" />

O PP desvela que aínda lle quedan ao goberno facturas sen pagar do 2017

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desmontou as “mentiras
socialistas” sobre o período medio de pago a provedores (PMP) do goberno local, despois de que a concelleira de Economía, Ana Prieto, afirmara que este período é de 17 días. Un dato que o voceiro popular tirou por terra ao amosar facturas pendentes de pago do ano 2017.

Antonio Ameijide afirmou que, o pasado venres, a alcaldesa asinou un novo decreto no que levantaba máis pagos con reparos de legalidade, por valor de 1.618.482,43 euros, o que deixa o total anual en 9.258.247,72 euros, aos que se engaden os 2,5 millóns de euros con reparos de legalidade que se desbloquearon no pleno.

Entre as facturas que se aprobaron neste último decreto hai varias viaxes de novembro de 2017, a xestión catastral do terceiro trimestre do ano pasado ou unha factura referente á limpeza do vello cárcere, tamén do ano 2017. “Só con estas facturas se demostra que os socialistas seguen a mentir e que aprobar agora o pago de facturas do ano pasado non é pagar a autónomos e empresas lucenses en 17 días”, afirmou o popular.

Incluso, no que se refire ás facturas de viaxes, os socialistas seguen a financiar as viaxes do Concello con cargo aos autónomos de Lugo, facendo que teñan que soportar dilacións “extremas” no pago das facturas. Antonio Ameijide tamén explicou que aínda está pendente de pago a póliza do seguro de accidentes do Corre con Nós 2018, o circuíto de carreira populares que organiza o Concello e que xa se celebraron.

“O que está claro é que parece pouco responsable dilatar o pago deste tipo de facturas cando se fala da cobertura de probas deportivas, que a día de hoxe xa remataron, e nas que participan centos de lucenses”, explicou o popular.

O voceiro popular explica que o Concello segue a contar con 23 servizos sen contrato ou co contrato caducado, caducando 11 deles baixo o mandato desta alcaldesa, 6 foron herdados do anterior alcalde e outros 6 se prestan, directamente, sen contrato, unha situación que provoca que no Concello de Lugo se manteñan os pagos á marxe da lei e sen que a rexedora faga nada por solucionar esta situación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo