Novas

Suso e Xoán Ramón de Foz

Foz ven de vivir un dos actos máis fermosos que pode organizar un concello. Un dos focegos máis coñecidos, Suso Fernández, animador cultural, social e informativo, cronista oficial e Fillo Predilecto, por problemas de saúde, renunciou ao posto de Cronista, e o concello organizou unha homenaxe de despedida e, á vez, recepción do novo cronista, Xoán Ramón Fernández Pacios, destacado divulgador da historia da  súa terra.

Despedida e recepción, que me honrou conducir, completáronse coa presenza no proscenio de todos os concelleiros de Foz, que se reuniron en sesión plenaria para nomear ao novo cronista.

Escoitar ao representante do Bng mencionar a Cicerón e a Castelao, ou que o do P.P. citase a Manuel María – “se buscas a Galicia / en ti tes que atopala” – para afirmar que Fernández Pacios leva a Foz e a Galicia no corazón, e ver en directo o voto por unanimidade por Xoán Ramón para Cronista Oficial, foi o achegamento perfecto dunha corporación ao seu pobo, e a demostración de que todas as forzas políticas poden coincidir en algo ou en alguén cando fala a razón.

Se a esto engadimos a Banda de Foz interpretando unha peza na honra de Suso, o Himno de Foz e o Himno galego; destacados focegos loubando os máis de sesenta anos de Suso traballando polo pobo, e un público entregado en honrar a dous amigos especiais, obtemos como resultado un acto emotivo e confortador, oficialmente impecable, culturalmente exemplar.

Foz soubo despedir a un cronista meritorio e recibir ao que xa ten méritos abondos para escribir para o futuro sobre o Foz do presente. Que cunda o exemplo de honrar á xente da Cultura e humanizar a política. Será moi bo para todos.

 

Marijé Díaz medalla Pardo Bazán a título póstumo

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia congratúlase pola decisión da Xunta de galardoar a título póstumo a Marijé Díaz, falecida no 2009, cunha das tres medallas Emilia Pardo Bazán que concede este ano. Estes galardóns, creados no 2019, recoñecen accións relevantes a favor da igualdade entre mulleres e homes.

María Jesús Díaz Sánchez, máis coñecida como Marijé Díaz, chegou a CCOO a mediados dos noventa, canda moitas outras compañeiros e compañeiros procedentes da CXTG. Foi membro da Comisión Executiva Nacional de CCOO entre 1996 e o 2000, período no que asumiu a Secretaría de Relacións Institucionais e Acción Social.

Durante ese mandato desenvolveu un intenso labor sindical. Foi parte de organismos como os consellos sociais das universidades galegas, impulsora das Xornadas sobre o Salario Social e defensora da reforma da lei que regula a renda de inserción de Galicia (Risga), entre outros moitos fitos.

A súa preocupación e coñecemento polas cuestións sociais levouna a fundar no ano 2001, no seu Lugo natal, a asociación Alar Galicia para loitar polos dereitos das persoas máis desfavorecidas, «incidindo sempre no rostro de muller da pobreza e sempre loitando pola igualdade de xénero e potenciando os recursos das mulleres para acadar o apoderamento real», salienta o xurado que outorga as distincións.

Na súa etapa á fronte de Alar, a asociación elaborou informes e medidas de apoio contra a violencia de xénero e vítimas de violencia machista. Dirixiu, ademais, estudos de investigación social para sacar á luz a realidade das mulleres que máis sofren e proxectos de inserción social e laboral de mulleres en situación de precariedade.

 

visita praia das Catedrais Delegado da Xunta

A Xunta destina 215.400 € para a atención aos visitantes na praia das Catedrais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina 215.400 euros nos vindeiros dous anos (ata maio de 2023) ao contrato de atención a visitantes no Monumento Natural da Praia das Catedrais, en Ribadeo, cuxa formalización vén de publicarse na Plataforma de Contratos de Galicia.
Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao areal, onde explicou que o Goberno galego aposta por unha xestión “que logre compatibilizar o seu uso público ordenado coa divulgación dos seus valores naturais e a súa conservación”.
Nese sentido, referiuse ás medidas de reforzo dos paneis de advertencia, información e promoción e á contratación de guías para que informen aos visitantes e advirtan do que non se debe facer.
O servizo de atención ao público préstase durante os períodos con limitación de acceso á praia, Semana Santa e meses de verán -ata 30 de setembro-, así como en fins de semana ou datas festivas con moita afluencia turística, como o 1 de Maio, as Letras Galegas entre outras datas.
Un dos cometidos é controlar a entrada e informar sobre a normativa de uso do areal, como a prohibición de ir por fóra dos camiños e sendeiros, miradoiros e áreas de descanso, recolección de especies de fauna e flora, tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, realizar escalada ou similares ou destruír e deteriorar as formacións xeolóxicas, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a substracción de materiais.
Así mesmo, infórmase dos importes das sancións e dos riscos que poden existir e realízase o seguimento do comportamento dos visitantes. Nese sentido, Arias incidiu en que o coidado deste entorno “ten que contar coa colaboración de todos” e advertiu de que os malos usos “impactan moi negativamente sobre os espazos protexidos”.
O persoal contratado realiza tarefas divulgativas e visitas guiadas explicando os procesos xeolóxicos que motivaron a formación e evolución do monumento natural, así como os hábitats e especies existentes e as súas presións e ameazas.
“É moi importante este traballo de difusión para lograr a sensibilización e o compromiso social na conservación das Catedrais e para concienciar sobre o seu valor e sobre os riscos que pode conlevar un mal uso deste espazo”, salientou Arias.
O contrato inclúe tamén medidas de reforzo da sinalización de advertencia das zonas onde se poden producir desprendementos e a organización das áreas de aparcamento.
Atractivo turístico
“Cada vez máis persoas demandan desfrutar de forma segura e sustentable de espazos naturais protexidos como este entorno das Catedrais, que constitúe un dos principais reclamos turísticos da Mariña e de toda Galicia”, dixo Arias.
Lembrou que a raíz da aprobación do Plan de conservación deste espazo en 2015 regúlase o acceso á praia nas datas de maior afluencia e avanzou os primeiros datos de visitas deste verán. Así, indicou que no que vai do mes de xullo, 53.503 persoas solicitaron a entrada, sen que en ningunha xornada se alcanzara o tope máximo diario, limitado a 4.812 visitantes. O día con máis rexistros foi onte, luns 19, cando se ocuparon 3.572 das prazas ofertadas.

EXPERIMENTA II

O ciclo Experimenta II celebrarase os días 22, 23 e 24 de xullo en Lugo

O Ciclo Experimenta que organiza por segundo ano Tele-Clube   naceu o pasado 2019, como un proxecto que xurde “da incesante busca de dar outras vidas a agochados espazos da nosa cidade, e transformar o seu uso para outros destinos culturais e sociais para os que foron inicialmente deseñados, distintas artes coa música en directo como motor de movemento”.

O ciclo busca, “a riqueza e diversidade das linguas (este ano en portugués, galego, inglés, euskera e castelán), o audiovisual, a poesía e a mixtura da música folclórica e máis tradicional con propostas totalmente innovadoras e routuristas, son os eixos nos que se fundamenta esta nova andaina do Experimenta que se desenvolverá en tres escearios distintos: o adro e dous enclaves diferentes dos Xardíns da Deputación e os Xardíns do Museo Provincial… facilitando o movemento que provoca cambios na percepción no espectador, como actor principal do espectáculo, coa propia dinámica do cambio de tres espazos exteriores distintos, aínda coas limitacións que nos impón a pandemia, o público participante poderá desfrutar dunha viaxe sensorial sentado na súa cadeira.

XOVES 22 DE XULLO – 20:30h. Xardíns do Pazo de San Marcos

HOMEM EN CATARSE:

Homem em Catarse é o proxecto máis persoal do músico de Barcelos (Portugal), Afonso Dorido. Poderemos experimentar o seu directo, que -como di el mesmo- é “tomarmos en nós a alma de Portugal com base en todo o mundo” o xoves 22 de xullo, inaugurando o Experimenta II, nos xardíns do Pazo de San Marcos.

Afonso Dorido explora as cordas da guitarra e o corpo do instrumento para crear sons que nos fan lembrar a músicos como Vini Reily dos Duruti Collumn, o shoegaze de Slowdive ou o post-rock de Mogwai. Tamén forman parte das súas pezas, as súas verbas, cantadas en portugués e cargadas de sentimento, de Fado. Despois de ter recibido varios premios da crítica co EP “Guarda-Rios” e o álbum “Viagem Interior”, Homem em Catarse inicia o ano 2020 con “sem palavras|cem palavras”, baseado nun poema da sua autoría que da nome ao disco onde escoitamos por primeira vez un piano e unha caixa de ritmos en sintonía coa súa inconfundible guitarra e, esporadicamente, algunhas voces. Este disco foi considerado pola prestixiosa Headliner lusa como o mellor disco en solitario (música portuguesa) de 2020 e algúns dos seus temas soaron en radios norteamericanas (como por exemplo na reputada DKFM), e tamén en países como Australia ou Canadá.

VENRES 23 DE XULLO – 20:30h. Xardíns do Pazo de San Marcos.

AMORANTE:

Artista multiinstrumentista vasco, cunha voz desgarradora que por momentos semella Camarón cantando en euskera (ten cancións instrumentais, outras en euskera, algunha en castelán), mistura música popular dende un punto de vista contemporáneo, cun dos mellores directos, actualmente, do país.

Entre Rodrigo Amarante, músico brasileiro, e Enrique Morente, cantaor flamenco, brota a semente de Amorante. O artista de Elgóibar levaranos o vindeiro venres 23 de xullo, de paseo improvisado polos xardíns do Pazo de San Marcos desde o ancestral ao moderno ou do moderno ao ancestral, cun repertorio de música popular, respetando as tradicións, pero coas ferramentas da tecnoloxía máis moderna. Entre os instrumentos que lle escoitaremos tocar están a guitarra, o armonium, o ukele, o campano ou a trompeta e con eles experimentará en confabulación co público, como actor participante da súa obra, xogando tamén cos loops e sintetizadores.

Auguramos un concerto espectacular e sorprendente, pois da copla poderemos pasar á cumbia, o trap ou o afrofunk, nun despregue vocal que nos abrirá a nos tamén a boca. Abriremos tamén as orellas para captar as súas letras, algunhas delas en euskera, o que agradecemos porque trátase tamén, de que a lingua empregada no espectáculo sexa parte lenzo que pinta o artista.

SÁBADO 24 DE XULLO – 12h. Xardíns do Museo Provincial

STRANGE MYSTERY FLOWER:

Dúo formado polos irmáns Rogelio (Roger de Flor) e Amparo Arias, ferroláns, aínda que para este proxecto gravaron tamén co guitarrista/arranxista Raúl Diz, a cellista Macarena Montesinos ou o contrabaixista Íñigo Azurmendi e poderían acompañalos, algúns deles, en directo.

No seu directo, que se celebrará na sesión vermú do sábado 24 de xullo, desfutaremos dun espectáculo poético-musical multidisciplinar que en pouco máis dunha hora percorre o imaxinario poético de William Blake, a través destas xoias de pop atemporal de dous/tres minutos, algún que outro poema recitado.

Así contan os seus protagonistas onde atoparon o espíritu de William Blake e decidiron misturalo coas súas músicas:

“Todo comezou durante unha viaxe fascinante polo norte de Italia hai cinco anos, onde Roger descobre unha misteriosa relación cos poemas de William Blake. Eses escritos místicos e visionarios espertan o desexo do músico de compoñer melodías e cantalas.

Así é como se orixina SMF; e baixo este pseudónimo decídese a gravar dez desas cancións xurdidas durante a viaxe”.

LOS SARA FONTAN:

Para pechar esta segunda edición do Experimenta II, o sábado 24 de xullo, contaremos cun dos dúos máis intensos e sorprendentes do momento. Misturando a emoción experimental de Sara Fontán (moito máis que violinista) coa enerxía polirrítmica de Edi Pou (batería e 50% de Za!) brotan LOS SARA FONTÁN.

Sen discos nos petos, Los Sara Fontán só fan unha cousa e fana moi ben: o directo. Sempre en constante transformación, nunca escoitaremos dúas pezas iguais, pois, as súas execucións adáptanse aos espazos nos que actúan e, nesta ocasión, será nos xardíns do Museo Provincial.

Gústannos especialmente este dueto porque fala o noso idioma, pois abre a música a múltiples disciplinas, á danza (Los Sara Fontan & Sonia Gómez), á poesía (Los Sara Fontan & Blancallum Vidal) ou mesmo ao audiovisual (BSO de ‘Magaluf Ghost Town).

En tres anos de traxectoria como dueto, LOS SARA FONTÁN xiraron por España, Portugal, Francia, Suiza e Alemaña, incluíndo festivais internacionais (One Of A Million, BAM, AMFest, Sound Isidro, Eufònic, Alhambra Jazz) e templos do Do-It-Yourself (desde o Liceo Mutante ao Kastanienkeller de Berlin).

Sara Fontán, quen agardou 25 anos para porse ao fronte dun proxecto co seu nome, trala experimentación do uso do violín en diferentes formatos e estilos (na electrónica, con Árbol; na videodanza con PIÑA, na improvisación libre coa Orquesta del Caballo Ganador e no pop con Manos de Topo), usa o violín como punto de partida para chegar a calquera textura e invocar calquera estado emocional. Ao seu carón, Edi Pou (mitade de ZA!, referentes do underground europeo) asume o reto de “converter a percusión en melodía y tensar a dinámica do minúsculo ao épico”.

Publícanse as axudas para libros de texto e material escolar

O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, anunciou a publicación das listaxes das axudas para a compra de libros de texto e material escolar para familias con baixos recursos. “Seguimos a traballar na mellora dos tempos deste trámite, que este ano contamos con ter rematado de cara ao inicio do curso escolar”.

A concellería de Educación tramitou un total de 565 solicitudes, que optarán a un dos 400 cheques de 100€, ata completar un total de 40.000€ adicados a estas axudas. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope no 80% do IPREM.

As listas poden consultarse no taboleiro de anuncios do concello, no 010 e na web municipal, e as persoas que resultaran excluídas por falta de documentación terán de prazo até o 30 de xullo para achegala, antes de elaborar as listas definitivas

A área de Lugo supera os mil casos activos por Covid-19

Un día máis volven a subir o número de casos activos na provincia que xa supera os mil casos activos. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que nas últimas 24 horas confirmaronse 106 novos positivos na provincia o que eleva a cifra de casos a 1.023.

En canto ao número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 11.086 deles 1.898 son da área da Coruña, 2.014 da de Ourense, 1.879 da de Pontevedra, 2.490 da área de Vigo, 1.357 da de Santiago e 425 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 21 están en UCI, 119 en unidades de hospitalización e 10.946 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 128.174 persoas curadas, rexistrándose 2.442 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.468.140.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.281.726.

A policía levanta 17 actas de denuncias por incumprimento das normas Covid durante a fin de semana

Durante esta fin de semana, especialmente as noites do venres e sábado, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diferentes dispositivos para comprobar o cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, levantando 17 actas de denuncia polas seguintes infraccións:

 8 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia pola práctica do “botellón”.

3 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por non facer uso da máscara de protección.

5 actas de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por falta de respecto aos axentes da autoridade.

1 acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por quebrantar o horario de peche o responsable dun local de hostalería do centro histórico.

Os axentes ao facer unha inspección no interior do local, comprobaron que ás 3:20 horas había xente no interior consumindo e, ao abrir unha porta interior, observaron como nun anexo ao establecemento había máis xente consumindo, sendo trasladado o seu responsable a dependencias policiais para a súa identificación xa que non portaba documento algún. Así mesmo, os axentes levantaron acta da inspección para a súa remisión ao Servizo de Urbanismo do Concello.

Lois Celeiro pregoeiro da 2ª Festa do Peregrino en Triacastela

O xornalista Lois Celeiro foi o encargado de ler o pregón  este mediodía na vila de Triacastela co gallo da celebración da Segunda Festa do Peregrino desta vila da montaña luguesa.

Celeiro e orixinario das Terras de Louzara no veciño concello de Samos e un gran coñecedor do Camiño Francés do que ten escrito libros e artigos de prensa foi xunto co exconselleiro Victor Vázquez Portomeñe un dos creadores do Xacobeo 93, que cambiou para sempre a visión das peregrinacións a Santiago. Director de Comunicación da Universidade de Santiago e tamén profesor na súa Facultade de Ciencias da Comunicación. Celeiro é vicepresidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago e Académico Numerario da Academia Xacobea.

Este é o resume do pregón:

Saúdas

Estamos en terrar altas e montesias. Triacastela, abrigada pola Albela, A Meda e o Monte do Iribio, xa vén de vello. Alfonso IX, de León e Galicia, hai cerca de mil anos (s. XII), fundou Vilanova de Triacastela, unha vila impregnada pola cultura e o saber medieval, abrazada pola grandeza e a inmensidade da natureza, polas paisaxes divinas, polas estrelas celestes que orientaban o camiñar dos camiños cara a Santiago de Compostela, cara o fin da terra, cara a tumba do Apóstolo no Santuario erguido naquel monte do Libredón por outro Afonso, Alfonso II, El Casto, quen andou por estas terras xa no s. IX. Aquel Rei de Asturias educouse aí, ao lado, no Mosteiro de Samos.

Triacastela e todos os lugares da redonda teñen cravadas no seu ser as pegadas da historia, dunha historia que nos remonta aos tempos primitivos. A demostración máis elocuente é a Cova de Eirós, na parroquia de Cancelo, onde está cientificamente demostrado que houbo vida humana hai 50 mil anos. Nas súas paredes interiores hai mostras de pinturas artísticas, con 9 mil anos de antigüidade.  Xa son anos, verdade!

Son das máis antigas atopadas no Noroeste. A Cova declarouse BIC en 2019 e agora a súa protección está garantida, como deberíamos ter garantía da restauración e conservación das pinturas das igrexas de Cancelo, de Santalla do Alfoz e de San Salvador de Toldaos, onde loce tamén a Virxe Abrideira, de madeira, datada no s. XIV.

Respecto é o que pedimos e esiximos. Os de aquí, queremos compromiso e garantías de conservación deste patrimonio, que -por certo- é patrimonio da humanidade. Respecto ás ideas de cada quen, respecto ao Medio e ao Medio Ambiente. E, coidado, coidado absoluto da paisaxe, da natureza e das poucas riquezas que nos quedan.

Estamos, prezados veciños, nun concello pequeniño, pero con historia inmensa e valor determinante na construción de Galicia. Esta é terra de paso de peregrinacións e comerciantes, de cultura, de arte e de aportacións milenarias,  que tanto pouso deixaron dende os seus comezos. Os historiadores cóntannolo e, grazas a esas fontes históricas, sabemos que o pasado escribiu páxinas importantes da nosa historia, da historia de Galicia, de Galicia e Portugal, de Aragón, de León e Castela.

A principios do s. IX, o Rei Ordoño II ordenou a restauración dun Mosteiro desta localidade (de San Pedro e San Pablo) e decontado entrégallo á Igrexa Compostelá. Por aquí andou Diego Xelmírez e a Raíña Urraca, que se ben é certo que tiveron importantes desavinzas, souberon facer as paces en perfecta alianza e xuntaron esforzos para defender ao fillo da Raiña, Alfonso VII, que nacera en Caldas de Reis, o 1 de marzo de 1105.

Xa ven, este lugar que nos acolle e que nos honra coa bonhomía e xenerosidade das súas xentes, foi na Idade Media centro neurálxico para a toma de decisións políticas, guerreiras e relixiosas. Foi un dos lugares citados pola primeira guía de viaxes editada no mundo, o Códice Calixtino, o Liber Sancti Jacobi, de Aimerico Picaud, que se iniciou na época do arcebispo Xelmírez.

O Camiño xeraba negocio xa daquela. Segundo Aimerico Picaud, os hospitaleiros, taberneiros e os donos das pensións de Compostela mandaban aquí a axentes comerciais para recadar clientela para as súas pensións, ou viñan eles mesmos, facendo, nalgúns dos casos, anuncios enganosos e cobrando por adiantado.

Pero, de onde vén o nome da nosa vila histórica? Pois uns din que pola existencia dos tres castelos e outros interpretan que o nome está relacionado cos tres castros, que persisten: O de Triacastela, no lugar de Ramil; o de Lagares, de Santalla de Alfoz, e o de San Adrián, de Fompernal.

E hai tamén quen di que o significado do topónimo é “cara Castela”.

 

Non importa, xa dende hai moitos anos, sabemos que de Castela vénse por Triacastela e vaise, por Samos, Sarria e Barbadelo, cara a Compostela.

As parroquias deste concello teñen as oito topónimos escritos na antigüidade,  A Balsa  de San Breixo, onde tamén está San Pedro do Ermo; San Cristovo de Cancelo, con Folgueiras e Tras do Castro; Lamas do Biduedo e Santa María do Monte, honrando ás alturas, cerca do máis alto que temos por aquí. Santalla de Alfoz e San Salvador de Toldaos, a Vilavella e  esta de Triacastela, con Pasantes, Queixadoiro, Ramil e feira de cada un dos días 28. O libro “Triacastela, refuxio real”, de Xosé Manuel Salgado e editado polo Concello, amplía en xeito e forma isto que digo.

Uxío Novoneyra nun magnífico poemario seu, “Arredores e desvíos do Camiño de Santiago”, dedica uns versos a Triacastela:

DE cara a Triacastela / DE cara a Triacastela / polo cimeiro vial / por Liñares i o Hospital. / E se a terra tremela / derregar para Louzarela   …

 

Aí mesmo está Louzarela, preto do “Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe”, onde nace o Lóuzara, de camiño para Praducelo e O Alto da Pedra, no cimo, para ver toda a rodeada, para ollar un mudo enteiro e vir polo camiño do Iribio a Triacastela, por onde viñan cantando os carretos de bois, con carbón, madeira ou ferro.

Eu tamén son da Montaña, son do Samos alto, de preto do Caurel polo outro lado, de

cerca do Alto da Pedra. Entendo ben o dicir do poeta do Courel

(…)

E por Lóuzara/Padrocelos de Martín

trovador/hastra Samos. Retomado

o Camiño tra-la corta rodeada.  (Uxío Novoneyra)

 

Gustaríame falarlles algo máis disto, pero o calor aperta e o tempo pasa.

Teño tatuada na memoria unha lenda ou unha realidade que non se borra: a montaña desprende coñecemento e sabedoría; fala e aloumiña aos homes de palabra, desprende fiabilidade, seriedade e contundencia. Crea personalidade, ao longo do tempo, que por certo –para os que temos máis de sesenta- pasa voando.

Como guía para andar polas alturas, deberíamos ter presentes tres conceptos:

-Sabedoría / -palabra e -tempo

Os tres definen a grandeza desta terra. E, máis aínda para aqueles que saben que para gozar do sinxelo é necesaria certa altura. Altura intelectual como o birindeiro da Montaña, Antonio Río Montero, O Ribeira de Louzarela; como a daquel cura do Cebreiro Elías Valiña, como a dos artesán que traballan tanto como os outro traballan.

Eu moito lle debo a esta montaña, a estes pobos, a estas xentes, que son (sodes) todos a miña xente. Son xornalista por casualidade, máis ben débolles esta profesión na que traballei  e que tanto me gustou, a dous homes, Celso Emilio Ferreiro e Xesús Alonso Montero.

Cando o primeiro veu do exilio en Venezuela, o profesor Alonso Montero convidouno a dar unha conferencia en Lugo e, pola noite, un grupo de estudantes fomos cear co poeta a unha taberna de Recatelo. Foi naquela cea cando peribín a idea de que o xornalismo podía contribuír a cambiar o mundo, que tanta necesidade de cambio tiña.

Pero son da montaña de Lugo, destas terras, por nacemento, por veciñanza, por familia e por cultura. Igual que sodes vós.

Igual que o Ribeira e a súa familia, á que transmito os parabéns do cura Xesús Mato e a quen quero lembrar outra vez, cunha das súas regueifas:

Eu pensei que podía estar só , pero ben que me acompañaron.Doulle-las gracias a todos pola atención que prestaron.

 

Dixen.

 

Continúa imparable a subida de casos por Coronavirus en Lugo

Nas últimas 24 horas a cifra chegou a novecentos trinta e seis na área sanitaria de Lugo, esta nova subida  amosa que o andazo volve estar descontrolado e ben farían as autoridades sanitarias en aplicar medidas máis contundentes para frear esta escalada de novios contaxios.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 10.363 deles 1.730 son da área da Coruña, 936 da de Lugo, 1.948 da de Ourense, 1.797 da de Pontevedra, 2.319 da área de Vigo, 1.251 da de Santiago e 382 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 22 están en UCI, 100 en unidades de hospitalización e 10.241 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 127.922 persoas curadas, rexistrándose 2.442 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.462.257 e o de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.281.141.

Seguen a alza os novos contaxios na área de Lugo por Covid-19

Seguen a alza os novos contaxios na área de Lugo, nas últimas 24 horas o aumento de novos contaxios foi de 121 o que sitúa a cifra de casos activos en 797, noventa e sete máis que onte. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.417 deles 1.517 son da área da Coruña, 1.778 da de Ourense, 1.709 da de Pontevedra, 2.130 da área de Vigo, 1.137 da de Santiago e 349 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 20 están en UCI, 79 en unidades de hospitalización e 9.318 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 127.698 persoas curadas, rexistrándose 2.442 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.454.690. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.259.048.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com