" />

Senra: “O TTIP converteríanos en persoas sen dereitos escravas das multinacionais”

Na mañá de hoxe tivo lugar a votación do informe de recomendacións do Parlamento Europeo á Comisión Europea relativas ás negociacións da Asociación Transatlántica de Comercio e Inversión (ATCI) -máis coñecido como o TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership)-, elaborado pola Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo.

O debate e votación deste informe foron adiados polo presidente do Parlamento, o socialista Martin Schulz, na sesión plenaria do mes pasado, diante da posibilidade de que o mecanismo de resolución de conflitos ISDS ficase excluído.

Lídia Senra, europarlamentaria por Alternativa Galega de Esquerda en Europa sinalou que”hoxe asistimos de novo á confirmación de que a grande alianza neoliberal está disposta a empregar todo tipo de artimañas para sacar adiante instrumentos cos que someter aos pobos baixo os intereses do capital”.

Para impedir o bloqueo do ISDS foi presentada e aprobada unha enmenda de compromiso elaborada polo autor do informe, o tamén socialista Bernd Lange, que deixa a porta aberta á implementación destes tipos de tribunais entre empresas e Estados. Finalmente, o informe de recomendacións saíu aprobado con 436 votos a favor e 241 en contra.

 

Dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa e dende o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nordica explican”temos a responsabilidade de seguir alertando de que a Unión Europea e os Estados Unidos están negociando un grande nivel de transferencia de soberanía dos pobos ás grandes corporacións transnacionais”, sinalou Lídia Senra.

 

“De feito, moitos dos recortes impostos á cidadanía pola Troika a través do Partido Popular, como a restrición de dereitos laborais, os recortes en servizos públicos… ou medidas impulsadas directamente dende a Unión Europea, como a liberalización de sectores produtivos como o leiteiro, xa están na liña de preparar o terreo para este grande acordo que, se non paramos, convertiranos en persoas sen dereitos e escravas das multinacionais.”

“Estamos diante dun acordo que ataca a democracia”, advertiu a eurodeputada galega, “que ataca o principio de precaución, os servizos públicos, os dereitos laborais, as pequenas e medianas explotacións agrarias, as pequenas e medianas empresas, e que aparta aos produtores e produtoras dos seus mercados locais e de proximidade. AGEe votou en contra deste informe e seguiremos esixindo a suspensión inmediata das negociacións”, concluíu Senra.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo