Xosé Chorén reclama “valentía para apostar por un Lugo para todas as persoas”

Garantir a “igualdade de oportunidades e medios” a todas ás persoas á hora de “facer uso dos espazos públicos e privados e desenvolver a súa vida en Lugo”. Para Xosé Chorén, candidato de Lugonovo á alcaldía, esta debe ser unha “política prioritaria” para o goberno municipal no próximo mandato. “Se a cidadanía nos outorga a súa confianza para gobernar, o noso obxectivo é a Cota Cero: un Lugo adaptado para que as persoas con calquera tipo de diversidade funcional poidan vivir aquí, nunha cidade cómoda e amable”.

O alcaldable de Lugonovo fixo estas declaracións logo das xuntanzas que durante os últimos días mantiveron persoas da plataforma cidadá, como a nº2 da candidatura Cristina Pérez Herraiz, e a nº21, a traballadora social Sagrario Fernández Méndez, cos colectivos Aspace -Asociación de Persoas con Parálise Cerebral de Lugo- e Raiolas -Asociación de pais, nais e persoas con trastornos do Espectro Autista (TEA) e Trastornos da Comunicación Social (TCS)-.

Nestes encontros,  Lugonovo recolleu as achegas, experiencias e puntos de vista, así como necesidades, de ambos os dous colectivos no seu traballo diario a prol da inclusión das persoas socias. Para Chorén, “o feito de que non se sitúen as prioridades destes colectivos na axenda do Concello só se explica por un problema de empatía: hai que ter a valentía dun cambio integral en Lugo, na accesibilidade, nas dotacións, infraestruturas, servizos sociais e mesmo educación cidadá para adaptar o noso municipio á realidade da diversidade funcional”. Nesta liña, o candidato valorou moi positivamente os contactos coas asociacións xa que “falar con este tipo de entidades abre os ollos, fai mirar a cidade cotiá doutro xeito, e todas as persoas que estamos en política deberiamos escoitar máis a estes colectivos e poñernos na súa pel”.

“O que piden non é nada do outro mundo” aseverou o alcaldable de Lugonovo, para quen “mellorar a accesibilidade da cidade, adaptar espazos coma os parques infantís, garantir a funcionalidade e correcta adaptación do transporte público e mesmo un servizo de bonotaxis son cousas de sentidiño que non debería facer falta nin defender porque deberan ser xa unha realidade”. As cousas que estes colectivos reclaman “son aquelas que se soen dar por básicas, pero que para moitas persoas non están garantidas”.

Isto é, entidades como Aspace piden a “total equidade entre todas as persoas á hora de vivir na nosa cidade”. “É certo que fai falta un consenso moito maior que o das entidades locais, especialmente para garantir servizos coma o transporte interurbano”, lembrou Chorén.

Pola súa banda, Cristina Pérez reclamou a implicación efectiva dos poderes públicos para facer realidade a axenda das entidades sociais e de diversidade funcional. “É necesario que os servizos se garantan dende a administración” sinalou Pérez, para quen “é preciso ademais regularizar as subvencións para facer posible a continuidade do persoal que traballa coas persoas socias destas entides, que no caso de asociacións como Raiolas require do desenvolvemento de vínculos de confianza entre terapeutas e persoas socias”.

Para a portavoz municipal de Lugonovo “urxe a mellora da xestión das axudas a entidades sociais, tanto nominativas como de concorrencia, para axilizar o pagamento e evitar o afogo financeiro que ameaza a moitas destas institucións. Lugonovo xa incluiu durante a redacción do seu programa boa parte das reclamacións dos colectivos sociais e de diversidade funcional. “E vixiaremos dende o goberno o cumprimento desas reivindicacións”, aseverou Xosé Chorén.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo