" />

O Xulgado de Sarria acorda tomar declaración como imputado ao actual presidente da CHMS

O Xulgado de Instrución de Sarria acordou tomar declaración como imputado a D. Francisco Marín Muñoz, actual presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, no procedemento penal que se instrúe por un delito de quebrantamento de medida cautelar con ocasión das obras de canalización do río Sarria, a raíz dunha denuncia da Plataforma Sarriana polo Río.

Dende a plataforma explican que os feitos ocurriron o 7 de abril de 2014, cando foi cortada unha árbore na insua do Toleiro a pesar de estar en vigor a paralización da corta de árbores que este Xulgado sarriao acordara por auto do 25 de marzo de 2014. “A realidade deste feito xa foi recoñecida por varios dos declarantes no procedemento”, sinalan.

No mesmo proceso penal xa declararon como imputados a directora de obra, o anterior xefe de obra, o encargado de obra e o representante legal da empresa adxudicataria das obras do Proxecto de Canalización. “Agora o Xulgado chama a declarar como imputado tamén ao propio presidente da Confederación Hidrográfica, todo isto co fin de determinar a responsabilidade de cada un deles no incumprimento da orde xudicial de paralización da talla de árbores”.

A Plataforma Sarriana polo Río considera que este procedemento penal “pon de manifesto o desprezo dos responsables do Proxecto de Canalización pola legalidade e mesmo polas resolucións xudiciais. Os feitos coma esta imputación do presidente da CHMS veñen a confirmar que o Proxecto de Canalización do río Sarria está baseado na ilegalidade e por iso a Plataforma reclama novamente a súa paralización inmediata”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo