O Concello eleva a 481.000 euros as axudas a entidades deportivas e culturais

A Xunta de Goberno aprobou as bases para convocar as subvencións de 2025 e do primeiro semestre de 2026

A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou, fóra da orde do día, as bases das subvencións destinadas ás asociacións deportivas e ás entidades sen ánimo de lucro que desenvolven actividades de Cultura, Educación, Deportes, Infancia e Xuventude.

O acordo permitirá iniciar a convocatoria correspondente a 2025 e ao primeiro semestre de 2026. O expediente xustifica a urxencia pola necesidade de evitar máis demoras na concesión e no pagamento destas axudas.

No ámbito deportivo, a achega municipal pasará dos arredor de 321.000 euros habituais a 481.000. Segundo o Goberno local, o incremento busca compensar os atrasos acumulados despois de que a convocatoria de 2024 fose publicada no Boletín Oficial da Provincia o 26 de decembro dese ano.

A alcaldesa, Elena Candia, responsabilizou o anterior Executivo de PSOE e BNG desta situación e destacou o esforzo realizado polos clubs para manter a súa actividade. O obxectivo municipal, indicou, é normalizar a tramitación e chegar a 2027 cun calendario anual ordenado.

Licenza para unha residencia en Recatelo

A Xunta de Goberno concedeu tamén licenza á empresa Ballesol para construír no barrio de Recatelo unha residencia con capacidade para 115 persoas maiores. O Concello considera que o proxecto contribuirá á rehabilitación e recuperación deste espazo da cidade.

Na mesma sesión acordouse responder á solicitude de documentación presentada por ADEGA sobre a pasarela peonil proxectada na Ronda da República Arxentina antes de avanzar na súa adxudicación.

O Goberno local aprobou, ademais, un patrocinio de 227.000 euros para o Caudal Fest, a renovación temporal da comisión de servizos da persoa encargada de Augas e unha atribución provisional de funcións para o capataz da Brigada Forestal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com