O Centrad organiza obradoiros gratuítos para os máis cativos

A Deputada de Deseño e Artesanía en funcións, Regina Polín, presentou este xoves a nova programación de actividades organizada para este verán polo Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, para os máis cativos da casa. Serán 120 prazas totalmente gratuítas en obradoiros de contos reciclados, manualidades de verán, artesanía e ciencia, coiro, cestaría creativa e de reciclaxe, fotografía e scrapbooking, para nenos de 5 a 14 anos, que se desenvolverán en tres quendas diferentes, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 17 ao 31 de agosto, nas instalacións do CENTRAD e no obradoiro de cestaría do río Rato.

No acto de presentación, no que tamén estiveron presentes varios docentes destes cursos, Polín fixo fincapé no “éxito rotundo destes obradoiros” ao tempo que lembraba que na pasada convocatoria de Semana Santa cubríronse as prazas o mesmo día que se abriu o prazo de inscrición. “Isto demostra o interese que espertan estas actividades lúdicas-educativas nas familias luguesas”, destacou.

Para este verán o CENTRAD ten preparados 7 obradoiros gratuítos. Os nenos de entre 5 e 7 anos realizarán na primeira e na terceira quenda talleres de contos reciclados e manualidades de verán “crear e reciclar”. Os de 8 a 10 anos terán a oportunidade de practicar co coiro e de experimentar coa ciencia, tamén na primeira e na terceira quenda, e os mozos de 11 a 14 anos iniciaranse na fotografía e na cestaría creativa de reciclaxe nestas mesmas quendas.

Na segunda quenda os cativos dividiranse, tamén por idades, pero de diferente modo. Nenos de 5 a 9 anos realizarán contos reciclados e manualidades e mozos de 10 a 14 practicarán as técnicas do scrapbooking e fabricarán obxectos de coiro.

Para inscribirse nos Obradoiros Artesanais Infantís de Verán deberase presentar o formulario de inscrición debidamente cumprimentado. O prazo será a partir de mañá ata o 19 de xuño, ambos inclusive, e o formulario poderase descargar na web www.deputacionlugo.gal a partir deste venres. Este deberase entregar no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos, de luns a sábado, en horario de 09:00 a 14:00 horas. As inscricións realizaranse seguindo a rigorosa orde de solicitude, tendo preferencia os nenos dos solicitantes que acheguen un certificado de empresa acreditando que os pais traballan nos días de celebración dos obradoiros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com