Os alcaldes socialistas da Mariña únense para reclamar o remate da Vía de Alta Capacidade Costa Norte á Consellería de Infraestruturas

Os alcaldes socialistas da Mariña lucense ven “insultante” as “mentiras” vertidas no Parlamento de Galicia pola Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sobre a Vía de Alta Capacidade Costa Norte.

Os rexedores de Viveiro, Foz, Trabada, Lourenzá e Burela, que acompañaron á Deputada Patricia Otero para reclamarlle á Xunta prazos e orzamentos para esta infraestrutura, tildan de “prepotente” a actitude da responsable de Infraestruturas durante a súa comparecencia, e acúsana de “botar balóns fóra”, escusándose nun discurso evasivo no que “se limitou a culpar da súa incompetencia ao resto das administracións, cando a execución desta obra é responsabilidade exclusiva da Xunta”.

Séntense defraudados porque, en lugar de dar prazos e desbloquear os case 15 anos de paralización do PP, Ethel Vázquez confirmou que, “nin quere, nin ten intención ningunha” de facer realidade esta vía estratéxica para A Mariña, “comprometida polo Partido Popular hai 22 anos”.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lembrou que os mariñaos “levamos 14 anos esperando, e o Goberno do PP, primeiro con Feijoó e agora con Rueda, non fixo nin un só metro desta Vía de Alta Capacidade estratéxica para a comarca”, pois vertebra as costas das provincias de Lugo e A Coruña. Loureiro tamén recordou que, a pesar de ter solicitada unha reunión, aínda non lle foi concedida. “No último Pleno fixemos unha proposta para modificar o PXOM e facilitar á Xunta que saque adiante a variante, solicitándolle unha reunión cos voceiros da Corporación municipal. Pois ben, seguimos á espera”.

Tamén amosou a súa decepción o alcalde de Foz, Francisco Cajoto: “O que queremos cando se lle pregunta a Conselleira é que nos dea prazos e detalle as actuacións que quedan pendentes, e non só con infografías, senón con realidades, con planos, con proxectos, con expropiacións, e con construcións”.

Así mesmo, criticou a falta de concreción de prazos a Alcaldesa de Trababa, Mayra García Bermúdez, por parte da Xunta. “Dende logo queda constatado que esta obra da VAC non é unha prioridade para o goberno galego, porque nin quere, nin ten intención de facer realidade esta vía”. De pouco serve, denunciou a rexedora, que “ano tras ano haxa partidas orzamentarias para esta obra, cando quedan en papel mollado”, porque, “os veciños e veciñas da Mariña seguimos sen ver un só metro máis desta Vía de Alta Capacidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com