‘Os nove anos de Fraguas en Lugo’, chega a Salamanca

A exposición itinerante Os nove anos de Fraguas en Lugo, do Colectivo Egeria, chegará o luns día 28 de outubro ao Centro Gallego de Salamanca. Será inaugurada nun acto que terá lugar ás 19:30, e que contará coa presenza de Fernando Pampín, presidente do Centro, María Teresa Pérez, viúva do promotor do proxecto, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

A exposición estará no Centro ata o 1 de novembro, en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 horas.

O proxecto FRAGUAS EN LUGO está composto polo libro Os nove anos de Fraguas en Lugo, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou na cidade e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que está a percorrer toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.

Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo Instituto Masculino de Lugo lle
é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.

Polo recente pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, a homenaxe a Fraguas ven ser tamén unha homenaxe póstuma ao iniciador deste proxecto, o derradeiro no que con grande ilusión se involucrou. O proxecto Os nove anos de Fraguas en Lugo contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas as accións, e co apoio da Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com