O PSdeG pregúntalle a Feijóo se está de acordo con que o PP de Lugo pacte con partidos de ultradereita

O PSdeG lucense pregúntalle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, se está de acordo coas declaracións do seu partido en Lugo tras recoñecer explicitamente o seu candidato local que o PP está aberto a saltarse calquera liña vermella e negociar con partidos de extrema dereita con tal de chegar á alcaldía.

Ana Abelleira, secretaria xeral do PSOE lucense, esíxelle ao presidente da Xunta e presidente do PPdeG que se posicione claramente. Pídelle que confirme se apoia que o seu partido en Lugo aposte por non fixar cordóns sanitarios para alcanzar acordos con Vox, partido que, en vez de velar polos intereses de todos os veciños e veciñas, atenta directamente contra o 50% da veciñanza ao situar como primeiro inimigo ás mulleres e ao feminismo, precisamente por ser un movemento transversal, emancipador e igualitario.

O PSdeG lucense lembra que os dereitos e os consensos constitucionais non poden ser obxecto de negociación, e os candidatos do PP de Lugo acaban de admitir que pactarían cun partido que aspira a acabar non só co Estado autonómico, senón con valores como a igualdade, a solidariedade ou a inclusión.

“Que Vox é un partido machista, racista e homófobo xa se sabía. O que permanecía algo máis oculto – sostén Ana Abelleira- é a dose de todo iso que se mantén entre a dirixencia do PP”, por iso reclámalle a Feijóo que poña as cartas sobre a mesa de maneira clara e contundente, “sen medias tintas”.

Desde o PSdeG de Lugo tamén se critica o enorme “cinismo” do PP de Feijóo en Lugo.  Mandan aos seus representantes á inauguración da exposición recentemente inaugurada en O Vello Cárcere “Boix, o fotógrafo de Mauthausen”, onde ven as terribles consecuencias dos fascismos, mentres “gritan ao catro ventos que pactarán cun partido que o propio PP xa recoñece como de extrema dereita, cun partido que acaba de pactar a liquidación da Lei de Memoria Histórica en Andalucía”.

“As mulleres tomaremos medidas contra as políticas de ultradereita”

A edil do BNG no concello de Lugo, Maite Ferreiro, tamén alertou das intencións do candidato do PP en relación aos posibles pactos para acadar o goberno do concello de Lugo. “As mulleres, en Lugo, si tomaremos medidas contra as políticas machistas da ultradereita do PP” respondeu Maite Ferreiro e advertiu que “o BNG non vai permitir que se deixe de avanzar en materia de igualdade e na loita contra a violencia machista no concello de Lugo”

Para o BNG “as declaracións de Carballo non son sorprendentes” e Maite Ferreiro lembrou o sucedido, cando era subdelegado do goberno, e un violador actuou en diversas ocasións “a pesares de estar localizado e identificado, para a súa dentención actuouse dun xeito máis que discutible por ser fillo dun policía retirado”. Ferreiro lembrou, tamén outras manifestacións de Carballo cando lle quitou importancia a un caso de acoso no entorno do Miño en 2017.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com