" />

O primeiro xinete da Apocalipse

Recluído polo primeiro xinete da Apocalipse, quédame tempo abondo para o traballo, a conversa e as cavilacións, xa que poucas veces se pode apreciar con tal claridade a fondura do tempo.

Total é o paralelismo desta situación colectiva coa da Florencia de hai sete séculos, cando Giovanni Bocaccio xuntou nunha mansión a dúas millas da cidade a sete rapazas e tres rapaces, fuxindo da peste negra. Na voluntaria prisión, cada protagonista conta cada día unha historia, xurdindo unha xoia literaria na que os mozos xogan coa fortuna, a intelixencia e o amor.

Se Golpes Bajos proclamaba que se vivían “malos tempos para a lírica”, malos tempos totais resultan estes nos que os golpes baixos nos veñen de todos os puntos da rosa dos ventos, e as mancaduras non nos deixan tratar coa xente, facéndonos replegar nas propias cunchas precisamente cando estábamos convencidos de que os nosos destinos estaban na comunidade, en entidades cada vez máis grandes e fortes.

Ten que haber cronistas con inxenio e fondura que conten as historias normais de xentes coma nós, que un dia soñaron ser modernas, autónomas, potentes e empoderadas, e que nos costará traballo recoñecernos entre os humanos temerosos dunha incrible peste moderna, importada ou creada en laboratorio, mortífera, veloz, invisible, imparable, que nos fai retroceder séculos en caída libre, só freada –ou acelerada- pola inmersión informativa a través dos medios audiovisuais.

Xa que “primum vivere”, e que do malo sempre hai que aproveitar algo bo que poida ter, cavilemos, falemos e preparémonos para recomezar con forza cando a situación se volva normal.

Xulio Xiz

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo