A oposición baralla a moción de censura a Lara Méndez

O Pleno de onte deixou certa resaca no Concello de Lugo e, as palabras que decía a alcaldesa, Lara Méndez, “poño o meu cargo a disposición”, deberon retumbar toda a noite nas cabezas dos voceiros da oposición pois, se onte se barallaba a posibilidade dunha moción de censura, hoxe foron os propios portavoces dos grupos quen comezaron a facer “campaña” pola alcaldía da cidade.

Ningunha das propostas que saíron a luz, ata o de agora, conta cos 13 apoios necesarios para que se leve a cabo esta moción pero xa todos traballan en promesas.

A primeira en sacar este tema no pleno de onte foi a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, quen lle cedía os honores ao PP “como grupo maioritario que é”, para loitar pola alcaldía. Louzao hoxe xa abría o abano e defendía que para sacar a Lugo “da parálise” é necesario “un goberno transversal e plural, representativo de toda a cidadanía” e, polo tanto,  “no que estean representados os 5 grupos que onte decidimos non outorgar a confianza a Lara Méndez”.

“Non se trata de cambiar un goberno en minoría por outro. Os 5 grupos da oposición debemos ter a capacidade de poñernos de acordo nunha folla de ruta para o ano e medio que queda de mandato. É o que nos reclaman os cidadáns”, afirmou Olga Louzao.

Quen tamén se mobilizou desde tempranas horas desta mañá foi o voceiro do Partido Popular, Antonio Ameijide, quen entregou aos voceiros de BNG, Lugonovo, Cidadáns e ACE-EU unha petición formal “para explorar as posibilidades que sexan necesarias e ofrecer aos lucenses a estabilidade e gobernabilidade que merecen” e nese senso “solicitamos formalmente a convocatoria dunha xuntanza para iniciar o diálogo previo para poder presentar unha alternativa”.

Ameijide puntualizou que logo do último episodio vivido, onte no pleno, que acredita “o desprestixio” do actual goberno socialista, “a alcaldesa debería dimitir”.

Do outro lado do equipo socialista, á esquerda, atópanse seis concelleiros que non teñen pinta de querer apoiar un goberno liderado polo PP. Así o afirmaba onte o grupo municipal Lugonovo, quen asegurou que “nunca propiciaremos un goberno de dereitas” e así o deu a entender esta mañá o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo cando se ofreceu a liderar un goberno ” á esquerda do actual”.

Rubén Arroxo avanzou xa as cinco primeiras medidas que tomaría como alcalde,”o derribo do Garañón, a peonalización da Mosqueira, facer dunha vez a zona pública de baño, modificar as liñas de buses para que estas sexan eficientes e sacar adiante os aparcadoiros disuasorios e así conseguiríamos neste ano e medio que queda de mandato, poñer a Lugo a funcionar dunha vez”.

Mentres tanto, a alcaldesa asegurou que non teme a moción de censura “eu puxen meu cargo a disposición porque o teño claro, entre un cargo e a cidade: Lugo. E non pode estar máis tempo sen orzamentos”. Lara Méndez falou de responsabilidade da oposición e responsabilidade propia e reiterou que “a moción de censura está ahí, pero estaba en 2015, en 2016, está en 2017 e estará en 2018; temos unha corporación moi plural con 6 forzas políticas e a aritmética é o que é, temos 8 concelleiros de 25. Se temo unha moción de censura? Non. Porque senon non houberan admitido a investidura como alcaldesa. O que me toque facer, fareino con responsabilidade ata o 2019 que sexan as vindeiras eleccións”, concluíu a rexedora.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com