San Facundo de Ribas de Miño, o cemiterio de harmonía

O cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, no concello de Paradela, é o camposanto máis galeguizado do pais. Tanto, que o 100% das súas lápidas están escritas na lingua que falaron os que dormen  ali o sono eterno. Esto que deberia ser normal, sen embargo, non o é. A Asociación de funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) desde hai vinte e cinco anos vén convocando o Día da Restauración da Memoria Lingüística nas semanas previas ao día de defuntos.

Con esta iniciativa a AFNLG pretende instar á sociedade galega, e nomeadamente aos concellos, para que participen activamente organizando actos nos cemiterios municipais e parroquiais. Durante este período longo de tempo realizáronse actividades en moitos concellos. Amais de colocar unha placa na porta do cemiterio na que quede gravada a homenaxe á memoria colectiva (“Na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”), ali onde é posible, coa colaboración das familias, procédese a substituír  lápidas en castelán por outras en galego.

O cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño é o exemplo da harmonia entre a parroquia dos vivos e a dos mortos. Este proceder coherente débemos servir para que o seu exemplo sexa imitado polos máis de catro mil camposantos que hai en Galicia.

Se temos en conta que as estatísticas oficiais  nos informan que en Galicia prodúcense todos os anos ao pé de trinta mil defuncións, e que só un 2% das esquelas publicadas nos medios de comunicación se insiren en galego, decatarémonos de algo evidente: unha anomalia cultural. Como pode ser que nas parroquias onde os seus habitante son galegos falantes o cento por cento, cando pasan a dormiren fóra da casa, a memoria da súa existencia queda rexistrada  maioritariamente nunha lingua que nunca falaron de vivos, nin eles nin os seus familiares?

“En galego, agora e sempre” é a proposta da AFNLG para celebrar o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia que consiste na oferta que se lles fai aos asistente dos actos convocados a asinaren a Acta de Vontades, na que coa debida anticipación expresan o seu desexo de que chegado o día do seu pasamento queren que as cerimonias ,relixiosas ou civís, se realicen en galego. Un mandado expreso escrito para que os familiares a cumpran chegado ese fatídico  momento.

Esta anomalía cultural ten moitos e varios motivos. Pero todos de índole persoal. Porque nunca houbo en Galicia, como si ocorreu en Catalunya e Euskadi, unha normativa oficial en tempos da ditadura prohibindo as necrolóxicas e lápidas nos respectivos idiomas desas nacionalidades.  En Galicia a Igrexa, os cregos, foron en boa medida axentes desgaleguizadores. Pero van aló máis de cincuenta anos nos que desapareceron esas interferencias. Quedan, si, as inercias dun pasado que non damos superado por mor da falta de autoestima polo propio. As lápidas dos nosos cemiterios son unha representación esperpéntica do que hai que borrar ou, alomenos, superar.

A elección do tipo de acto fúnebres depende da decisión da familia do falecido. Todos os preparativos son escollidos á carta. Mais falta  a vontade de facelos no idioma familiar e, xa que logo, do  xa falecido. Por iso non podemos  aceptar argalladas e xirigonzas ante unha evidencia de renuncia expresa á lingua que nos uníu coa colectividade e na cal nos expresamos sempre.

Cómpre que nos esforcemos todos. Temos que poñer en práctica  unha nova pedagoxía que revalorice a nosa identidade cultural, agora e sempre, na vida e na morte, como reza o verso do poema do poeta Ramón Cabanillas.

Apelamos a intelixencia das nosas xentes, e sobre todos daqueles sectores que están na avangarda da defensa do noso patrimonio cultural, para que no seo familiar agrome unha maneira  de perpetuar a nosa memoria galegamente. De nada vale participar en actos esporádicos de liturxias patrióticas nas celebracións do Día das Letras Galegas ou da Patria, se despois, no momento máis decisivo das vidas, renegamos do noso idioma; ou o que é peor : se nos convertemos en actores do  ignominioso e perverso acto de enterrarmos aos nosos seres queridos noutro idioma distinto do noso.


Texto: Xosé González Martínez; Presidente do Foro E. Peinador

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo