Novas

Sen máscaras en exteriores e apertura do ocio nocturno a partir do 1 de xullo: así segue a desescalada

O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo vén de comparecer ante os medios hai escasos minutos para informar das principais medidas adoptadas polo Comité Clínico que asesora ao Executivo, despois da súa última reunión, onte á tarde. 

Feijóo asegurou que estamos ante unha situación de estabilidade e “de pandemia controlada” malia que animou á cidadanía a seguir, dixo, en alerta. Así o mandatario galego avanzou que este sábado entrará en vigor unha nova normativa que regulará os aforos. Así as terrazas do nivel máis baixo de limitacións poderán ocupar o 100% das súas mesas, mentres que no interior, polo momento manterán o aforo ao 50%.

Do mesmo xeito, dende o sábado a Xunta permitirá que bares e cafeterías sirvan na barra as consumicións, ao igual que o cliente poderá facer o pedido en barra. O que todavía non permitirán será consumir. Asemade, o ocio nocturno abrirá as súas portas, a partir do vindeiro 1 de xullo.

No tocante á retirada das máscaras, o comité clínico propuxo unha retirada ordenada en exteriores; é dicir, eliminar a súa obrigatoriedade salvo cando non sexa posible manter a distancia de seguridade dun metro e medio entre persoas. Nos espazos interiores, polo momento, seguirá sendo de uso obrigado.

Durante a rolda de prensa, Feijóo referiuse nun primeiro termo á nova situación de aforos que entrará en vigor o vindeiro sábado. Deste xeito, confirmou o aumento do 50 ao 75% do aforo en lugares de culto, academias e centros de formación, congresos, ximnasios, museos, arquivos e bibliotecas, acuarios e zoológicos; ademais do incremento de 25 a 50 persoas do número máximo de asistentes a un enterro.

Nesta mesma liña, anunciou a reapertura das áreas de descanso e de lecer infantil dos centros comerciais; o aumento da capacidade máxima das prazas de pé do transporte urbano, pasando dun sexto a un terzo; o contacto físico nos establecementos de actividades deportivas e nas academias de danza; así como a reincorporación de forma presencial, desde o 5 de xullo, dos empregados da Xunta que estaban teletrabajando de maneira excepcional.

 

Descende o ritmo de contaxios pero elévase lixeiramente o número de casos activos de covid

Baixa o ritmo de contaxios de covid na provincia de Lugo, ao tempo que descende de forma máis que significativa o número de altas médicas. Esto deixa á provincia, de novo, en ascenso no número de casos activos.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 164 as infeccións activas, 3 máis que na xornada anterior.

E é que malia que reducíronse á metade o número de positivos, que nas últimas horas foron 8 persoas, o certo é que o freo das altas médicas rexistradas nas últimas dúas xornadas está causando esta nova suba de casos.
Así, segundo informou o SERGAS, no día de onte tan só recibiron a alta médica 4 persoas, case igual que na xornada anterior que eran 6 persoas as que se recuperaban tras dar positivo en covid.

Outro baremo que continúa igual un día máis é a presión asistencial.O Hula segue rexistrando 4 pacientes en planta de hospitalización e un na UCI. O resto de hospitais continúan hoxe sen rexistrar casos covid.

E trala reunión, onte, do Comité Clínico que asesora á Xunta nas medidas a tomar en relación coa pandemia, o Executivo Galego tomou a decisión de pasar ao Concello de Castroverde ao nivel medio de restricións logo de se detectar un gromo a pasada fin de semana. Dende a medianoite do vindeiro sábado, entrarán no municipio as novas limitacións mentres que o resto de concellos da provincia continuarán no nivel baixo de restricións. O presidente da Xunta, comparecerá hoxe para expór as medidas acordadas polo comité clínico así como as condicións para a retirada da máscara ao aire libre que o Goberno central anunciou para o vindeiro 26 de xuño.

A Rúa Quiroga Ballesteros únese á rede peonil de Lugo

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, acompañado polo resto de concelleiros e concelleiras da Tenencia de Alcaldía e persoal técnico da obra e do Concello, visitaron a rúa Quiroga Ballesteros, que se vén de unir á rede de rúas peonís de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que “desde hoxe as veciñas e veciños contamos con máis espazo peonil no casco histórico, que xa está a ser utilizada por moitas persoas desde que se abriu o tránsito peonil”.

A rúa Quiroga Ballesteros únese aos 46.934 metros cadrados de rúas peonís da zona centro, contando as zonas peonís de dentro da muralla e o treito peonalizado da Ronda. “Con esta actuación ampliamos o espazo peonil ata chegar a completar un total de 49.584 metros cadrados de espazo para a veciñanza”, explicou Rubén Arroxo. Os espazos peonís do centro continuarán a incrementarse nos vindeiros meses, coa incorporación dos 3.660 metros cadrados do treito da Mosqueira, que está en execucion.

A actuación realizada de Quiroga Ballesteros incluíu a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e a instalación de novo mobiliario urbano. Ademais, ampliouse a zona de execución, mellorando tamén a estética da parte baixa de Santo Domingo, no treito de dobre curva que se atopa pegado á saída do aparcadoiro.

Desde a área de Cultura organizáronse unha serie de actividades para esta fin de semana, coincidindo coa apertura da nova praza peonil. Serán tres concertos de agrupacións locais de distintos estilos. Os concertos serán con cabida limitada e un espazo acotado, para garantir o cumprimento das recomendacións sanitarias vixentes no momento.

Os concertos comezaran o venres 25 ás 20:30 con Nebra, un grupo lucense xurdido no ano 2020 que fusiona aspectos vocais da música tradicional galega e do folk con sons propios do rock, metal e efectos de electrónica. As súas letras teñen unha temática centrada nas desigualdades sociais, no feminismo e nos problemas da saúde mental.

O sábado 26 ás 18:30 será o turno de Cine Mudo Animado, espectáculo de cine mudo de animación con música en directo da man do pianista Luís Monsalve, onde as familias poderán desfrutar dunha tarde de cine clásico para todos os públicos.

As actividades rematarán o domingo 27 ás 18:30 con Por Mi Swing, unha agrupación lucense especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50. Baixo a etiqueta swing  engloban moitos estilos que levan asociados uns bailes sociais moi populares na primeira metade do século XX en case todo o mundo occidental como o Lindy Hop, Claqué, Balboa, Charleston, Collegiate Shag, etc. O repertorio deste grupo engloba grandes obras co swing máis clásico sen descartar novas tendencias como o Neoswing e o Electroswing.

O Concello insta á Xunta a limpar a Muralla e cumprir as súas obrigas en prol da conservación deste Ben Mundial

O Concello de Lugo insta á Xunta de Galicia a limpar a Muralla e cumprir, así, coa súa obriga de mantemento deste Ben Mundial. Deste xeito o trasladou o tenente de alcaldesa e portavoz do Goberno municipal, Miguel Fernández, solicitando ao executivo autonómico que acometa a realización dos traballos ordinarios de conservación da Muralla.

Neste senso, o tamén concelleiro de Medio Ambiente, lembrou que a Consellería de Cultura e Turismo ostenta as competencias de tutela e protección sobre o monumento bimilenario “que, nestes momentos, presenta un estado moi deficitario con relación ao seu aseo, especialmente no adarve, que se atopa cuberto de herba e dunha cantidade inxente de maleza”.

Fernández deu conta de que “o desleixo é absoluto, como así o constatan as numerosísimas queixas cidadáns que recibimos ao respecto, manifestando a preocupación polo extremo ao que se chegou en moitos dos cubos onde toda, ou a maior parte da superficie peonil, está cuberta de herba e sucidade, dificultando a mobilidade, o que resulta indigno para un Ben coma este”.

“Dende a institución local pedímoslle, por tanto,que inicie canto antes, a retirada de toda esta vexetación da Muralla, para evitar o seu deterioro contribuíndo, asemade, á mellora da súa imaxe que, estamos seguros, redundará igualmente na percepción do conxunto da cidade”, abondou Miguel Fernández ao tempo que afeou o deixamento da Xunta xusto nun momento tan importante coma este, “cando comezan a diminuír as restricións sanitarias e agardamos a chegada do turismo, tan necesario para a recuperación económica da cidade”.

O responsable de Medio Ambiente apelou ao ente galego a asumir tamén o mantemento das zonas axardinadas sitas ao pé da construción romana, “que dende hai moito tempo e, en prol do interese xeral e da conservación do conxunto da cidade realizamos dende o Concello, sen que sexa unha competencia municipal”, engadiu Fernández.

Miñones cifra en 1.509 millóns de euros o protagonismo da provincia de Lugo nas políticas do Goberno

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, cifrou hoxe en 1.509 millóns de euros o protagonismo da provincia de Lugo nas políticas do Executivo central. Explicouno así tras manter o seu primeiro encontro institucional co presidente da Deputación lucense, José Tome, co que
repasou os principais temas de interese.

José Miñones constatou que “a provincia de Lugo é protagonista das políticas do Goberno” e asegurou que “nunca antes tivo o protagonismo que ten agora” ao contar con importantes investimentos. En concreto, fixo referencia aos 1.509 millóns de euros que chegan con dous obxectivos.

“Por unha banda, queremos recuperar o tempo perdido nas infraestruturas durante anos de abandono e, doutra banda, dar resposta á emerxencia sanitaria, social e económica provocada pola pandemia”, continuou.

O delegado do Goberno subliñou que “o Goberno de España dedicou, está a dedicar e dedica 734 millóns de euros ao escudo social que protexe ás familias de Lugo, aos seus autónomos, ás súas empresas, ás persoas. É coma se construísemos nun ano 3 HULA”, destacou. “Quero trasladarlles aos lucenses que o Goberno está presente na provincia e preocúpase e ocupa dos seus veciños e veciñas. Como dixen, nunca antes un Goberno fixo este esforzo en investimento social na provincia de Lugo”, lembrou.

O delegado do Goberno concretou os investimentos. En estradas foron 183 millóns de euros nos últimos anos, dos que 122,4 corresponden a novas infraestruturas e 60,6 millóns, a conservación e seguridade viaria. “Hai outras infraestruturas tamén importantes, como as que responden a unha nova política sostible e respectuosa coa contorna, que abordamos desde o Ministerio de Transición Ecolóxica. Máis de 22 millóns de euros na provincia para substituír luminarias por outras máis eficientes, para abordar plans de mobilidade sostible e para promover unha economía local máis sostible”, engadiu.

Está tamén a extensión da banda ancha, tan importante nesta provincia e no seu rural. “O último plan permitiranos levar nos próximos meses a banda ancha a 2.773 núcleos de 41 concellos”, subliñou.

“Por tanto, e a modo de resumo, un forte investimento e un forte compromiso do Goberno con Lugo. Investimento social e investimento en infraestruturas. Unha resposta que se incorpora e adecúase ao Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico”, asegurou.

José Miñones incidiu na importancia da “resposta firme e contundente que permitirá recuperar o tempo perdido nos últimos anos e que outorgará a Lugo o protagonismo que merece, con infraestruturas, con servizos e con políticas para que os lucenses, vivan onde vivan, conten coa calidade de vida e oportunidades que demandan”, rematou.

A Asociación Si, hai saída alerta sobre o mais que notable aumento da violencia machista e o risco de que sexa aínda maior no período vacacional

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero non podemos deixar de facernos eco do desorbitado incremento de casos de violencia de xénero que se están a cometer e que, nos tememos, será aínda maior por mor da inminente chegada do período vacacional, unhas datas sempre complicadas, nas que, por norma xeral, se produce un repunte da violencia machista, mentras que, pola contra, os recursos de asistencia e protección se ven notablemente diminuídos.

Se ben é certo que concordamos con que o final do estado de alarma ten moito que ver neste repunte, xa que a perda do control absoluto sobre as vítimas que os agresores estiveron a exercer mentras este durou fai que a súa agresividade medre, algo, por certo, sobre o que, desde Si, hai saída xa alertamos hai moito tempo sen que, por desgraza, se fixera nada por tentar previlo ou, a lo menos, palialo na medida do posible, non o é menos que o incremento da violencia machista se ven producindo xa desde antes de que ese estado de alarma fora decretado e que a situación, lonxe de mellorar, empeora de día en día, en toda-las súas facetas, incluída a que tal vez sexa a mais cruel, a violencia vicaria, e todo isto, como dicimos, nun contexto no que gran parte da sociedade e o Goberno semellan normalizalo cada vez mais, amosando unha gran e moito nos tememos que non sempre desinteresada implicación cos casos mais mediáticos, pero ignorando case por completo as vítimas anónimas, a inmensa maioría, que son automaticamente esquecidas despois dos consabidos minutos de silencio.

A chegada do período vacacional, case sempre conflitivo, especialmente naqueles casos nos que existen menores e, porén a obriga de repartirse istos períodos entre ambos proxenitores, pode selo especialmente este ano, no que, por mor da pandemia, os réximes de visitas se viron alterados ou directamente suprimidos, coas consabidas tensións que isto xerou, cuxas pegadas se deixaron notar, e que coa chegada das vacacións de verán, nos casos mais problemáticos, se fai especialmente perigoso.

Malia isto, e malia as tráxicas cifras de vidas brutalmente truncadas de mulleres e menores que non deixan de medrar, non temos noticia de que se estea a implementar ningunha medida especial para tentar evitar males maiores, obviando toda prevención, polo que entendemos que se deberían destinar recursos a medidas tan elementais como contratar persoal que substitúa ao que disfrute das súas vacacións no Punto de Encontro, as que, loxicamente, teñen dereito, evitando así o peche durante dúas semanas cando mais preciso ou a que os efectivos policiais na Ufam estean baixo mínimos nos meses de verán, como sucede cada ano que son,ou deberían ser, prioritarias.

Agora, menos que nunca, non é momento de baixar a garda. A prevención é vital. Así mesmo, queremos facer un chamamento especial a veciñanza, familiares, compañeiros de traballo, círculo de amizades, etc, etc, para que, ante calquera sinal, por insignificante que semelle ser, que lles faga sospeitar que unha muller, un menor, está a ser vítima de malos tratos, dea a voz de alarma.

Mirar a outro lado non é unha opción, agás para converterse en cómplices do agresor, e un xesto tan sinxelo como levantar un teléfono pode salvar vidas. Contalo a posteriori diante dunha cámara ou dun micrófono, de nada serve, como de nada serven os minutos de silencio.
NIN SALVAN, NIN DEVOLVEN VIDAS.

Socialistas de Antas acusan ao alcalde de “agocharse ante o debate sobre temas vitais”

Os socialistas de Antas de Ulla acusan de desidia e despotismo a Javier Varela polo seu comportamento abusivo, utilizando o cargo de Alcalde e a autoridade que lle confire en beneficio propio, cambiando as datas de celebración dos plenos ao seu gusto e necesidades, e non restando os prazos de celebración da xunta de goberno local. Así o dixeron tras coñecer a convocatoria do vindeiro pleno ordinario, para que o tiñan rexistradas dúas mocións que finalmente que non están incluídas na Orde do Día desta convocatoria.

Advirten que “se trata e dunha falla de respecto aos veciños e veciñas que democraticamente elixiron aos seus representantes municipais. Dende o noso punto de vista isto actitude responde ao temor que ten de enfrontarse aos problemas reais da veciñanza e á incapacidade para solventalos”.

Dende a Agrupación Socialista de Antas de Ulla demandan ao Concello “regular o uso das piscinas e das instalacións deportivas municipais, coa que reclaman que se impulse unha ordenanza municipal e que se prioricen as melloras no pavillón polideportivo”. E na outra moción rexistrada solicitan ao Alcalde, como membro do Consello Escolar, “que atenda as demandas da Escola Infantil co fin de mellorar este espazo educativo, “ou ben realizando unha mellora integral ou optar por trasladala a un local máis axeitado”.

Ademais, para debater nesta mesma sesión plenaria presentaron un rogo co fin de execute na súa totalidade, e con carácter inmediato, “as obras previstas con cargo ao Plan Único Provincial e ao Plan MARCO Autonómico”.  Argumentan que  o rogo está motivado porque os prazos de execución nalgunha destas actuacións están a piques de rematar, “concretamente no caso do Plan MARCO do ano 2021 remata o 10 de setembro do 2021, e no Plan Único da Deputación de Lugo do ano 2020, o prazo remata o 30 de setembro do 2021”, replican.

O Concello cualifica de “éxito” a XX edición do Arde Lucus

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo este martes un balance “moi positivo” da XX edición do Arde Lvcvs que definiu como un “éxito”. A festa de recreación histórica tivo lugar dende o pasado xoves ata o domingo, e “houbo xente” pero non “aglomeracións” sinalaba a rexedora, que tamén destacaba o bo funcionamento das actividades incluídas nunha programación 100% segura, con control de aforo, circuítos de entrada e saída ou cálculo de visitantes.

A climatoloxía non conseguiu deslucir a festa, e aínda que houbo que cambiar a ubicación dalgún acto, os asistentes acudiron de igual modo á convocatoria. A ocupación hoteleira chegou a estar preto do 88%, porcentaxe especialmente importante nun momento de dificultades económicas derivadas pola pandemia.

A rexedora destacou o alcance social, turístico e económico incidindo que Arde Lucus é un dos motores imprescindibles para axudar ao desenvolvemento da nosa cidade e para que cada vez mais xente nos coñeza e nos visite vía presencial ou vía online como nesta edición na que a través das redes sociais chegamos a preto de 500.000 persoas de España, Portugal, Bolivia, Estados Unidos, Arxentina, Italia ou Reino Unido….

A rexedora subliñou a implicación total do pobo de Lugo e concretamente das asociacións que recibiron máis de 2.500 asistentes por campamento, Méndez destacou que “os asistentes foron responsables respectando en todo momento as medidas de seguridade e destacar a implicación das 19 asociacións que se volcaron novamente con esta festa de recreación histórica que volveu a tinguir ás rúas de Lugo, de historia e do noso pasado” cumprindo de maneira exquisita deste xeito as expectativas do Goberno.

Outro dato que da idea da dimensión que acadou a festa foi o incremendo nun 15% de toneladas de lixo que recolleu Urbaser das rúas da cidade dende o pasado xoves.

Póla súa banda o edil de Xuventude anunciou, que trás o éxito desta edición “comezaremos a traballar na vindeira edición cas miras postas en que sexa declarado Festa de Interese Turístico Internacional.

A rexedora agradeceu ás 19 asociacións participantes, a súa implicación tanto na organización das actividades que englobaron estes festexos, ao longo destes 4 días como o resto do ano.

O PP invita aos lucenses a participar nun acto reivindicativo polos 365 días que leva pechado o novo Auditorio de Magoi

Mañá mércores 23 de xuño cúmprese un ano dende o acto de recepción por parte do concello de Lugo do novo auditorio de Magoi. O Grupo Popular quere visibilizar a urxencia de poñer en marcha esta infraestructura xa que, a medida que pasa o tempo, o edificio se deteriora por falta de uso.

Para visibilizar a necesidade de abrir esta dotación o Grupo Popular invita a todos os lucenses a participar nun acto  reivindicativo. Esta acción aberta á cidadanía terá lugar o mércores 23 de xuño ás seis e media da tarde. Os populares entenden que logo de que a Xunta investise 25 M€ nesta infraestructura hai que planificar como se vai xestionar e que contido se lle va a dar para que sexa unha referencia cultural do municipio e mesmo da provincia.

O voceiro do PP, Ramón Carballo, subliña que “creo que os veciños do concello de Lugo e tamén os de toda a provincia merecemos que se abra esta infraestructura” engadindo que agarda que pronto sexa “un magnífico escenario para a cultura”.

Repunte de casos covid na provincia logo dunha importante suba dos positivos detectados nas últimas horas

A covid segue sen estabilizarse na provincia de Lugo, a tres días de baixada de casos, séguelle, de novo, unha xornada de suba. Malia que non é un aumento moi acusado, retrotrae á provincia aos niveis do pasado sábado. 

E é que, segundo revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, a cifra de casos activos aumentou en 10 persoas, chegando ás 161. Esto débese hoxe en gran parte aos 16 novos positivos detectados, 7 máis que na xornada anterior, e ao descenso das altas médicas que se cifra en 6 nas últimas horas.

Así, dende o inicio da pandemia, na provincia de Lugo contaxiáronse do virus 13.117 persoas das que 12.735 xa recibiron a alta e outras 216 faleceron. 

Aumenta tamén hoxe a presión asistencial. E é que o HULA suma un ingreso en planta chegando aos 4 pacientes covid en unidades convencionais e un que continúa na UCI. 

Con todo, e malia suba dos contaxios os dous grandes cribados realizados na última xornada non atoparon ningún caso novo. Tanto o realizado en Castroverde a máis de 300 persoas logo de se detectar un gromo esta fin de semana vinculado a unha reunión familiar.  Neste caso, as pescudas iniciaron tras detectar once positivos na localidade e que logo afectou a veciños da capital. Con todo, dende a xerencia da área sanitaria precisan que a evolución dos gromos é estable e está acotada. 

Neste mesmo senso, a Deputación informaba esta mañá que as probas diagnósticas da covid realizadas a todos os traballadores da institución que tiveron contacto co cineasta Oliver Laxe nun acto realizado o pasado martes, deron todas negativo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com