O PP de Lugo asegura que “non lle debemos nada ao Goberno do señor Sánchez”

Os populares de Lugo consideran que “o delegado do Goberno socialista faltounos ao respecto a tódolos lucenses”. É máis, “o delegado do Goberno adoptou, na súa visita a Lugo, unha actitude parasitaria” porque, en realidade, “todo o que se fixo en relación á alta velocidade na provincia foi grazas aos orzamentos consignados polo Goberno popular e non polo do señor Sánchez nin dos socialistas que incluso votaron en contra desas partidas”. Polo tanto, “non lle debemos nada ao Goberno do señor Sánchez”, segundo aclarou o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro.

O portavoz adxunto no Senado engade que “veu a enganarnos. Un claro exemplo diso é que en relación á alta velocidade non dixo o importante: que xa explicara en maio o anterior ministro, o popular Íñigo de la Serna, as actuacións necesarias e imprescindibles para a conexión a través de Monforte-Ourense de Lugo coa alta velocidade”, apuntou Barreiro.

O popular cre que “o delegado do Goberno tivo onte unha boa ocasión para explicar se se fixo algo; pero só falou das obras do AVE a Galicia sen falar nada de Lugo”. Así, ante a falta de explicacións concretas sobre a execución das partidas orzamentarias, consignadas polo Goberno popular co voto en contra do PSOE, temos que entender que o Goberno de Sánchez non fixo nada ao respecto nestes 7 meses”, indicou Barreiro.

Pola súa banda, o deputado no Congreso, Joaquín García Díez, lamentou tamén que o representante do Goberno en Galicia non aproveitase a súa visita a Lugo “para explicar en que situación se atopan os proxectos das variantes que vai levar a liña entre Lugo, Monforte e Ourense, a supresión dos pasos a nivel e a electrificación do tramo entre Lugo e Monforte que en maio o Goberno popular aclaraba que estarían listos para expoñerse a información pública no verán antes da súa licitación aportando documentos serios que recollían prazos e consignacións orzamentarias”. Daquela, recordou o popular, “os dirixentes socialistas na provincia, o señor Santos e a alcaldesa de Lugo, puxeron en dúbida as palabras do ministro popular. Pero, agora, o delegado do Goberno en Galicia repetiu estas mesmas palabras”. Nese caso, pregúntase “se a alcaldesa segue poñendo en dúbida eses proxectos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com