O PP afirma que o “silencio” Méndez no impago do aparcadoiro é que “ten algo que ocultar”

O Partido Popular amosou a súa inquedanza polo silencio da alcaldesa de Lugo diante do impago reiterado durante oito anos da concesionaria do aparcadoiro público da praza Viana do Castelo. Antonio Ameijide sospeita que “o feito de que a alcaldesa estea muda, diante deste preocupante caso, teña que ver con que o cambio de titular da adxudicación tivese lugar en época de Liñares”. O voceiro popular matizaba que “foi unha das últimas concesións que aprobou en xunta de goberno”.

Os populares, de ser viable, suxiren a rescición da concesión do aparcadoiro de Viana do Castelo e propoñen “poñelo en funcionamento estudando o modelo que sexa máis atractivo para a zona con novas condicións como podería ser, entre outras, a gratuidade das dúas primeiras horas de aparcamento”.

Antonio Ameijide explicou que “logo de saltar as alarmas e logo de coñecerse este novo caso de impago dunha concesionaria é preciso clarificar a situación na que está este aparcadoiro público municipal”. Para os populares este caso é de “extrema gravidade” insistindo en que agardarán a ir ao xulgado ata que reciban as contestacións oficiais á batería de preguntas que veñen de rexistrar para clarificar a situación deste aparcadoiro.

Entre as cuestións que reclaman solicitan que se cuantifique a débeda dos oito anos da prestación así como que se determinen as medidas tanto para saldar a débeda como para o futuro desta instalación. Entre outras preguntas que se formularon, dende as filas poulares, están: en que data remata a concesión?; a falta de pago do canon por parte da empresa concesionaria é motivo de resolución do contrato?; cantas inspeccións á explotación e a conservación do aparcamento se levaron a cabo, e cales foron as datas das mesmas?; cantas prazas ten na actualidade o aparcadoiro público de Viana de Castelo reservadas para os residentes en cesión permanente?; qué datos ten o Concello de Lugo sobre a explotación do estacionamento no relativo o uso do estacionamento, así como da entrada e saída dos vehículos, duración das estancias ou calquera outro tipo de datos estatísticos?.

Por último, Ameijide afirmou que “foi a nosa denuncia a que lles obrigou a abrir un expediente” indicando que “unha vez máis, forzamos aos socialistas a moverse e espertar da súa parálise” matizando que o que pasa en Lugo é “froito da incompetencia e o déficit de xestión da alcaldesa”.

Aberta unha inspección de tributos

En todo caso, e a pesares de que a rexedora aínda non se manifestou, si o fixo o voceiro municipal quen onte aseguraba que na Policía Local ten aberta unha inspección de tributos de facenda local e están a agardar unha resolución para tomar medidas; polo que piden precaución e cautela á hora de falar deste caso ata que non se teña  unha resposta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com