Presentación do VII Street Market no que participan uns 80 comercios lucenses

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a presidenta e a tesoureira da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real e Marta López, respectivamente, a Vicepresidenta da Deputación, María de los Ángeles Teijeiro, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentaron este mércores no Salón de Plenos a VII edición do mercado Comercio na Rúa Street Market, que acollerá a cidade luguesa o vindeiro venres, 4 de setembro, dende as 10:30 da mañá ata as 20:30 horas de xeito ininterrumpido.

“O Concello colabora con esta iniciativa, posto que se enmarca na nosta aposta por impulsar o comercio, un sector estratéxico na nosa cidade, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos”, subliñou Méndez, que gabou que a campaña “contribúa a dinamizar economicamente a nosa cidade”.

No acto, a rexedora destacou a “estreita e continua” colaboración que se estableceu entre Concello e Asociación de Autónomas de Lugo para potenciar o comercio local de Lugo e dinamizar a economía e o emprego da cidade. “Esta cita é un acicate relevante para revitalizar ao pequeno comercio, que fixo moitos esforzos importantes para satisfacer as necesidades de todos os veciños e veciñas”.

Neste senso, Lara Méndez animou a todos os lucenses a achegarse este venres a esta sétima edición do Street Market, “que co paso dos anos se consolidou ata converterse nun mercadiño de oportunidades de referencia para todos os lucenses”.

O VII Street Market ofrecerá descontos de ata o 80% nun amplo catálogo de produtos dende téxtil, calzado ou complementos ata xoias ou lentes en ópticas. Na cita participarán uns 80 comercios de todos os sectores, ubicados en 19 rúas diferentes, Doutor Castro, San Pedro, San Froilán, Quiroga Ballesteros, Raíña, Rúa Nova, Praza Maior, Campo Castelo, Praza da Soidade, Armórica, Progreso, Armañá, Conde Pallares, Montero Ríos, Santo Domingo, Nóreas, Tenente Coronel Teixeiro, San Roque e Salmón. Todos os establecementos participantes estarán debidamente identificados.

O mercado Comercio na Rúa Street Market celébrase nos meses de abril e setembro coincidindo co remate das tempadas de inverno e verán, co obxectivo de atraer ao centros da cidade a lucenses e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com