O Concello do Incio propón renovar as instalacións de alumeado público de todo o termo municipal

O Concello do Incio aprobou no último pleno ordinario, a proposta da Alcaldía, participar no programa FEDER de renovación de instalacións e alumeado público para colaborar no paso a unha economía baixa en carbono e aforrar o gasto en consumo enerxético. A proposta foi aprobada por unanimidade.

O proxecto de renovación de instalacións de iluminación exterior no Incio ascendería a 522.478 euros, condicionado á obtención de cofinanciamento FEDER. O acordo sinala que se dispón dunhas instalacións completamente obsoletas con cableado deteriorado e luminarias vellas enerxeticamente ineficientes que é preciso renovar.

Así, proxéctase a renovación das instalacións de alumeado público de titularidade municipal ao amparo da convocatoria de axudas do “Real Decreto 616/2017, de 16 de junio, por el que se regula la concesión directa de subvenciones a proyectos singulares de entidades locales que favorezcan el paso a una economía baja en carbono en el marco del Programa operativo FEDER de crecimiento sostenible 2014-2020”.

En concreto, proxéctase a renovación de practicamente todas as instalacións de alumeado público de titularidade municipal. A actuación inclúe a instalación de novos cadros de mando e protección, das luminarias, dos brazos ‘yt’ de parte do cableado, e comprobarase o estado de outros elementos que permanezan, polo que se obteñen instalacións renovadas practicamente na súa totalidade.

Colocaranse equipos e elementos de tecnoloxía moderna e alta eficiencia enerxética (tecnoloxía LED, protección térmica e diferencial, acendido mediante programador astronómico, equipos electrónicos multinivel preprogramado…)

Estímase que a achega municipal (20% do importe total) retorne aproximadamente en 2 anos (co aforro económico derivado da redución do consumo, e o aforro económico adicional derivado das menores necesidades de mantemento). En definitiva, obtéñense instalacións que proporcionan un mellor servizo aos veciños e veciñas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com