O PP presenta unha denuncia penal contra o goberno local por presuntas irregularidades nos contratos

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide acompañado por edis da agrupación, desvelou que o grupo popular ven de rexistrar unha denuncia penal para poñer en coñecemento do xulgado a situación dos máis de vinte de contratos caducados que ten o Concello asegurando que deron este paso por responsabilidade “logo de esgotar todas as vías administrativas e políticas que, segundo eles, tiñan ao seu alcance.

O voceiro popular explicou que se podería estar incurrindo nun posible delicto de prevaricación e malversación de caudais públicos considerando que existen indicios suficientes para abrir dilixencias co fin de aclarar esta situación.

Antonio Ameijide lembrou que, neste momento, hai máis dunha vintena de contratos caducados polos que se pagaron no ano 2017 máis de 20.5 millóns de euros e, no que vai de ano, xa se pagaron uns 13 millóns de euros entre os reparos levantados pola rexedora e os recoñecementos extraxudiciais de crédito que os socialistas levaron ao pleno, destacando casos de empresas que prestan servizo sen contrato dende hai máis de oito anos. “A alcaldesa, de acordo con informes do servizo de contratación, herdou 6 grandes contratos caducados, deixou caducar 11 grandes contratos e mantén outros 6 nunha situación irregular”.

O popular explicou que presentar esta denuncia “foi unha decisión dura, a única posible e é a última que nos quedaba, diante dunha alcaldesa que amosa un total desprezo cara ao procedemento de contratación e que se cre impune á lei”. Ameijide advertiu que os socialistas non poden alegar descoñecemento xa que “a alcaldesa tivo infinitas oportunidades para mudar de actitude e cambiar, nos últimos tres anos, a situación dos contratos irregulares” indicando que a rexedora “leva anos facendo oídos xordos ás advertencias dos funcionarios e ás da oposición”.

“Usan a metralla xudicial como inicio da campaña electoral”

Ante estes feitos, o voceiro municipal, Miguel Fernández enmarcou esta denuncia na estratexia popular de “xudicializar” a vida política. “Comeza a carreira electoral e o PP aumenta a súa metralla xudicial porque sabe que non pode gañar as eleccións nas urnas. É a única vía que cren que lles queda para tratar de gañar votos, porque proxecto de cidade non teñen e préstanse sempre ao desprezo da Xunta aos lucenses”.

Miguel Fernández recalcou que non hai caso, dende o momento no que a xurisprudencia determina que os contratos que se están tramitando non teñen condición xurídica de caducados. “Xa o explicamos á Corporación en relación co guindastre: a prestación dun servizo sen contrato non é ilegal dende o momento que se está a tramitar a licitación dos novos pregos. O resto é falsear e facer demagoxia”.

A día de hoxe, o Concello ten en tramitación máis de 80 contratos, deles tres na fase de elaboración dos pregos. Como pouco, asegurou Fernández, “é valente e ousado que o único partido político en Europa que está condenado por prácticas corruptas, feito que o desaloxou do Goberno de Madrid, faga esta acusación e nos dea leccións de ética”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com