A TIC e a AECC colaborarán para difundir campañas de sensibilización e concienciación na loita contra o cancro

O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a Presidenta da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Lugo, Mariluz Abelleira, asinaron este xoves un convenio de colaboración para dar maior visibilidade ao labor que leva a cabo este colectivo na provincia na loita contra esta enfermidade.

Con este acordo a TIC da Deputación contribuirá a que campañas de sensibilización e concienciación postas en marcha pola asociación cheguen a un maior número de persoas a través da promoción e difusión de audiovisuais en medios de comunicación e redes sociais, co obxectivo de sumar esforzos e recadar fondos para paliar unha das principais causas de morte en España. De feito, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), un de cada tres homes e unha de cada catro mulleres veranse afectados ao longo da súa vida por esta patoloxía.

Trala sinatura do convenio, que tivo lugar na sede que a entidade social ten en Lugo, o patrón da Fundación TIC, acompañado da responsable da organización, fixo un percorrido polas las instalacións para comprobar de primeira man o traballo que realizan nos distintos departamentos da xunta provincial de Lugo de AECC. Esta asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.

Primeira colaboración

A primeira colaboración ao abeiro deste convenio entre a Fundación TIC e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) será a gravación íntegra e posterior difusión do taller de alimentación saudable que a entidade levará a cabo o vindeiro 29 de marzo na cafetería do persoal do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

A actividade, que está dirixida a pacientes oncolóxicos e aos seus familiares, contará co relatorio dun profesional do Colexio Galego de Nutricionistas, e a demostración a cargo do cociñeiro do hospital lucense da elaboración dun menú que cubre as necesidades nutricionais para as persoas que estean baixo un tratamento contra a enfermidade. Segundo os datos da AECC, aproximadamente o 40% dos cancros poderían evitarse seguindo un estilo de vida saudable.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com