" />

Un operativo policial traballará as noites das fins de semana para evitar altercados

Lugo contará cun reforzo da vixilancia policial durante as fines de semana. A alcaldesa e a subdelegada do Goberno en Lugo abordaron esta mañá, nunha xuntanza celebrada na Casa Consistorial, a organización dos dispositivos que se desenvolverán na capital durante as fines de semana co obxectivo de disuadir comportamentos violentos e condutas incívicas.

“Sabemos, as cifras así nolo constatan, que Lugo é un municipio seguro, o máis seguro de Galicia pero, aínda así, conscientes da preocupación social que agromou tralos últimos altercados rexistrados no Casco Histórico, imos fornecer os efectivos para garantir a orde pública”, afirmou a rexedora.

Precisamente, neste mesmo sentido, a subdelegada do Goberno destacou que “Lugo é unha cidade tranquila e segura e as forzas de seguridade traballan para que continúe a ser así”. Así o demostran as estatísticas policiais que reflicten un descenso do 9,84% dos delitos graves e menos graves rexistrados na cidade o ano pasado en relación cos rexistrados antes da pandemia, en 2019.

A Subdelegada manifestou, en todo caso, que comprende “a inquietude que causa nunha sociedade tranquila como Lugo calquera agresión ou feito delitivo”, pero trasladoulle aos lucenses “a seguridade de que os profesionais da Policía saben facer o seu traballo e establecerán todos os reforzos de vixilancia que sexan necesarios”.

A subdelegada puxo en valor a profesionalidade e compromiso das forzas de seguridade do Estado e a súa estreita colaboración coas policías local e autonómica na cidade e a provincia de Lugo. “Esas son as nosas instrucións e así é como están a traballar, en coordinación, con prontitude e eficacia, para resolver calquera feito delitivo ou problema de convivencia que se produza”, explicou. Como mostra da boa coordinación existente, Rodríguez lembrou o gran traballo feito na protección dos lucenses nos peores momentos da pandemia.

Pola súa parte, a alcaldesa puxo en valor a colaboración e a boa coordinación entre os distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado que, “como aconteceu este sábado, posibilitou unha rápida e eficaz intervención para atallar a liorta que se estaba a producir nas inmediacións da Catedral”, sinalou. “Do mesmo xeito, durante as vindeiras semanas Policía Nacional e Local manterán diversos operativos na zona para realizar un control exhaustivo sobre as reunións e as concentracións de persoas que propicia o ocio nocturno nesta contorna”.

“Así incrementarase a presenza de axentes alí onde sexa necesario para velar pola protección da veciñanza e do patrimonio, para controlar que se respecten as recomendacións sanitarias en vigor e as limitacións establecidas pola pandemia, como xa se viña facendo até o de agora, pero poñendo o foco, nominativamente, en evitar calquera tipo de proceder indebido ou de enfrontamento”, afirmou.

A alcaldesa apelou, unha vez máis, á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo