O Lugo gaña ao Alavés 1-0

Xornal de Lugo

Vitoria de importancia a conseguida onte polo CD Lugo. O tanto de Pablo Caballero na primeira metade deu alas a un equipo que se mostrou eficaz e práctico a partes iguais, e que soubo sufrir nos momentos de menor control. Encontro moi completo e que devolve aos lucenses ao camiño do triunfo.

Luis Milla comparecía en sala de prensa logo da vitoria obtida fronte ao Deportivo Alavés, e facíao feliz polo traballo do seu equipo, aínda que concienciado da dificultade do encontro. O técnico subliñou a complexidade do choque e do rival, destacando as capacidades do Alavés, combativo e fero ata o final.

Durante a comparecencia quixo incidir na mensaxe de continuidade e constancia xa habitual: é importante que o equipo siga elixindo correctamente os momentos e situacións de xogo, interpretando con éxito a opción para desenvolver en cada caso:

“Foi un partido que xa sabiamos que iamos ter. Un partido moi duro, moi longo, intenso. Cun Alavés que compite moi ben, sendo moi físico. É un rival duro, están convencidos do que fan. Nós, quizá, futbolísticamente non estivemos tan ben como estivemos o día do Córdoba CF, pero fomos atopandonos pouco a pouco. A primeira parte foi nosa, a segunda, foi do Alavés, isto é así. O acerto tivémolo nós. O outro día tivemos a sensación de mandar e non nos levamos o partido, esta categoría é dura. Hoxe tocounos sufrir ante un equipo que compite moi ben e que viña de meterlle tres ao líder”

“Compiten moi ben, teñen as ideas claras, teñen moito oficio. Creo, con todo, que soubemos sufrir, defendémonos ben nas segundas opcións. Ambos tivemos posibilidades de gol, o noso acerto fíxonos gañar”, concluíu o adestrador.

Xornal de Lugo

Diario de información xeral encol de Lugo e a súa provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

0 Comments
scroll to top