Violencia de Xénero

A asociación “Si, hai saída” manifesta a súa preocupación ante as evidentes neglixencias na protección das vítimas de violencia de xénero e esixe que se tomen dunha vez por todas medidas efectivas e reais.

Desde a asociación Si, hai saída queremos manifestar a nosa preocupación ante as mais que evidentes e gravísimas neglixencias que se están a cometer na atención e protección as vítimas de violencia de xénero, e das que son tráxico exemplo os asasinatos machistas cometidos nos días pasados.

O caso de Andrea, a rapaza falecida na colisión supostamente provocada  do vehículo conducido pola súa exparella ou de Kenya, asasinada pola súa parella, son soamente dous tráxicos exemplos dun sistema, que, ademais de claramente ineficaz, minimiza o risco que corren as vítimas e deixan patente que, aínda a día de hoxe, cando o número de vidas segadas pola violencia machista acada cotas aterradoras, esta segue a ser considerada un delito secundario, ignorando, en non poucas ocasións, as chamadas de auxilio de quen a está a sufrir.

Nin a denuncia, no caso de Andrea, a que se lle prometeu unha protección que non chegou e a que tiña todo o dereito, nin as dúas interpostas por Kenya, que, como tantas outras mulleres na súa situación, seguramente por mor do medo, non quixo continuar o proceso, e que, sen querer, puxo en bandexa a escusa perfecta para a Fiscalía, que malia o mais que evidente perigo que corría non solicitou ningunha medida cautelar, obviando esa protección da que tanto se fala e case nunca se aplica, deixan ben claro a total desprotección e indefensión das mulleres vítimas da violencia de xénero e que case toda a batería de medidas que se nos está a vender por parte daqueles que teñen competencia directa nesta materia semellan ser, por desgraza, fume ou, como moito, pura teoría.

Así as cousas, desde a asociación “Si, hai saída” esiximos que, dunha vez por todas, se tomen as medidas reais e efectivas para que a masacre que non deixa de cobrarse as vidas de tantas mulleres poida ser paliada e que o sistema que ten a obriga de defendelas, de protexelas, actúe coa contundencia e a rigurosidade que unha lacra de tal gravidade require, esquecendo os intereses, e atendendo a que, sen ningunha dúbida, debe ser a maior prioridade: Salvar vidas, e que a nos, as mulleres, deixen de asasinarnos.

Marta Rodríguez Engroba

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com