O BNG-AA pide unha solución de accesibilidade nas paradas de bus urbán no entorno da estación de tren

A edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, informou que o seu partido pedirá unha solución para dar accesibilidade á parada de bus urbano situada na parte final da rúa San Eufrasio, no enlace coa praza Conde Fontao. “Para unha persoa con problemas e mobilidade é moi complicado chegar dende as vivendas de Montero Ríos e Sagrado Corazón ata a parada de autobús situada na parte da rúa S. Eufrasio máis próxima á estación” afirmou Maite Ferreiro. A retirada do semáforo de San Eufrasio provocou a eliminación do paso de peóns que daba acceso directo á parada de bus e esto obriga a facer un importante percorrido ás persoas usuarias, que “se fai moi tedioso no caso de persoas con limitacións de mobilidade” afirmou Ferreiro.

A distribución dos pasos de peóns e a ubicación das paradas de autobús obriga a que unha persoa que viva na zona Montero Riós, que é a marxe da rúa na que máis vivendas existen, e que teña que coller o autobús na parada da rúa San Eufrasio se vexa obrigada a baixar por unhas escaleiras “case imposibles” para persoas que teñan a mobilidade limitada. “Despois de superar este primeiro atranco hai que percorrer un distancia considerable para cruzar a rúa San Eufrasio, que soporta unha importante densidade de tráfico” informou Ferreiro.

“Entendemos que tanto a empresa de autobuses, que está a elaborar unha proposta de liñas, como o gabinete de tráfico terán que definir cal é a mellor solución” dixo Maite Ferreiro e adiantou “probablemente dende o goberno municipal nos contestarán que é un problema da Xunta por que non remata o Plan Paradai, mais o BNG-AA lembra que foi o anterior alcalde socialista quen aceptou esta paralización do Plan Paradai proposta polo PP”.

A edil do BNG-AA insta ao Concello a “buscar as solucións con axilidade e aplicalas por que as persoas que teñen que coller o autobús diariamente non poden agardar polas liortas entre PP e PSOE que teñen paralizado o Plan Paradai, nin por explicacións amparadas nunha maraña burocrática que non aportan solucións verdadeiras aos problema cotiáns da xente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com