Rubén Arroxo insiste na necesidade de que se poña en marcha un plan de prevención de atropelos

O voceiro do BNG – Asambleas Abertas no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo, de novo, que se poña en marcha un plan para reducir o número de atropelos que se producen na cidade. Arroxo sinalou que o goberno local non atende ás súas peticións e denunciou que non se controlen os atropelos pero sí os aparcamentos.

No primeiro día do mes de marzo, xa houbo un atropelo nas inmediacións do HULA co que se mantén, segundo afirman os nacionalistas, a media dun atropelo semanal no concello de Lugo. Rubén Arroxo sinalou que no mes de xaneiro houbo 5 atropelos no termo municipal de Lugo e en febreiro outros 5, co que suman 11 atropelos en total no que vai de ano entre os que houbo unha vítima mortal.

Rubén Arroxo, lamentou que entre as medidas que se están a tomar a respecto do control do tráfico non se tivese en conta ningunha medida para previr os atropelos.

 

O voceiro nacionalista lembrou, tamén, que se lle presentou ao goberno municipal unha proposta para poñer en marcha un plan de control semanal de pasos de peóns. “Este tipo de iniciativas xa se ten experimentado noutros concellos do estado e debe ter como obxectivo a información e non a sanción” dixo Rubén Arroxo.

Para a execución do plan de control semanal, de pasos de peóns, que propón o BNG, o goberno municipal debería poñer en marcha un operativo, contando coa policía local e a axencia de mobilidade, no que se seleccionen dez pasos de peóns conflitivos cada semana e establecer controis informativos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo