" />

Políticos e colectivos da provincia reclaman máis tren para Lugo

“Vamos perder o tren” foi unha das frases máis repetida polos representantes políticos que participaron nos actos para reivindicar máis servizos ferroviarios na provincia. Ás 10:30 horas, multitude de persoas concentráronse diante da estación de tren da capital, entre eles o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, o presidente da Deputación, Darío Campos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, numerosos alcaldes de concellos lucenses, a maior parte deles socialistas e nacionalistas aínda que tamén algún independente, e deputados autónomicos e estatais.

Tamén acudiron personalidades relacionadas co mundo empresarial, social e veciñal. Destacan os representantes da Federación de Asociacións de Veciños, impulsora da plataforma Lugo…non perdas o tren e convocante destes actos de protesta, nos que ademais os participantes fixeron una viaxe reivindicativa ata Monforte no Alvia das 11:10 horas.

Besteiro, Campos e Méndez coincidiron en denunciar a “discriminación” que vive a provincia. A rexedora lembrou a xuntanza mantida co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que “se comprometera a dotar a intermodal da cidade, e a realidade é que cero euros no orzamento autonómico” mentres os presupostos, dixo, si contemplan ese mesmo investimento para outras capitais de provincia.

O presidente da Deputación, pola súa banda, advertiu de que “como sigamos así, en dous, tres, catro anos quedamos sen servizo de ferrocarril”. Do mesmo xeito, dixo estar asombrado de que “unha viaxe de Lugo a Ferrol tarde 3 horas e media”, unha situación que “explica como funciona o tren en Lugo”. Campos Conde aproveitou tamén para referirse a outras infraestruturas da provincia, como as viarias. “A N-640 de Meira a Lugo, a estrada da Costa…temos que rematar con esas políticas polas que nos está levando o PP”.

“Falta o PP”

José Ramón Gómez Besteiro botou en falta a representantes do Partido Popular nos actos de reivindicación. “Estamos todos aquí, aínda que falta o PP” dixo, e lembrou que “curiosamente no 2009 o presidente Alberto Núñez Feijóo garantiu que se Fomento non remataba o AVE faríao a Xunta, pero debeu ser unha promesa electoral”.

Tamén fixo referencia ao “momento de ebullición” que se vive na política nacional asegurando que “falar da unidade de España é falar de que os españois, e os lucenses tamén o son, teñan os mesmos servizos”.

“Unha manobra política”

O voceiro da plataforma, José Manuel Carballo, denunciu que “Lugo está quedando descolgado” en canto a frecuencias de tren e tamén en conexións. Carballo asegurou que “non podemos estar dende as 11:10 que pasa este Alvia (no que subiu a comitiva) ata as 19:25 da tarde sen pasar un tren pola estación de Lugo”.

Carballo considera que esta situación é unha “manobra política”, apuntando que o Goberno do Estado “está facendo traballos para privatizar servizos ferroviarios, e cantos menos trens e cantas menos estacións queden en servizo máis facilidades para que entren outras compañías”.

En canto á conxuntura na provincia, o portavoz pon o exemplo de estacións como a de Guitiriz, “cun tren ao día”, ao igual que Sarria, ou casos como os de Parga ou Rábade, “que son atarvesadas polo tren e van quedar sen este servizo”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo