O Concello fomenta a educación viaria entre os máis cativos cos cursos de Primavera Segura

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa, e a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, presentaron este xoves no Salón de Plenos os VI Cursos Primavera Segura, que acollerá o Parque Infantil de Tráfico dende o vindeiro 24 de abril. Deste xeito, o Concello, coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, continúa fomentando a educación viaria entre os nenos e nenas, de 8 e 14 anos, co obxectivo de que os máis cativos e cativas adquiran condutas seguras como peóns e viaxeiros e como usuarios do transporte público e privado, así como aspectos sobre tráfico, hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, e situacións de tráfico reais.

No acto de presentación, Manuel Núñez subliñou a importancia destas actividades, que achegan ao ámbito educativo o concepto de seguridade viaria, ao tempo que coñecen de xeito práctico os bos hábitos na vía pública.

Inscrición

Todos os interesados poderán inscribirse do 3 ao 17 de abril, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico, en horario de 09:30 a 14:00 horas. Deberán achegar a solicitude debidamente cumprimentada, a autorización familiar e unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. A lista de admitidos publicarase o 20 de abril no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A inscrición é totalmente gratuíta.

 5 quendas diferentes en función da idade

Estableceranse 5 quendas en función das idades dos cativos e cativas. Un primeiro turno do 24 ao 28 de abril para os nenos e nenas de entre 12 e 14 anos, un segundo e un terceiro, do 2 ao 5 de maio e do 8 ao 12 de maio, para os de 10 e 11 anos, e un cuarto e quinto, do 15 ao 19 e do 22 ao 26 de maio, respectivamente, para os nenos de 8 a 9 anos. As actividades desenvolveranse en horario de tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá ao menos durante unha semana seguida que será asignada previamente, recibindo formación teórica e práctica, coa finalidade de achegalos a situacións de tráfico, sen perigo ningún. Agrúpanse coa finalidade de incidir en temas concretos dependendo da idade, por exemplo, aos de 8 anos con máis relevancia no comportamento como peón e usuario do transporte público, ou os 10, como ciclista ou usuario dos monopatíns.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com