O Concello exonerará á Xunta do pago do IBI do Hula e de catro centros sanitarios para equipar o auditorio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes que o Goberno propoñerá ao Pleno a proposta para incluir na Ordenanza Fiscal número 203 (Reguladora do Imposto sobre os Bens Inmobles), unha exención a favor do HULA e catro centros de titularidade pública autonómica, que dependan ou ben do SERGAS, xa que outros centros ambulatorios non están ao seu nome, ou da propia Xunta: Residencia das Gándaras, Centro Curros Enríquez, Centro Rúa Fontelo e Centro Fontiñas; unha vez que o compromiso da Xunta de equipar ao auditorio sexa en firme.

Tal e como explicou a rexedora, o período de aplicación desta exención será de 6 anos, é dicir, ata o ano 2023, “ou o que é o mesmo, ata obter os 3,6 millóns equivalentes a equipar o auditorio. Despois non imos deixar de percibir dito imposto, xa que será o que garantice achegar a mellor cultura á nosa cidade”.

Faino tras a reunión de traballo mantida o pasado 10 de febreiro co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que Lara Méndez se comprometeu a estudar a súa proposta de eximir este imposto ao hospital e centros de saúde para equipar ao auditorio; e logo de ser un tema xa abordado pola mandataria local e o autonómico nunha xuntanza en agosto do 2015 e en dúas reunións coa Conselleira de Medio  Ambiente e Ordenación do Territorio, onde a propia Beatriz Mato se comprometera a solicitar financiamento noutras consellerías e no propio Ministerio.

Tras non recibir resposta da Consellería e ver como a Xunta propoñía pagar o equipamento a tres bandas, o Goberno de Lugo, responsable, e consciente de que Lugo é a única gran cidade de Galicia que non conta con auditorio, estudou a proposta de exoneración do IBI, posto que a súa máxima pretención é pór a disposición da cidadanía esta infraestrutura que marque un antes e un despois na vida cultural, social e de lecer da cidade, e que reforce a posición de Lugo no panorama da cultura de Galicia. “O talento, a creatividade e a riqueza témola; o que queremos é contar cos recursos necesarios para poñelos en valor”, asegurou Méndez.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com