" />

Unha nova oficina da Xunta asesora a persoas en risco de desafiuzamento

A Consellería de Política Social abriu unha nova oficina na Delegación Territorial da Xunta en Lugo para o desenvolvemento do programa Reconduce, co fin de asesorar ás persoas que estean en risco de sufrir desafiuzamento. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe un encontro cos dous traballadores incorporados para realizar este labor, que deben informar aos usuarios e xestionar os seus expedientes cos servizos centrais da Xunta, evitándolles desprazamentos innecesarios.

A oficina está situada na planta baixa do edificio administrativo, xunto co resto de dependencias da consellería de Política Social, se ben o programa Reconduce ten carácter transversal e implica a cinco consellerías. Tamén involucra ao Consello Xeral do Poder Xudicial e á Federación Galega de Municipios e Provincias, que subscribiron coa Xunta de Galicia un convenio sobre o desenvolvemento de medidas de protección social fronte aos desafiuzamentos.

Balseiro indicou que esta oficina ofrecerá orientación sobre as liñas de axuda e os pasos a dar ante casos de risco de desafiuzamento. Neste sentido, o delegado lembrou que a Xunta ten en marcha doce medidas para evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou por impago do alugueiro, “e con esta oficina pretendemos ofrecer un servizo próximo ao cidadán, que proporcione unha resposta áxil e adecuada a cada caso”. Entre estas medidas, apuntou o delegado, figuran o bono de alugueiro social, o censo de vivendas baleiras, asesoramento xurídico gratuíto aos afectados ou o Plan RehaVita, para facilitar o acceso á vivenda ás persoas con menos recursos.

Balseiro concluíu que “os desafiuzamentos son un drama, e a Xunta está a poñer todo da súa parte para poñerlles freo ou, cando menos, ofrecerlles aos afectados unha alternativa que lles permita acceder a outra vivenda”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo