan sobre as calzadas provocan danos nos vehículos pesados e risco para a súa seguridade.

Por iso, Otero insta ao alcalde a adoptar medidas para que sexan cortadas as ramas alí onde é necesario, e a que xestione con Tomé que adopte medidas similares nas vías da Deputación, medidas que reclaman os titulares de vehículos pesados no municipio.

O portavoz popular en Castroverde explica: “En Castroverde hai moitos camións, entre outras cousas porque hai empresas que teñen frotas de certa importancia, e a maiores, claro, hai a circulación de camións de fóra do municipio. As ramas que voan sobre as estradas, a baixa altura, non afectan aos turismos, pero si e moito aos vehículos pesados”.

Otero engade: “Ao rozar coas cabinas ou coas lonas dos remolques producen danos. É moi desagradable e nada barato ter que sacar unha lona raxada por unha rama e ter que levala a coser”. O mesmo representante popular explica: “Cando esas ramas caen sobre a calzada, ben porque secaron, ben polo roce cos camións, constitúen un perigo para todo o tráfico”.

Os populares de Castroverde esperan que o alcalde tome nota e faga as xestións oportunas para intervir nos tramos nos que sexa necesario das estradas municipais e para animar a Tomé a facer o mesmo nas provinciais.

Aumenta a presión asistencial en Lugo nun novo día de baixada de casos

A provincia de Lugo descende, de novo, as súas cifras de covid. Todas menos as relativas á presión asistencial e aos contaxios, que aumentan lixeiramente.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, no que se cifran en 667 os casos activos, 60 persoas menos das que se rexitraban na xornada anterior. Malia as boas cifras, o certo é que os contaxios aumentaron con respecto á xornada anterior. Mentres o sábado o SERGAS rexistraba 14 positivos en probas diagnósticas, no día de onte Sanidade detectou 27 positivos novos.

No tocante á presión asistencial, a xornada de onte tampouco foi positiva. E é que Lugo rexistrou un aumento dos ingresados con 20 persoas en planta, fronte as 18 da xornada anterior; e tres na UCI. Por centros, o HULA é o que máis pacientes covid contabiliza con 11 en plan e 3 na UCI; o Hospital da Mariña ten 2 ingresados e o Hospital de Monforte conta con 7 pacientes en planta.

Dende o inicio da pandemia, en Lugo faleceron 241 enfermos de covid, mentres que 18.780 xa poden dicir que superaron a enfermidade.

 

A rexedora reúnese con veciños na súa visita ás obras do fibrocemento en Marqués de Ombreiro

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou as obras de renovación do fibrocemento que o executivo municipal está a executar na Avenida Marqués de Ombreiro cun investimento de 87.719 euros. En total, segundo apuntou a rexedora, a intervención afectará a 35 acometidas existentes na marxe dereita da vía, “o que permitirá modernizar este servizo, mellorando a calidade da subministración, ao tempo que apostamos por infraestruturas máis sostibles e eficientes”. 

Durante a visita ás obras, Lara Mández mantivo un encontro con veciños desta avenida, aos que agradeceu a súa comprensión polas molestias ocasionadas en tanto non rematan os traballos, ao tempo que atendeu as súas solicitudes. “Pedímoslles paciencia aos residentes e entendemos as incomodidades que poden atopar no seu día a día, posto que nesta rúa conflúen estes traballos cos do carril bici, porén agardamos que nas vindeiras datas poidan rematar co que melloraremos as prestacións desta vía”. 

Esta intervención enmárcase dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente consignou 1’2 millóns de euros. 

As actuacións terán como finalidade a substitución das tubaxes actuais por outras de fundición, máis resistentes e duradeiras, co obxectivo de pular pola sostibilidade, mellorando os servizos públicos, de forma especial naquelas zonas nas que as avarías na traída son frecuentes e teñen a súa orixe, precisamente, en seren as conducións de fibrocemento.

Volven baixar os casos activos por Coronavirus e os novos contaxios en Lugo

Nas última 24 horas baixaron na Área Sanitaria de Lugo, tanto o número de novos contaxios, detectáronse 14 casos, onte foran 50, como o número de casos activos; onte había 809 persoas contaxiadas e hoxe a cifra baixa a 727, 82 menos ca onte.

No resto do país a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.754 deles 1.005 son da área da Coruña, 391 da de Ourense, 248 da de Pontevedra, 575 da área de Vigo, 640 da de Santiago e 168 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI, 109 en unidades de hospitalización e 3.605 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 174.727 persoas curadas, rexistrándose 2.604 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.788.598.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.230.385.

Ribeira Sacra Cañóns

Esta semana a Unesco decide se a Reservera da Biosfera da Ribeira Sacra se converte na sétima reserva da biosfera de Galicia

A Unesco reunirase esta semana en Nixeria para decidir definitivamente se o espazo natural conformado pola Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel se converte na sétima reserva da biosfera de Galicia.
A última palabra sobre a candidatura impulsada pola Xunta de Galicia correspóndelle ao Consello Internacional de Coordinación do Programa Men and Biosphere (MaB), que a partir deste luns e ata o vindeiro 17 de setembro estará reunido na cidade nixeriana de
Abuja para deliberar e dar a coñecer publicamente os nomes das novas reservas da biosfera en todo o mundo.
A Ribeira Sacra afronta un momento decisivo na súa candidatura ante a Unesco, unha proposta impulsada e liderada desde o principio pola Consellería de Medio Ambiente, que se concretou a comezos do ano 2019 nunha primeira proposta, elaborada coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega.
Tras un longo proceso de participación pública e unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa MaB, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera a Ribeira Sacra chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco, que emitiu hai uns meses un informe favorable no que, ademais, felicitaba aos promotores polo traballo realizado e a “excelente” calidade do proxecto.
Case tres anos despois de que a candidatura galega botara a andar, a Xunta afronta agora con optimismo a deliberación definitiva dos membros do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB, máximo órgano reitor dentro da Unesco no que respecta
a esta prestixiosa figura.
Se todo transcorre segundo o agardado e a proposta galega sae proclamada en Abuja, a declaración da nova reserva da biosfera entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.
Deste xeito, Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel converteríase na sétima reserva da biosfera declarada en Galicia e na segunda máis grande da Comunidade, xa que este espazo natural, situado a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com